Saltar ao contido principal

Feliz Solsticio para todos

Confeso que son máis ateo que Alatriste. Pero sempre digo que, aínda que non creamos na existencia dun deus, ou non practiquemos a relixión maioritaria aquí (o catolicismo), nunca poderemos dicir que non somos cristiáns. Porque na nosa vida e cultura todo está impregnado de cristianismo. Empezando polo calendario, que regula os tempos en función da historia relatada na Biblia: celebramos o domingo (para descansar), a Semana Santa (para lembrar a crucifixión), a Pascua (para a resurrección)... ou o Nadal (para celebrar o nacemento de Cristo). Pero se rascásemos con coidado e levantásemos a uniforme capa de pintura extendida polo cristianismo a partir do século III, debaixo atoparíamos a fermosa policromía doutras crenzas que celebraban exactamente os mesmos días do ano. Crenzas que a Igrexa adaptou, porque era a mellor forma de facilitar a conversión dos pobos paganos.
Non é casualidade que o nacemento de Cristo se situara nestas datas. Porque vén a coincidir co Soslticio (sol sistere, sol quieto) de Inverno, o momento do ano no que, debido á posición da Terra con respecto ao Sol, temos a noite máis longa e o día máis curto do ano (22-23 de decembro), e a partir do cal os días comezan a medrar lentamente. Cando o sol volve a nacer ou a impoñerse á noite. Por iso mesmo os romanos, daquela, xa celebraban por esas datas a festa do Sol Invencible, igual que os pobos antigos e prerromanos tiñan por costume render culto ao Sol nestes días. Os xermanos e nórdicos tamén celebraban o nacemento dun tal Frey, deus do sol nacente, e deles precisamente vén o costume de adornar unha árbore. E é que nunha cultura de base agrícola, todo dependía do comportamento do sol: a sementeira, as colleitas, os froitos dos bosques, o apareamento entre animais... Así que é moi lóxico que dalgún modo se lle rendera culto. De feito, moitos monumentos do neolítico, como Stonehenge, parece que xa foron erguidos tendo en conta os solsticios.



Un dos exemplos máis fascinantes é o de Newgrange, o xacemento arqueolóxico máis coñecido de Irlanda. Con 5.000 anos de antigüidade (máis que as pirámides de Exipto!), os seus construtores, aparte dunha tumba grandiosa, querían que estivera orientada astronomicamente. E cada ano, na mañá do Solsticio de Inverno, os raios do sol penetran polo oco principal para encher de luz todo o interior da enorme cámara funeraria durante dezasete máxicos minutos. Así ano tras ano, invariablemente, desde hai máis de cinco mil. Ata onte. Curioso, verdade?

Comentarios

  1. Andrea27/12/11

    Frey é un vanir da mitoloxía nórdica! Encantoume! A festividade propiamente chámase Jul, ou transcrito, Yule, reconvertida pola Igrexa como ben dis, coincide aquí co nadal. Aínda hoxe en sueco e noruego "bo nadal" dise "god jul".

    ResponderEliminar
  2. Como dominas a mitoloxía nórdica!
    O outro día estiven cun neno de seis anos no Museo das Palabras de Vigo. Nun panel sobre Logos e Publicidade, había un montón de marcas. Pregunteille se recoñecía o significado dalgún símbolo, e sinalou o da Coca-Cola. Sorprendeume moito oilo dicir que era o símbolo do Nadal.
    E acordeime de que Papa Noel represéntase en vermello e branco precisamente por un anuncio feito por Coca-Cola en 1931...

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Petos de ánimas: o medo como arma

  “ Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás ” . Eso pon nalgúns coma este. Glups. Coñeces os petos de ánimas?... De noite e, coa única luz dunha vela, a imaxe impresiona. E xuro que non a puxen eu. Este está nun cruce de camiños, sobre unha pilastra. As figuras representan tres almas (unha delas con mitra, polo tanto un bispo) ardendo terrorificamente entre enormes lapas de lume no Purgatorio, cunha pomba (o espírito santo) sobre as súas cabezas. Se un se achega ben, aínda é posible descubrir restos da pintura vermella nas lapas, engadindo unha dose extra e moi truculenta de realismo. Qué demo é esto? E por que hai unha vela aí? Explícoche: Un PETO é unha hucha. Non a ves, pero detrás do cirio da foto hai un oco para depositar moedas nunha caixa baixo chave. Chave que por certo tería o párroco. As ÁNIMAS son as almas. Almas de persoas mortas que, por algún motivo, non poden acceder aínda ao ceo. E aí están, pasándoo mal, penando. E dando pena. O PURGATORIO sería ese espaz...

Don Carnal e Dona Coresma: 2019 vs 2021

É curioso. Quería explicar o Carnaval ou Entroido : ese período de excesos permitido pola Igrexa católica para facer máis soportable o que vén despois, a Coresma, un período de corenta e seis días de pouco alimento e moita penintencia, para lembrar o tempo que pasou Xesús no deserto soportando todo tipo de trasnadas de Belcebú.  E quería usar para esa explicación este cadro do sempre espectacular pintor flamengo Brueghel o vello . Un auténtico animal . Tanto, que cinco séculos despois, as súas pinturas seguen tendo algo que atrapa, que cautiva. Neste caso, unha táboa que leva por título O combate entre Don Carnal e Dona Coresma . Unha obra moi do estilo El Bosco, con moito detalle, moito caos, moitas persoas, moita actividade, moitos simbolismos deses que che fan abrir os ollos e darían para vinte programas de Cuarto Milenio... Estaba así, con moito zoom, embobado en descubrir cada recuncho da obra, cando de súpeto pensei... pero se isto somos nós. Si, si! Estes somos nós! A ver,...