Saltar ao contido principal

O día que estiven nun campo de concentración

Hai pouco estiven en Berlín e acordeime moito de vós. Dos que compartimos clase e, por suposto, de todos os que pasades por aquí en busca dalgunha moeda nova... que por certo, xa ía tocando! Para os que nos gusta a Historia, Berlín é unha cidade única na que é posible aínda sentir a pegada de feitos como a Segunda Guerra Mundial ou a Guerra Fría. Está o Museo da Gestapo, o monumento ao Holocausto, o infausto Muro de Berlín, o Checkpoint Charlie, Trabants por todas partes... A Historia latexa poderosa baixo os pés cando se recorre a cidade. Pero ás veces, un sente que debe ir un pouco máis aló. Por iso o último día foi para visitar o campo de concentración de Sachsenhausen. Un deses lugares aterradores que nunca debeu existir, pero que foi, e do que temos o deber de aprender.

Esto é o que alí vin, e o que me gustaría compartir con vós.
Acompañádesme?

Esta era a porta a un horror que non imaxinamos. Un tren segue deixando aos pasaxeiros a un par de quilómetros, que se poden facer andando. De camiño un non para de buscar ao lonxe unha cheminea ou algo que delate onde está o campo, mentres se pregunta que sentirán as persoas que viven ao lado dun lugar así. Tras quince minutos, aparece unha longuísima rúa e ao final desta, por fin, o frío rastro da Historia: a mesma entrada pola que os presos accedían ao campo de concentración


Fóra, unha maqueta amosa o mastodóntico tamaño do lugar, do que só se pode coñecer unha parte: xusto o triángulo que hai diante do guía que nos fala. O campo comezou a funcionar en 1936 con apenas 50 presos políticos, pero pronto converteuse nun campo de exterminio masivo. Nel os nazis chegaron a meter 140.000 persoas e a asasinar a 30.000. Entre eles houbo cidadáns españois, como Francisco Largo Caballero, nada menos que o presidente do goberno da República de España durante os dous primeiros anos da guerra civil. De loitar contra Franco, pasaron a ser presos políticos de Hitler.


Atravesada a porta, un entende inmediatamente o imposible de saír de alí. Un recinto triangular aparece pechado ferreamente por un alto muro, valados electrificados, torres de control e unha organización exhaustiva de todo o espazo interior do campo. Todo está feito, como dicían os nazis, para que non se puidera saír máis que por un sitio: a cheminea dos crematorios

Movendo o rato sobre esta imaxe podedes ver o sitio en 360º



Este campo ía ser o modelo para os demais ata que o seu tamaño se disparou. Sachsenhausen acabou sendo o núcleo dunha rede de 60 subcampos nos que os presos eran usados como man de obra forzosa e gratuíta para a industria de guerra alemana. Pola noite, eran obrigados a amontoarse en barracóns como os da imaxe:

Dentro había sempre moitas máis persoas das que realmente collían. O hacinamento era tal que os presos tiñan que compartir as camas e durmir no chan. Cando eran obrigados a erguerse, en torno as 4.30 horas da noite, os trinta minutos dispoñibles non eran suficientes para que todos puidesen facer uso do lavatorio (sen auga corrente), dos retretes (sen división nin intimidade algunha), ou do comedor. Por ese motivo, moitos preferían aguantarse e aforrar un ou dous deses traballos para ir directamente a formar na fila do patio central do campo. Sen abrigo, a quince ou vinte grados baixo cero, firmes e sen apenas forzas, antes doutro día máis. Cando un compañeiro amencía morto, os presos máis veteranos levábano igual a formar á fila, para evitar o tempo de pé á intemperie mentres os oficiais o buscaban. Ao fin e ao cabo, alí dentro ninguén tiña nome, nin familia, nin vida. A condena era a deshumanización, a redución da persoa a un simple número.




Por suposto, houbo quen intentou unha fuga ou un xesto de resistencia. Para eles, e para os demais, había castigos e humillacións de todo tipo. Estaba o saúdo de Sachsenhausen, no que o preso era forzado a permanecer agachado e cos brazos estirados cara diante. Tamén o illamento en celas de castigo, a modo de prisións, sen racións suficientes de alimento. Estaban as racións de golpes. Os fusilamentos. A execución na forca. Ou a temida garrucha, uns postes altos, no que os presos eran suspendidos polos antebrazos, que permanecían cruzados detrás do lombo.


E por suposto, as pistas de marcha para o "Batallón dos patinadores". O perímetro do patio estaba cheo de tramos con pedras e piso de distinto tipo, polos que algúns presos eran obrigados a camiñar ininterrumpidamente durante todo o día e soportando o peso de enormes mochilas. Probábase así a resistencia das botas militares que debían enviarse á fronte. Podedes ver unha destas "pistas" á esquerda desta imaxe:


Non todo o campo está reconstruído. A maioría dos barracóns están simplemente marcados sobre o chan. Os que se reconstruíron chegaron a ser queimados días antes da inaguración do lugar por un grupo de neonazis. Esa é a razón de que algunhas das estancias que podedes ver nas fotos anteriores, teñan as paredes con ese aspecto de queimado. Decidiuse non reparalo para lembrar que o nazismo non é algo do pasado, senón un perigo sempre presente. Incluso hoxe, nun sitio así.


Entre as historias máis aterradoras do campo está a dos fusilamentos de presos. Había un lugar nunha marxe do campo, unha especia de foxa (a da seguinte imaxe) para levar a cabo este tipo de execucións. Pero ningún soldado gustaba de fusilar repetidamente. Ás veces había que darlles baixas ou pagarlles vacacións coas súas familias en sitios soleados e con praia, para que puideran esquecer e volver "reparados". Para evitar isto, construiuse unha falsa consulta médica, na que os presos a fusilar ían entrando de un en un. Despois de dúas medicións, ao tomarlles a altura, un mecanismo situado tras a cabeza avisaba a un soldado que, oculto tras unha parede, só tiña que disparar a súa arma. O preso, ao que nin tan sequera tiña diante, caía fulminado sen poder saber que o fusilaran.


Continúan os restos de fornos crematorios, salas de experimentos e probas médicas... E ao final da visita, esa cancela con esa frase. Esa mentira nazi que intentaban colar a todos os presos gravándoa na entrada de todos os campos: "O traballo farache libre". Non foi así. Todos sabían que a única maneira de saír de alí era pola cheminea... Polo menos ata o 2 de mayo de 1945, cando as tropas rusas liberaron aos presos que quedaban no campo. Vai facer agora 70 anos.


E si, é certo, os rusos liberaron o campo. Pero nada máis facelo, converteron Sachsenhausen en campo de concentración soviético. Nesa nova fase, 60.000 novas persoas foron confinadas aquí, e delas unhas 12.500 nunca lograron saír, morrendo desnutridos ou vítimas de diversas enfermidades. Os rusos supliron aos nazis, e o horror quedou aquí cinco anos máis... E tamén disto, como dunha visita a un lugar deste tipo, se poden sacar valiosas conclusións.

Espero que vos interesase a moeda... 
E que vos alegre o retorno, despois de tanto tempo.
Botaba de menos isto de remar con Caronte :)

Comentarios

  1. Encantada de volver a leerte, pero o tema non me alegra en absoluto.
    Algún día reunirei forzas para ir a un destes lugares, porque supoño que cando sales non volves a ser a mesma persoa.
    Cando estiven de Erasmus tiven a oportunidade de escoitar un testimonio dunha supervivinte, Zdenka Fantlova, e aínda hoxe penso en ela, en todo o que nos contou, e pónseme un nudo na garganta. Foi unha lección que me quedou gravada.

    Espero que disfrutaras Berlín máis ca min, non gardo os mellores recordos dela pero encantaríame volver. Creo que merece outra visita pero desta vez que comece con bo pé (e non perdendo os tenis nun tren).

    De todas formas, gracias por traernos este tema de novo, hai cousas que non se poden esquecer, aínda que sexa duro recordalas.
    Un bico, Miguel!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola C.! É certo que non alegra, pero ensina. O supervivinte dos campos de exterminio Primo Levi conta nun dos seus libros que el sentía que, no fondo, ninguén quería escoitalo falar dos seus anos en Auschwitz. Ninguén quería sufrir coas súas lembranzas. Na casa, sentíase só e afundido, e parecíalle que os únicos "salvados" foran precisamente os compañeiros que morreran no campo, pois eles cando menos xa no vivían con aquela pesada carga. Creo que é máis dura a experiencia que ti tiveches, C. A posibilidade de ter diante de ti a un supervivinte dunha experiencia así conmove moito máis que as ruínas semirestauradas dun campo. O rostro da persoa, a forma de mirarte, as palabras cansadas, os recordos gravados a lume na súa anciana memoria coma o número que lles tatuaron no corpo... non creo que un se poida aproximar máis ao sufrimento dun campo que tendo en fronte a Primo Levi, Jorge Semprún ou Zdenka Fantlova...

      Houbo debates antes de ir. Moitos xuzgan esta unha visita innecesaria. Se vas de viaxe -dicíanme-, se o que queres é disfrutar, ¿para que ese sufrimento? ¿para que visitar un campo, cando xa sabes o que pasaba neles? Para vivilo. Para encaixar as pezas que coñezo. Para que me afecte Ao fin e ao cabo, a vida consiste niso, en deixar que as cousas che afecten.

      Agora que fun, anímovos a facelo tamén se un día tedes a oportunidade. Non teñades medo. Ninguén sae de alí chorando. Tampouco rindo. Todos saímos tocados para mellor, vacinados contra un mal do que nunca estamos a salvo. O mal de crernos mellores que os demais. O mal do elitismo, do fanatismo, da intolerancia. Ninguén vai alí a disfrutar, senón a aprender. E non é que saias cambiado, senón simplemente que o que ves, escoitas e aprendes alí non se olvida. Pasa a ser patrimonio (con maiúsculas) de ti e da túa memoria.

      Tes que volver a Berlín, C. Hai que recuperar eses tenis e ir repatear ben a cidade! Gracias por acordarte e compartir a túa experiencia. Contentísimo de lerte de novo.

      Eliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

6º Concurso CineHistoria

Despois de 5 edicións, non pensaríades que deixaríamos acabar o curso sen o noso concurso favorito, non...? Pois benvidos a CineHistoria! , o certame de minicríticas de cine máis famoso da comarca!  Velaquí as 40 críticas (en formato orixinal) desta edición,. Podedes lelas todiñas nos comentarios! As normas e o sentido do concurso xa o sabedes , pero por se acaso...: Para quen? Participan os meus alumnos de Historia de 1º de Bacharelato . Este ano, 40. Que teñen que facer? Eu reparto unha listaxe dunhas 50 pelis .  Cada un deles ten que elixir unha para ver antes dunha data límite. Condición obrigada: que non a viran nunca!  Onde e cando? Cando acabou o tempo para ver as pelis, un día, sen previo aviso reparto en clase un papel.  Cada participante ten 8 liñas e uns 20 minutos para escribir . Como facelo? A crítica debe ser algo máis que un resumo. Debe ter opinión, análise, orixinalidade e, sobre todo, espertar unha emoción no que le. Prohibido deix

V Concurso CineHistoria

Os bos costumes non se poden perder. Por iso, había que volver coa quinta edición do Concurso máis lonxevo (creo) do noso instituto.  Como cada ano, convoco aos meus alumnos de Historia do Mundo Contemporáneo (1º Bacharelato) a un certame, que non é máis que unha escusa para ver cine... e, a través dese cine, para tecer lazos invisibles coa Historia, ou sinxelamente coa vida .  Que como o facemos? Doado. Entrego unha lista ampla de películas coas que un se pode achegar á Historia (ou ao bo cine); concedemos un prazo de tempo para que cada alumno poida ver polo menos unha delas; e cando todos teñen visto xa a súa peli, chego un día por sorpresa a clase e exclamo: " Aquí comeza o Concurso de Críticas CineHistoria! ";  ese día, nun silencio de 20 minutos e baixo pseudónimo, cada alumno esfórzase por escribir a crítica da peli que viu, sabendo que debe facelo da forma máis persoal, orixinal e efectiva posible...   Con que premio? Con cal vai ser! Aquí comeza o V CONCURS

III Concurso CineHistoria

Como cada curso, e xa van tres, en 1º de Bacharelato empregamos a Historia como unha escusa para ver cine... Ou será que usamos o cine como escusa para ver a Historia? O funcionamento é sinxelo. Entrego unha lista de películas por época histórica, concedo un prazo amplo para ver unha delas e despois realizamos un concurso de críticas onde cada un busca unha forma orixinal e breve de falar da peli que elixiu... Con que premio? Con cal vai ser! Aquí comeza o  III CONCURSO CINE HISTORIA  de 1º Bacharelato! 49 películas na lista. 41 candidatos que escribiron a súa minicrítica (8 liñas). 3 pelis de premio (as da imaxe) para as 3 mellores! A partir desta tarde podedes lelas todas, nos Comentarios  desta entrada. Este Xoves 4 , na clase e no blog:  Gañadores, Premio e Foto! Sorte a todos!