Adiviña adiviñanza: Cíes ao fondo/ Vigo ben diante/ illado paraíso/ nos tempos de ante... Que é...?!
Resposta: a illa de Toralla, hai só uns anos. Natural, areosa, cun castro e unha necrópole romana intactos... Do máis atractiva e apetecible, en plena ría de Vigo... A foto estaba nunha tarxeta postal, como esas que enviades cando ides de excursión. Atopeina esta semana nunha libraría de vello, que así se chaman as librarías que venden libros e obxectos de segunda man. Pero tardei un bo cacho en asociar a imaxe da illa (que por certo se ve moi ben desde a praia de Samil) coa que ten actualmente... E non me extraña... Porque nos últimos anos a aportación humana alí foi extraordinaria. Por non dicir extraterrestre... E como unha imaxe vale máis que mil palabras, aí van dúas.
A paisaxe, destruída por unha torre aberrante de... 70 metros de altura! A illa, agora unida a terra e, enriba, de acceso privado, polo morro. O castro de tres mil anos, debaixo da urbanización de luxo. A necrópole romana, baixo o parque infantil... 800 persoas xogando ás Barbies nunha porción de terra que non supera nin os 20 metros de ancho... E no horizonte (no Skyline, como din por aí adiante), o máis vistoso que hoxe ten a illa é ese horrible mamotreto de 600 apartamentos rompendo a vista das Cíes... O que podía ser un lugar especial en Vigo, agora é exemplo vivo de feísmo (o culto ao feo). Feísmo de altura.
E xa postos, unha curiosidade literaria (non hai mal que por ben non veña): precisamente nun dos apartamentos da torre-mamotreto da foto aparece o cadáver dun saxofonista, asasinado a sangue frío e con extrema crueldade: atado á cama, amordazado e cos xenitais feitos un cisco por algún produto que o asasino lle inxectou. Un caso extraño e horripilante (mira... como a torre!) do que se ocupa o atormentado inspector Leo Caldas na exitosa novela "Ollos de auga", de Domingo Villar.
Menos mal que o feísmo parou aí e non seguiu invadindo as illas...
ResponderEliminarO humano destrozou un dos espazos con máis encanto de Vigo. Se percorres a costa dende a praia do Vao ata Canido ves coma esa inmensa torre te está a mirar desafiante. E cando te vas afastando pola estrada segue aí... Polas noites mete medo.
É un bo exemplo de feísmo de Vigo; aínda que non é o único. Dá mágoa vela dende a ría...Parece que a moitos lle gustaron (e lle gustan) as torres que se erguen en diferentes rúas da cidade.
O peor... que non aprendemos, que aínda se están a construír edificios iguais e que seguemos destruíndo o noso patrimonio cultural, histórico e natural.
Un día a salvaxe natureza, desperezándose, poñerá as cousas no seu sitio...
ResponderEliminartremendo feísmo!! tremendo mamotreto! que maneira de estropeala natureza!
ResponderEliminar