Saltar ao contido principal

Guidoiro Areoso: A illa dos Mortos

Souben dela hai anos, cando un amigo arqueólogo trataba de contarme como era aquel illote chantado en plena ría de Arousa, ao que foran escavar unha extraña mámoa durante todo un verán. Apenas lembro os datos arqueolóxicos, pero nunca esquecerei a mirada que se lle poñía nos ollos mentres debuxaba no aire os detalles daquel paraíso branco emerxendo do mar.




O caso é que desde os anos oitenta coñécese no pequeno Guidoiro Areoso a existencia de varias mámoas, pero estes días soubemos que o ciclo das mareas e os embates do mar están a destapar alí unha sorprendente necrópole megalítica de, polo menos, cinco mil anos. Nun lugar verdadeiramente único, como veredes no vídeo. Non sabemos se daquela xa era unha illa (precisarían de Caronte para conducir aos mortos ata alí...) ou so unha península unida ao continente; descoñecemos que puido empuxar a aquelas xentes da prehistoria a elixir un lugar así para erixir nel a morada dos mortos; e mesmo ignoramos durante cantos séculos empregaron ese sitio cunha finalidade ritual. Pero se hai algo seguro, é que os seus promotores tiveron que ver nese illote un espazo cun valor moi especial. Tan especial polo menos como para confiarlle a morte... O marabilloso deste lugar enténdese á perfección co magnífico vídeo de Manuel Gago:




Isto, aquí, é algo único. Pero existen illas-cemiterio similares ao Guidoiro Areoso ciscadas pola Europa atlántica. Alí, como imaxinades, son un patrimonio de primeiro nivel: protexido, divulgado, valorado e aberto ás visitas da poboación. Non son so un xacemento; son un símbolo, son identidade, son a historia que nos explica. A pregunta é se tamén nós seremos quen de xestionar o tesouro que o mar nos está a devolver... 

Comentarios

  1. Andrea Ledo27/1/12

    Encántame a reportaxe sobre a illa! é magnífica! Demos xa a época megalítica en xeografía e historia de Galicia, pero en ningún momento saiu este sitio, por descoñecemento básicamente. É xenial. Sabes da existencia dun asentamento vikingo en Galicia?

    ResponderEliminar
  2. Alégrame que che gustara, Andrea. É certo que esta illa permanece aínda moi oculta á hora de falar do megalitismo, pois temos miles de monumentos deste tipo en Galicia, e hainos moito mellor coñecidos. Pero poucos, seguro, coa maxia deste lugar.

    Que boa pregunta! Os viquingos supuxeron un problema moi gordo aquí na idade media. Eu creo que non se coñece asentamento algún. O que si hai é restos de defensas contra eles, para evitar que se adentrasen en terra remontando os ríos desde a súa desembocadura. Por exemplo, na ría de Arousa están aínda as Torres do Oeste (en Catoira: festa viquinga o 1º domingo de agosto), que se levantaron para evitar que remontaran o río Ulla e chegasen a Santiago (cidade que se trasladou desde Iria Flavia precisamente para alonxarse da ameaza viquinga). Non sei se o sabes, pero tamén arrasaron Bretoña, que era sede dun obispo daquela. A partir de entón, a sede mudouse a Mondoñedo!

    Hai un libro recomendable: "Os viquingos en Galicia", Eduardo Morales, Ediciós do Castro. Igual o hai na biblio...

    ResponderEliminar
  3. Andrea Ledo27/1/12

    Mira esta noticia, saiu fai algúns meses no progreso:http://elprogreso.galiciae.com/nova/124272.html?lang=es
    É xenial!Que opinas?
    Estou pensando en facer un traballo sobre os Vikingos en Galicia para xeografía e historia de Galicia, porque nos mandou facer un traballo e podemos escoller o tema así que o libro vírame ben. O luns mirarei a ver se o hai, e senón tratarei de conseguilo!

    ResponderEliminar
  4. Que grande, Andrea... Pois opino coma ti! Que é xenial! Non coñecía o xacemento do Vicedo, e agora estou desexando ir ver os Moutillós!! Ti viches en foto aérea o impresionante lugar no que está?

    E o mellor é que en Galicia hai moitos lugares que se tiñan por castros enanos, e que quizá haxa que revisar para comprobar se poden ser Moutas coma estas... Mira estes dous textos:
    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/05/08/republicas-de-homes-libres-o-misterio-moutillos/
    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/03/13/republicas-de-homes-libres-as-motas-galegas/

    Paréceme unha magnífica idea que fagas ese traballo dos viquingos. É orixinal, é un capítulo da historia moi pouco traballado, toca un tema que che gusta e tes un punto de partida interesante nesta idea das Moutas. Haberá moutas en Meira?

    Éxito asegurado!

    ResponderEliminar
  5. Andrea Ledo27/1/12

    Sí! No blog de Manuel Gago explícao xenial, aparte de explicar como os facían as fotos son impresionantes! E despois lendo o de castro Candaz aínda me abraiei máis...é unha auténtica obra de arte!
    Seguro que hai máis motas das que imaxinamos, pero hai tendencia a decir, como di Manuel Gago, que todo é castro, cando o feito de ser unha mota é algo alucinante...unha proba de que os normados estiveron aquí! Todo o que se poida averiguar dun período tan descoñecido é tremendamente importante!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Petos de ánimas: o medo como arma

  “ Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás ” . Eso pon nalgúns coma este. Glups. Coñeces os petos de ánimas?... De noite e, coa única luz dunha vela, a imaxe impresiona. E xuro que non a puxen eu. Este está nun cruce de camiños, sobre unha pilastra. As figuras representan tres almas (unha delas con mitra, polo tanto un bispo) ardendo terrorificamente entre enormes lapas de lume no Purgatorio, cunha pomba (o espírito santo) sobre as súas cabezas. Se un se achega ben, aínda é posible descubrir restos da pintura vermella nas lapas, engadindo unha dose extra e moi truculenta de realismo. Qué demo é esto? E por que hai unha vela aí? Explícoche: Un PETO é unha hucha. Non a ves, pero detrás do cirio da foto hai un oco para depositar moedas nunha caixa baixo chave. Chave que por certo tería o párroco. As ÁNIMAS son as almas. Almas de persoas mortas que, por algún motivo, non poden acceder aínda ao ceo. E aí están, pasándoo mal, penando. E dando pena. O PURGATORIO sería ese espaz...

Don Carnal e Dona Coresma: 2019 vs 2021

É curioso. Quería explicar o Carnaval ou Entroido : ese período de excesos permitido pola Igrexa católica para facer máis soportable o que vén despois, a Coresma, un período de corenta e seis días de pouco alimento e moita penintencia, para lembrar o tempo que pasou Xesús no deserto soportando todo tipo de trasnadas de Belcebú.  E quería usar para esa explicación este cadro do sempre espectacular pintor flamengo Brueghel o vello . Un auténtico animal . Tanto, que cinco séculos despois, as súas pinturas seguen tendo algo que atrapa, que cautiva. Neste caso, unha táboa que leva por título O combate entre Don Carnal e Dona Coresma . Unha obra moi do estilo El Bosco, con moito detalle, moito caos, moitas persoas, moita actividade, moitos simbolismos deses que che fan abrir os ollos e darían para vinte programas de Cuarto Milenio... Estaba así, con moito zoom, embobado en descubrir cada recuncho da obra, cando de súpeto pensei... pero se isto somos nós. Si, si! Estes somos nós! A ver,...