10/12/11

La meglio gioventù

10/12/11

"Acabo de ver unha peli que creo que che encantaría". Díxomo así, parco en palabras, coma sempre. Pero despois engadiu "Oxalá durara outras seis horas máis...". Non tiven dúbidas: tiña que vela. E agora que a vin, e incluso a vivín, que me agarrou por dentro e que todos eles (Giorgia, Matteo, Nicola, Mirella...) me atropelaron coas súas vidas, sinto case como un deber compartila con vós. Invitarvos a devorala cos ollos e a alma (non hai outro modo) e a quedar durante horas rumiando, conmovidos, qué somos e qué é a vida. Así que... Grazas Denís. E aí vai, para vós.


Nicola e Matteo son dous irmáns que comparten amigos, libros, esperanzas, soños e a ilusión dunha viaxe xuntos ao Cabo Norte. Ata que o encontro con Giorgia, unha moza desequilibrada e moi especial, vai cambiar a dirección das súas vidas. O primeiro, faise psicólogo. O segundo, policía. Pero este resumo sabe só a inicio. Porque a peli percorre, con toda a complexidade da vida, corenta anos da historia dos seus personaxes, e da Italia mesma. Enfermos, ilusións, amigos, terrorismo, arte, emocións, vida. "La mejor juventud" é unha peli tan boa, que creo que aos que a fixeron non lles importou un pepino que durase seis horas; o importante non era facer caixa, senón contar o que se quería contar. E facelo como se debe: cun guión redondo, con interpretacións e música á altura e, sobre todo, cun fluír fermoso de personaxes complexos, humanos, absolutamente creíbles. Sabios.


Non me creredes, pero hai máis de unha ducia de esceas memorables, de puro fermoso: encontros, miradas, despedidas, noites tristes con fogos de artificio no horizonte, libros que un quixera tirar moi lonxe, rastros inesperados, paseos de parella sen palabras... Sería imposible escoller so unha; así que elixín dúas. Ambas con miradas polas que un daría toda unha vida. A primeira, jukebox incluída, tédela facendo clic no cartel da película, ao principio desta entrada. A segunda é esta captura dun momento incriblemente fermoso do filme, entre dúas persoas especiais: "Pues quédate", di ela cun sorriso grande, entre raios de sol e pecas, mentres manexa, madura e palpitante, a caña do barco: "Te llevo a Francia, o a Grecia, o a África, o a donde tú quieras. Venga, elige". 


Non a atoparedes nos cines; é do ano 2003 e nunca chegou a estrearse neste maldito país de Torrentes. Tampouco en dvd, salvo en fermosísimo italiano (versión orixinal) con subtítulos en español. Si, hai que ir lendo, pero é infinitamente mellor así. Que vos guste. A peli, e o trozo de vida. Feliz regalo de Nadal (por adiantado)

Recibe os contidos no teu correo

4 comentarios

  1. A verdade e que os que puidemos disfrutar de esta pelicula costanos expresar e comentala, quizais porque a vida mesma e dificil de expresar e comentar, e La mejor juventud é unha vida. Vida artificial, certo, pero suficientemente potente, xa que te adentrará nese recadro e viviras esperiencias, puras e reais, que che poderian acontecer a ti.

    Quen queira vivir outra vida durante 6h quedara complacido.

    Moi boa entrada Miguel! notase que viviches a Pelicula coma min. Espero que mais xente a viva como a vivimos nos. jeje

    ResponderEliminar
  2. Tan complacido, que volvín a vela. As seis horas de novo. Non trascorreran aínda dous días. É algo que pasoume pouquísimas veces...
    Un momento: nunca me pasara!
    Como diría Nicola, "Todo é fermoso". Sen exclamacións. Pero fermoso.

    ResponderEliminar
  3. Poucas veces unha película ten tanta calidade humana. Mestúranse cas palabras e as imaxes, os sentimentos, as miradas, os silencios... E todo fan un combinado máxico que te engancha...
    Porque é a mesma vida a que se está plasmando.

    Hoxe rematei seis horas de película, e xa comezo a botar de menos a Matteo, Nicola, a Giorgia, a Mirella...

    Grazas por compartir esta película!

    ResponderEliminar
  4. Como diría Vitale Micavi:
    "Notare: notare, por favore la fattura".

    Bellissima,e punto. Difícil de olvidar.

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK