23/01/13

Tres carreiras, Tres historias

23/01/13

Que vai primeiro no deporte?
Vencer ao contricante ou gañarse o seu respecto?
Superar aos demais, ou superarte a ti mesmo?
Competir ou ser persoa?

Historia 1.
Tes 17 anos. Campionato estatal. Saen 3.000 coma ti. A carreira é longa, pero veste con forzas. Sabes que non vas a gañar, pero esperas unha boa marca. Algo que te motive para seguir medrando. Botádesvos a correr. As sensacións non son boas. O tempo e os quilómetros pasan, e as contrincantes tamén. Vas quedándote soa. Non o entendes, pero as pernas non van. A cabeza empeza a dicirche cousas que non che gustan. Non vales. Abandona. Que fas correndo aquí? De que serve chegar última?... Pero resistes. Por orgullo, por afán de superación, por non decepcionarte. Non te paras. Segues correndo. E por fin, entras no estadio. Aínda hai público. Hai que dar a última volta con dignidade. Por toda esta xente, diste a ti mesma. De súpeto, distingues a alguén na pista. Unha atleta. Non avanza. Fixas a mirada. Fáltanlle uns metros, pero non se sostén e vai dando tombos, a punto de caír ao chan. É unha rival. Compites. Pero nin o pensas... Antes que deportista, ensináronche a ser persoa. (outra vista, aquí)



Historia 2.
Ti es atleta e estás a correr unha proba nacional. Un cross de 10 quilómetros. Tras 29 minutos de esforzo sobrehumano, co corazón latendo a 190 e o rostro desencaixado, sabes que vas segundo. Dóeche o corpo, pero máis che doe ver ao primeiro ao lonxe e saber que xa non queda tempo para alcanzalo. Mágoa. Tanto tempo adestrando e soñando esa vitoria na túa propia terra, diante de familia e amigos, para agora quedarse a tan só un paso da gloria... Un momento. De repente, o keniata párase a vinte metros da meta. Telo diante. Cun sprint abonda. Apretas o paso. Achégaste. Xa o tes. É teu... Entón reparas na xente, que lle berra ao primeiro que non se pare, que a meta está un pouco máis adiante, que aínda non chegou... Recordas. É keniata. Non entende nada. Gañaríame se coñecese a lingua, pensas. A carreira xa era súa... e fas, o que só uns poucos xustos son capaces de facer. O que só uns poucos son capaces de entender.



Historia 3. A miña favorita.
Barcelona, 1992. Xogos Olímpicos. Toca a proba dos 400 metros de velocidade. Por fin. Porque esta vez si. Esta vez ti, e soamente ti, es o máximo favorito para a medalla de ouro. Non é casualidade. Lembras os anos que levas (desde que tiñas 7) adestrando cinco días a semana, renunciando ao tempo libre cos amigos, controlando a dieta, coidando as lesións, sufrindo na pista. Sabes canto esforzo che costou, a ti e aos teus pais. Mentres quentas, co estadio a rebentar, pensas que hoxe por fin é o teu día. Que ninguén cho vai a arrebatar. Sonará o disparo de saída, e simplemente voarás. Comeraste a pista. Faralo por ti e polos teus. Daraslle esa alegría, pensas. Preparados. Listos. Pom! Saída brutal. Potente. Perfecta. Avanzas. Superas. Sentes os músculos funcionando a tope. Pasas a curva. Empezas a enfiar a meta. Veste gañando, e entón...


Aquel día Derek Redmond rompeu o tendón de Aquiles. A dor fíxolle chorar. Decidiu seguir. Completaría a volta. Caíanlle as bágoas, pero el aínda non sabía que esa sería a súa última volta. Non sabía que nunca máis podería volver a correr. Non sabía que estaba a punto de completar, coa mellor persoa posible, a carreira máis ovacionada e admirable da súa vida. 

Recibe os contidos no teu correo

3 comentarios

  1. Javier F. Abraira24/1/13

    Moi bo Miguel!

    Unha gran forma de rematar o día vendo estes vídeos. De feito non son capaz de decirche cal deles me emociona máis. Describes moi ben o que se sinte ao correr e nas carreiras populares. Utilizareinos como motivación para vindeiros retos... Noraboa!!!

    Javier F. Abraira

    ResponderEliminar
  2. Xurxo24/1/13


    Empezar a xornada deste Xoves emocioándome con estas tres leccións de vida (das que fan que te reconcilies co espírito humán)ata o punto de chegar a soltar unha bágoa coa derradeira historia de Derek Redmond, non estaba na miña axenda, pero agradézoche que fose así.
    Da gusto ver un pouco de luz na metade deste mundo (moitas veces merdento)cheo de sombras.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  3. Grazas amigos.
    Isto vén a conto do moito rebumbio que se montou con iso de que o atleta Iván Fernández (vídeo 2) "se deixara gañar", podendo vencer. De feito, o primeiro indignado foi o seu adestrador, que opinou ante os micros que había que ter máis ambición e non ir deixando por aí as oportunidades de gañar títulos.

    Pero eu non o vexo así. Creo que Iván converteu, con ese xesto, unha vitoria deportiva nunha vitoria persoal.

    E creo que todos precisamos hoxe moito máis de xestos coma estes, que de victorias aplastantes e desprovistas de valores.

    Celebro moito que vos guste!

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK