Saltar ao contido principal

Samia... Atleta

Lembrades aquel xogo que tanto vos gustaba, o da Lotaría da Vida...?
Pois agora fixádevos nela. Porque esa rapaza tan nova da imaxe recórdanos que non é só un xogo. Fixádevos tan só un intre nos seus trazos, na súa expresión, na vida que late e sente nese corpo de verdade. Chámase Samia. Non está moi lonxe da vosa idade: 17 anos. E a pesar de ser tan nova, na fotografía está representando ao seu país nada menos que nos Xogos Olímpicos de Pekín, en 2008. A súa ilusión...

Foto, S.F (Getty)
Ese día Samia correu a proba dos 200 metros. Xa na mesma saída, a diferenza corporal coas rivais era brutal, pois todas eran un ameazante monte de músculos... Menos ela, que ao lado parecía unha nena. Quedou atrás desde o mesmo inicio. Trinta e dous segundos tardou en chegar, dez máis que a gañadora: un mundo. Pero ese día, o público que enchía o estadio, apegouse á atleta somalí, acompañándoa na súa carreira cunha ovación de aplausos. Supoño que viron nela unha deportista realmente olímpica, loitadora con moitas máis cousas que co crono, digna e admirable na súa derrota... Quen sabe con que pobres medios esa rapaza lograra o mérito suficiente para poder estar alí, supoño que pensaron ao vela. Aquel día, na meta, paseou e honrou a bandeira do país que tanto a castigou. Despois, agradecida, pero ferida no seu xoven orgullo, declarou: "Quero que me aplaudan por gañar. Prefíroo a que me aplaudan por ver que necesito apoio, aínda que iso me fixo feliz". Ninguén da súa familia a puido ver competindo e sendo recoñecida por tanta xente aquel fermoso día da súa vida. Probablemente o último...



Samia non estivo nos Xogos de Londres porque no seu país, en guerra desde que ela naceu e gobernado por fanáticos incultos e machistas, poñíanlle todas as trabas do mundo para adestrar: insultos, golpes, atrancos, medo. Tanto medo, que incluso chegou a negar que era deportista cando a morte empezou a asomar no seu barrio a modo de ameaza. Queríana calada, tapada e metida na casa. Se é que tiña casa... Samia non tivo ningunha sorte na Lotaría da Vida: aparte de guerra, a fame, e a ablación que probablemente sufriu, tivo que abandonar a escola con oito anos, cando asasinaron a seu pai, para coidar dos seus cinco irmáns. Ningún soño, agora sabíaoo, sería posible nunca alí.

Decidiu que tiña que marchar. Quería facer carreira no deporte. Sentía que ela valía, pero alí sería imposible. Reuniu os cartos que puido. Súa nai, a pesar do perigo de perdela, quixo axudarlle vendendo unha pequena parcela de terra que aínda lle quedaba. E así, foise. Completamente soa. De Somalia cruzou a Etiopía, de aí a Sudán e despois a Libia. Polo camiño, atopouse guerras, extremismos, perigos e situacións que nin sequera seriamos quen de imaxinar. Chegou a estar encarcerada. Así é todo, logrou chegar á costa mediterránea, con Italia (Europa, a salvación), nalgún punto ao lonxe. Pagou para ter unha praza nunha embarcación chea de desesperados. Rezou para que saíra ben. Xogouse a vida para poder vivir, e poder correr. Pero o seu pequeno corpo non soportou a longuísima travesía á deriva, o sol implacable, a ausencia de auga doce a bordo, a falta de axuda, a inmensa e inxusta desigualdade do mundo. Esa da que todos somos parte responsable.

Samia Yusuf Omar morreu algún día deste ano, naquel barco. Non chegou. Nunca volverá a correr. Pero non hai dúbida... Era unha atleta. Unha atleta, e unha valente

Comentarios

  1. Sandra22/8/12

    Triste noticia. Que sirva de homenaxe esta entrada para esta grande atleta, grande loitadora, gran valente. Admirable Samia.

    ResponderEliminar
  2. Samantha23/8/12

    Unha gran tristeza. A vida desta rapaza,por culpa da fame e da pobreza, tivo que ser moi dura. Samia só tiña unha ilusión, e era ser deportista. Un soño como o que pode ter un rapaz de 5 anos que xoga ao fútbol. Ela conseguiu participar nos Xogos Olímpicos unha vez, algo que é un mérito para calqueira persoa, aínda que quede de último. Foi unha gran inxustiza que Samia morrera dese xeito: de camiño a lograr o seu soño. Ela sempre será unha figura no atletismo, e no deporte en xeral.

    ResponderEliminar
  3. Súmome a tristeza que desprende esta entrada... Dúas leccións da vida:
    Que sorte tivemos no "xogo da vida"!
    Sempre hai que loitar polos nosos soños...

    ResponderEliminar
  4. Alégrome moito de que vos chegara esta historia. Xa sei que é triste, como ben dicides vós, pero o realmente triste sería que esvarara sen deixar nin unha pegada en nós, sen merecer nin un minuto da nosa mirada e atención.

    Samantha: dá gusto lerte, coma sempre. Creo que tes moita razón ao comparar ese soño de Samia co que pode ter calquera neno... Un soño tenro, motivante, sano. Se cadra non só soñaba por ela; quizais, ao correr, tamén pensaba no pai morto, na nai deslomada, nos irmáns sen futuro... Na urxencia familiar dun pasaporte a un lugar e unha vida máis xusta. Con esa motivación e uns poucos medios, Samia sería a mellor atleta do mundo, e sobre todo unha persoa feliz de poder intentalo.

    Sandra: grazas polas palabras, aínda que moi pobre homenaxe pode ser escribir aquí unhas liñas sobre Samia. Quizais a ela gustaríalle ver que a súa historia, ademais de xerar respecto e admiración, serve para algo. Non sei, para que non se repita, para que tendamos mans a quen o precisa, ou simplemente para que miremos doutro xeito ás persoas que, coma ela, non tiveron a nosa sorte.

    Asun apunta a utilidade de extraer un par de leccións, que subliño con gusto:
    *apreciar a inmensa sorte que tivemos (que se traduce en oportunidades e nun modo de vida moi cómodo... aínda que non exento de problemas, faltaría máis).
    *e traducir esa sorte en loita polas cousas que queremos. Tendo saúde e as necesidades básicas cubertas, non temos dereito a queixarnos ou a desaproveitar o tempo. Temos a obriga de mirar, aprender e implicarnos en axudar a cambiar as cousas para mellor.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

6º Concurso CineHistoria

Despois de 5 edicións, non pensaríades que deixaríamos acabar o curso sen o noso concurso favorito, non...? Pois benvidos a CineHistoria! , o certame de minicríticas de cine máis famoso da comarca!  Velaquí as 40 críticas (en formato orixinal) desta edición,. Podedes lelas todiñas nos comentarios! As normas e o sentido do concurso xa o sabedes , pero por se acaso...: Para quen? Participan os meus alumnos de Historia de 1º de Bacharelato . Este ano, 40. Que teñen que facer? Eu reparto unha listaxe dunhas 50 pelis .  Cada un deles ten que elixir unha para ver antes dunha data límite. Condición obrigada: que non a viran nunca!  Onde e cando? Cando acabou o tempo para ver as pelis, un día, sen previo aviso reparto en clase un papel.  Cada participante ten 8 liñas e uns 20 minutos para escribir . Como facelo? A crítica debe ser algo máis que un resumo. Debe ter opinión, análise, orixinalidade e, sobre todo, espertar unha emoción no que le. Prohibido deix

V Concurso CineHistoria

Os bos costumes non se poden perder. Por iso, había que volver coa quinta edición do Concurso máis lonxevo (creo) do noso instituto.  Como cada ano, convoco aos meus alumnos de Historia do Mundo Contemporáneo (1º Bacharelato) a un certame, que non é máis que unha escusa para ver cine... e, a través dese cine, para tecer lazos invisibles coa Historia, ou sinxelamente coa vida .  Que como o facemos? Doado. Entrego unha lista ampla de películas coas que un se pode achegar á Historia (ou ao bo cine); concedemos un prazo de tempo para que cada alumno poida ver polo menos unha delas; e cando todos teñen visto xa a súa peli, chego un día por sorpresa a clase e exclamo: " Aquí comeza o Concurso de Críticas CineHistoria! ";  ese día, nun silencio de 20 minutos e baixo pseudónimo, cada alumno esfórzase por escribir a crítica da peli que viu, sabendo que debe facelo da forma máis persoal, orixinal e efectiva posible...   Con que premio? Con cal vai ser! Aquí comeza o V CONCURS

Concurso Galicia en Foto (II)

Aquí volve o noso concurso! E unha vez máis, non penso dicir onde está isto ... Porque queda da vosa man! Iso si, desta vez cambiamos o método de resposta: en vez de escribir a solución publicamente nun comentario, enviarédesma a min directamente facendo clic na parte superior do blog, onde di "INFO", e dentro diso en "CONTACTO". Unha vez aí, non tedes máis que poñer nome, email e a vosa resposta! Deste xeito chegará a min sen que outros poidan vela.  Gaña quen acerte o nome concreto e a función do lugar no que botei esta foto .  Tal e como prometera, desta vez agarda un premio de cine! O PRAZO PARA CONCURSAR  REMATA ÁS 23.00 HORAS DO SÁBADO 9 PUBLICAREI TODAS AS RESPOSTAS E O GAÑADOR AQUÍ AO LONGO DO DOMINGO 10 BRAVO CENTURIÓNS! O lugar da foto é o fermoso campamento romano de Aquis Querquennis,  en Bande (Ourense). Os vellos coñecían o sitio como A Cidá, pois vían muros e obras de edificacións antigas.  En 1947, ao construírse o Encoro d