Saltar ao contido principal

O incrible lugar de Santa Mariña de Augas Santas

O que vos traio hoxe é un dos sitios máis máxicos e incribles que coñezo. Non está en Roma, nin en Londres, nin en ningún lugar remoto. Está nunha paraxe fermosísima, no concello de Allariz, provincia de Ourense. A  parroquia chámase Santa Mariña de Augas Santas, e é unha caixa de sorpresas. Fun por primeira vez hai uns anos, co propósito de ver a súa igrexa románica. Ao chegar, marabilloume que nunha aldea tan pequena puidese haber unha igrexa tan fermosa; pero cando empecei a arrodeala, aínda me impresionou máis todo o que a acompañaba: uns temibles cans de pedra defendendo a rectoral, e un carballo enorme que me deixou preguntándome se sería máis antigo que a propia igrexa.



Falando cun veciño, contoume que o "importante" (¿?) non estaba aquí, senón a algo máis de medio quilómetro, baixando por un camiño moi antigo, que atravesa un bosque. Alí atoparíame, dicía el, unha igrexa moi antiga que nunca se rematou, e dentro da cripta (soterrada, claro) unhas tumbas moi vellas, unha fonte de auga e un forno. E que por iso a chamaban "Basílica dos Fornos". Por un momento, pensei que me tomaban o pelo. Así que... Aló fun!


No plano, sinalo de negro o camiño que seguín. Ao pouco de meterme no sendeiro, as casas desapareceron, o bosque foise pechando, e empecei a sentir que me metía nun sitio especial: rodeiras de carros cicatrizaran nas rochas, a luz do sol apenas traspasaba a vexetación e o único ruído que se oía era o dunha natureza exultante, tal e como escoitaredes no vídeo final.


Ata que cheguei a unha rocha con dous furados do tamaño dun puño, e unha pedra facendo de asento. Alí, a vexetación abríase, e divisábanse xa os muros da "Basílica dos fornos". Foi nesa rocha, precisamente, na que atopei a un vello co que, falando, empecei a armar o puzle de todas estas pezas. Contoume que nos arredores había un castro (castro de Armeá). Que nel se atoparan xoias e pedras labradas, imitando a torsos de guerreiro. E que tamén estiveran alí os romanos, porque na aldea de Armeá (botade unha ollada ao plano), aínda había pedras dos romanos nas casas. Que...? Non o credes...? Pois abride ben os ollos:


E que, precisamente no tempo no que os romanos estiveran alí, unha tal Mariña (a santa, que dá nome á parroquia) negárase a acceder aos desexos carnais dun gobernante romano, polo que este a castigou inflixíndolle mil dores e penas, que a muller aguantou estoica sen dar o brazo a torcer. Unha deles consistiu en queimala nun forno (ollo: o forno da basílica que imos ver!), pero San Pedro apareceu e sacouna por un furado do teito. Precisamente os furados coma puños que había naquela rocha, foran feitos polas patas do cabalo de San Pedro, segundo a lenda. Ao final, foi decapitada. A cabeza caeu ao chan dando tres botes, e de cada un deles brotou unha fonte de auga. O martirio e o miragre, fixérona santa venerada no lugar ata hoxe. Quedei alucinado... E vos?

Resumindo: un bosque, un camiño antigo, un castro, presencia romana, e unha igrexa medieval que nunca chegou a rematarse, pero na cripta da cal hai algo moi raro, entre o cal atopamos un forno cun furado no teito. A zona ten tanta chicha arqueolóxico-histórica, que é moi difícil interpretala. O que é seguro é que a lenda da santa explícase como un intento por cristianizar un lugar no que seguramente había un culto moi antigo, probablemente castrexo, do que se gardaba recordo. Todo o que o templo (cristiano, claro) quixo pechar na súa cripta, era un símbolo dalgo antigo e importante, anterior ao propio cristianismo. Cubrilo, era gañalo. Por algún motivo, a igrexa, que é do século XII-XIII, nunca se puido rematar. E hoxe o misterio está aberto aos ollos dos que se atreven a baixar a aquel lugar...


Atrevédesvos a acompañarme no vídeo?



E aínda que non o creades, aínda quedan cousas no tinteiro acerca deste lugar... Espero que vos gustase. Así, outro día poderemos falar delas.

Comentarios

  1. Andrea Ledo29/5/11

    Outro impresionante vídeo cultural de Don Miguel Abraira, sempre ensinándonos fermosos e misteriosos lugares descoñecidos para a maioría de nós. Realmente o lugar é misterioso sí, e máis despois de ler a lenda, que da que pensar. E que ensinados así, e narrados desa forma, dan ganas de visitar os lugares que nos ensinas!

    ResponderEliminar
  2. (Sorriso). Grazas polo don! É moi difícil non quitarlle encanto ao lugar ao ter que describilo. Creo que é a sexta ou sétima vez que vou aló, desde o día en que o descubrín, e cada vez que vou, volvo impactado. É un lugar que sorprende e ata repara. A sensación de estar aló abaixo, naquela cripta tan curiosa, ou a de camiñar por aquel bosque pechado e silencioso, é para vivila. Espero que o apuntedes para as vosas futuras viaxes curtas.
    O próximo "vídeo cultural"... a uns minutos de Meira

    ResponderEliminar
  3. Anónimo1/6/11

    incrible!o sitio,a lenda,a descrición,a reportaxe fotográfica e visual!xa teño ganas de ir aló!non podía pasar de longo sen comentalo!sm

    ResponderEliminar
  4. Calquera non as ten! É un deses sitios que curan, e que fan pensar.

    ResponderEliminar
  5. elvira5/6/11

    Jo, que pasada de sitio!!!!. Teño que visitalo.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Petos de ánimas: o medo como arma

  “ Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás ” . Eso pon nalgúns coma este. Glups. Coñeces os petos de ánimas?... De noite e, coa única luz dunha vela, a imaxe impresiona. E xuro que non a puxen eu. Este está nun cruce de camiños, sobre unha pilastra. As figuras representan tres almas (unha delas con mitra, polo tanto un bispo) ardendo terrorificamente entre enormes lapas de lume no Purgatorio, cunha pomba (o espírito santo) sobre as súas cabezas. Se un se achega ben, aínda é posible descubrir restos da pintura vermella nas lapas, engadindo unha dose extra e moi truculenta de realismo. Qué demo é esto? E por que hai unha vela aí? Explícoche: Un PETO é unha hucha. Non a ves, pero detrás do cirio da foto hai un oco para depositar moedas nunha caixa baixo chave. Chave que por certo tería o párroco. As ÁNIMAS son as almas. Almas de persoas mortas que, por algún motivo, non poden acceder aínda ao ceo. E aí están, pasándoo mal, penando. E dando pena. O PURGATORIO sería ese espaz...

Don Carnal e Dona Coresma: 2019 vs 2021

É curioso. Quería explicar o Carnaval ou Entroido : ese período de excesos permitido pola Igrexa católica para facer máis soportable o que vén despois, a Coresma, un período de corenta e seis días de pouco alimento e moita penintencia, para lembrar o tempo que pasou Xesús no deserto soportando todo tipo de trasnadas de Belcebú.  E quería usar para esa explicación este cadro do sempre espectacular pintor flamengo Brueghel o vello . Un auténtico animal . Tanto, que cinco séculos despois, as súas pinturas seguen tendo algo que atrapa, que cautiva. Neste caso, unha táboa que leva por título O combate entre Don Carnal e Dona Coresma . Unha obra moi do estilo El Bosco, con moito detalle, moito caos, moitas persoas, moita actividade, moitos simbolismos deses que che fan abrir os ollos e darían para vinte programas de Cuarto Milenio... Estaba así, con moito zoom, embobado en descubrir cada recuncho da obra, cando de súpeto pensei... pero se isto somos nós. Si, si! Estes somos nós! A ver,...