07/09/12

20 de Fevereiro

07/09/12

Era sábado... 20 de Fevereiro de 2010. E ese día, o ceo derramouse violento e salvaxe sobre a pequena illa portuguesa de Madeira, descargando a cantidade de auga máis alta xamais rexistrada alí. Nun só día, caeron case 200 litros por metro cadrado. En menos de 24 horas, choveu o mesmo que nun ano. A monumental tromba, que o solo non lograba filtrar, coincidiu cunha suba da marea que veu a cegar calquera posibilidade de desaugue, provocando anegamentos, enormes deslizamentos de terra, arrastre de rochas e unha traxedia absolutamente dramática en Funchal, a capital da illa. Alí, a lama superou os cinco metros de altura. Vehículos, casas e persoas foron arrastradas e sepultadas sen remedio en cuestión de minutos... 

Case 50 mortos. Ducias de desaparecidos. 600 persoas sen casa. E milleiros de toneladas de terra e pedra cubrindo unha cidade que, antes do inferno en branco e negro, era un paraíso de cores. Foi só un instante. O único que precisa a natureza para recordarnos quen somos e onde estamos... Parabéns a Octávio Passos, e o meu sentido agradecemento por permitirme compartir en Caronte algunhas das súas impagables fotografías.







Cada páxina é unha imaxe terrible, unha vivencia que sobrecolle. Cando o descubrín, xa non puiden deixalo ata rematar. Pensei que, por moita auga que as súas enormes fotografías me xuntasen nos ollos, era o recordo que eu debía levar de alí. Todo o que puidese atopar, dá igual o que fose, sería xa secundario... E agora, cando de vez en cando o collo, o pouso con coidado sobre a mesa, e paso despacio, abrumado, as súas grandes láminas de vida arrasada en branco e negro, penso que non hai mellor homenaxe, nin lembranza máis didáctica. Que non pode haber un recordo máis digno, nin máis útil. Que calquera souvenir non sería máis que unha imaxe pobre e falsa, fronte a este retrato do poder salvaxe da natureza e da extraordinaria vontade de sobrevivir dun pobo... Son fotografías duras, tristes, conmovedoras... non fan falla as palabras. Só, que era 2010... un 20 de Fevereiro. Ese día, a única fortuna, foi que a mirada de Octávio estivese alí.

Recibe os contidos no teu correo

3 comentarios

  1. marisa9/9/12

    A verdade é que calquera das fotografías do libro que eu tamén tiven a oportunidade de ver son a cal mais conmovedora, todas impactantes...Un bó traballo de Octavio.

    ResponderEliminar
  2. Nalgunhas páxinas do libro hai frases das persoas ás que lles tocou vivir esta traxedia... as fotos falan por si soas, pero as palabras dos seus protagonistas fan tremer:
    -Algúns non queren vivir máis alí.
    -Outros perderon toda esperanza e só agardan que apareza un corpo.
    -Hai quen leva varios días coa mesma roupa porque sente mesmo vergoña de dicir que non ten nada.
    -E despois está ese can negro e fermosísimo dunha das fotografías... coas orellas caídas e a mirada infinitamente triste. Ao lado da imaxe di: "O homem morreu há três dias e o cão não sai daqui..."

    Algunhas das fotografías están a ser publicadas en National Geographic Portugal este mesmo mes.

    ResponderEliminar
  3. Sandra13/9/12

    Buf...que triste, imaxes moi duras, certo que as fotos falan por si soas e xa lendo as frases...que pena.

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK