Saltar ao contido principal

Enterrado vivo, e outros contos de Defuntos

Foi Defuntos, ou como queirades chamarlle. O día dos mortos. Algo serio, sen bromas. E o rosmón de Caronte leva tempo murmurando entre dentes historias de mortos de verdade. "Cóntalles", dime el, tétrico e insistente. "Cóntalles o que atopaches en aldeas e o que liches nos libros. Iso si que sería honrar aos defuntos. Historias como a dos cinco cranios metidos na parede de fóra dunha igrexa, para lembrarnos que un día tamén nós seremos unha caveira sen ollos"... Desculpade a Caronte; xa sabedes, vai vello e canso, e esqueceu que esa é unha historia xa contada. "Cóntalla!", berra de novo, desta vez erguendo ameazante un remo. En fin... Collede unha manta. Tapádevos. Apagade as luces. Subide o son. Cun clic AQUÍ ou na foto, poderedes revivir, ver e sentir eses cranios de abaixo igualiño que se estiverades alí. Boa viaxe... (se xa os coñecedes, seguide lendo).


"Cóntalle entón a dos enterrados vivos". O que...? "Non te fagas o parvo. Fálalles da catalepsia. Os casos que coñecemos, o conto de Allan Poe, as caixas arañadas por dentro cando se reciclan as sepulturas dos cemiterios"... Hai historias que, en efecto, nunca esquecerei na vida, como as que teñen que ver coa enfermidade da catalepsia. Mortos que o parecen, pero non o estan. Mortos que foron enterrados antes de tempo. En vida. Para sempre. 

Enterrado vivo. Pode haber algo que dea máis medo? Imaxinades a agonía, a claustrofobia extrema, o horror de sentirse atrapado baixo terra, a escuras e sen apenas aire para seguir respirando? Nalgún momento da historia, esa foi unha forma cruel de execución. Como tortura era perfecta: a vítima duraba o suficiente tempo como para comprender onde estaba e o que lle ía suceder, experimentando un pánico físico e psicolóxico atroz. Insoportable. Pero despois, comprobouse tamén que algunhas persoas falecidas en circunstancias normais foran enterradas vivas. Semellaban mortos, pero, por algún motivo, non o estaban. O corpo detivérase, pero non morrera aínda. Ao desentarralos, as tapas dos ataúdes aparecían rabuñadas con violencia. No século XIX, foi cando máis se estendeu o medo a ser enterrado vivo. George Washington pediu que non o enterrasen antes de pasados tres días da súa morte... E houbo incluso quen deseñou ataúdes con sistemas de alarma (un cordón que ía desde o interior da caixa ata unha campá situada enriba, na superficie), por se lles tocaba vivir unha situación así. Terror.


Edgar Allan Poe, o escritor que no XIX revolucionou a literatura de terror, escribiu un conto breve e  moi inquietante co título "O enterro prematuro" (Clic no subliñado, para ler). Este debuxo de Harry Clarke acompañaba ao conto na edición de 1919. Nel, o protagonista confesa que é cataléptico e ás veces queda trasposto, con aparencia de morto, polo que ten auténtico pánico a ser enterrado de xeito prematuro: "A insoportable opresión dos pulmóns, as emanacións sofocantes da terra húmida, a mortalla que se apega, o ríxido abrazo da estreita morada, a escuridade da noite absoluta, o silencio como un mar que abruma...". Un medo que, nese conto, vivirá na súa carne.

Pero a historia máis arrepiante contouma Alfred Hitchcock. Vin unha vez unha curta presentada por el, que xa veredes que vén moito ao conto. A historia é brutal. Unha muller que está presa no cárcere chega a un acordo segredo co enterrador da prisión (ambos saen na imaxe inicial do vídeo), para poder fugarse dentro do ataúde na seguinte ocasión na que un preso morra. O propio sepultureiro debe ir sacar á muller uns minutos despois do enterro cando xa ninguén poida velos. A cambio, ela daralle unha recompensa económica cando estea a salvo... Fuga Perfecta, o titularon en España; aínda que o título orixinal era Fuga Final. Ao remate, poderedes elixir entre os dous. Agora, mirade. Son só 5 minutos que vos atraparán para sempre. Prometido.



Feliz ponte de Defuntos...

Comentarios

  1. Silvia3/11/12

    Uff! Que pánico! So pensar o horror que tuvo que pasar esa xente que a enterraron viva..pónseme a pel de galiña!
    En canto o video...resultoume moi cómico o final jajaja.
    Gran entrada profe! :)

    ResponderEliminar
  2. Sí, Silvia, o final móvese entre a histeria e o cómico... En efecto foi unha unha fuga perfecta! A última...

    ResponderEliminar
  3. Xa estou atrapada! Cinco minutos intensos e impresionantes!
    Grazas Caronte por traernos de novo este tema tan ben contado botando man de dous clásicos Poe e Hitchcock.

    ResponderEliminar
  4. Caronte di que Grazas, pero que isto non lle aforrará a ninguén a moeda cando queira subir na súa barca...
    Xa sabedes, rosmón, rosmón...

    Alégrame que vos guste... Mentres, fóra sopra o vento, caen as follas...

    ResponderEliminar
  5. Sandra5/11/12

    Como di unha veciña da miña avoa....." Aiiiiiii.....DDDDiiiiooosssss".
    Que angustia! o peor é que non morrerías do susto aínda despois de levalo!!
    Caronte quería poñernos os pelos de punta nestes días de Samaín e defuntos...eh! pois conseguiuno!

    ResponderEliminar
  6. Hola Miguel,soy Diego,de 1BAC D,te paso 1 video de mi canal que tengo en YouTube,con ocasión del 23 niversario de la Caída del Muro de Berlín.

    http://www.youtube.com/user/VonRommel9?feature=watch

    ResponderEliminar
  7. Ola Diego!

    Acabo de alucinar con ese vídeo: as imaxes, a música... Transmite nostalxia. Vexo ademais que xa coñeces a peli "Good Bye, Lenin", e sei que para ti non será unha película calquera.

    Ademais, atopei outros vídeos interesantes. Conto contigo para que nos fales dalgunhas cousas, por exemplo a túa visita ao campo de concentración de Sanchsenhausen.

    Parabéns!

    ResponderEliminar
  8. Non coñecía esta curta pero realmente é arrepiante. Buf, que mal corpo!, o deles dous e o que me queda a min agora.

    ResponderEliminar
  9. A que é moi bo Inma? Estremece!
    É desas historias cun final tan redondo, que, pese aos arrepíos, mesmo sorrís. A primeira vez que o vin, a historia duroume días e días na cabeza. Hai outra versión un pouco máis antiga, en branco e negro, pero en Youtube só a puiden atopar en italiano: Fuga Finale.

    Que gustazo os comentarios novos en entradas vellas. :)

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

6º Concurso CineHistoria

Despois de 5 edicións, non pensaríades que deixaríamos acabar o curso sen o noso concurso favorito, non...? Pois benvidos a CineHistoria! , o certame de minicríticas de cine máis famoso da comarca!  Velaquí as 40 críticas (en formato orixinal) desta edición,. Podedes lelas todiñas nos comentarios! As normas e o sentido do concurso xa o sabedes , pero por se acaso...: Para quen? Participan os meus alumnos de Historia de 1º de Bacharelato . Este ano, 40. Que teñen que facer? Eu reparto unha listaxe dunhas 50 pelis .  Cada un deles ten que elixir unha para ver antes dunha data límite. Condición obrigada: que non a viran nunca!  Onde e cando? Cando acabou o tempo para ver as pelis, un día, sen previo aviso reparto en clase un papel.  Cada participante ten 8 liñas e uns 20 minutos para escribir . Como facelo? A crítica debe ser algo máis que un resumo. Debe ter opinión, análise, orixinalidade e, sobre todo, espertar unha emoción no que le. Prohibido deix

V Concurso CineHistoria

Os bos costumes non se poden perder. Por iso, había que volver coa quinta edición do Concurso máis lonxevo (creo) do noso instituto.  Como cada ano, convoco aos meus alumnos de Historia do Mundo Contemporáneo (1º Bacharelato) a un certame, que non é máis que unha escusa para ver cine... e, a través dese cine, para tecer lazos invisibles coa Historia, ou sinxelamente coa vida .  Que como o facemos? Doado. Entrego unha lista ampla de películas coas que un se pode achegar á Historia (ou ao bo cine); concedemos un prazo de tempo para que cada alumno poida ver polo menos unha delas; e cando todos teñen visto xa a súa peli, chego un día por sorpresa a clase e exclamo: " Aquí comeza o Concurso de Críticas CineHistoria! ";  ese día, nun silencio de 20 minutos e baixo pseudónimo, cada alumno esfórzase por escribir a crítica da peli que viu, sabendo que debe facelo da forma máis persoal, orixinal e efectiva posible...   Con que premio? Con cal vai ser! Aquí comeza o V CONCURS

Concurso Galicia en Foto (II)

Aquí volve o noso concurso! E unha vez máis, non penso dicir onde está isto ... Porque queda da vosa man! Iso si, desta vez cambiamos o método de resposta: en vez de escribir a solución publicamente nun comentario, enviarédesma a min directamente facendo clic na parte superior do blog, onde di "INFO", e dentro diso en "CONTACTO". Unha vez aí, non tedes máis que poñer nome, email e a vosa resposta! Deste xeito chegará a min sen que outros poidan vela.  Gaña quen acerte o nome concreto e a función do lugar no que botei esta foto .  Tal e como prometera, desta vez agarda un premio de cine! O PRAZO PARA CONCURSAR  REMATA ÁS 23.00 HORAS DO SÁBADO 9 PUBLICAREI TODAS AS RESPOSTAS E O GAÑADOR AQUÍ AO LONGO DO DOMINGO 10 BRAVO CENTURIÓNS! O lugar da foto é o fermoso campamento romano de Aquis Querquennis,  en Bande (Ourense). Os vellos coñecían o sitio como A Cidá, pois vían muros e obras de edificacións antigas.  En 1947, ao construírse o Encoro d