12/02/15

Joan Pujol, espía dobre

12/02/15

Se fose británico ou americano a súa historia estaría en cen películas. Pero era español, catalán para máis señas, e por iso a súa formidable historia apenas é coñecida, e moito menos recoñecida. Unha vergoña, porque Joan Pujol, espía dobre, foi o protagonista da enorme mentira que os aliados colaron a Hitler para que o Desembarco de Normandía rematase con éxito.

A historia de Joan Pujol non é de película, senón de peliculón. Todo comeza na súa Barcelona natal cando, tendo apenas vinte anos, comproba con disgusto o fanatismo que reina nos dous bandos enfrontados na Guerra Civil en España. E compróbao de verdade, porque chega a formar parte dos dous, aínda que sempre mantivo que nese tempo non disparou nin unha soa bala. Daquela, ninguén podía imaxinar que aquel estraño soldado ía converterse no maior espía dobre da Segunda Guerra Mundial.


En 1939, se Joan ten algo claro é o seu odio ao extremismo nazi. Así que, cando tras apenas uns poucos meses, comproba que só Reino Unido é quen de soster a loita contra Alemaña, nin curto nin perezoso Pujol ofrécese na embaixada británica en Madrid para colaborar con eles; pero os británicos, supoño que incrédulos ante a proposta, pasaron bastante del. Así que, lonxe de renderse, Pujol cambia de táctica e vai á embaixada alemana, onde se presenta como un funcionario do goberno español e un fanático nazi disposto a servir a Hitler no que os alemáns precisen. Estes, precavidos, rétano a conseguir un visado para viaxar a Londres, cousa que logra nuns días, falsificando un pasaporte británico e presentándoo ante os nazis en Madrid. Impresionados, contrátano, ensínanlle algunhas técnicas de espionaxe secreta e finalmente mándano a Londres co encargo de obter información valiosa para a Alemaña nazi. O seu nome en clave, Arabel.


Había, iso si, un problemiña... O bo de Joan Pujol xamais pisara Inglaterra e nin sequera sabía inglés. Así que, decidido a manter a súa mentira, decide instalarse en Lisboa coa súa bela muller Araceli (Ara-bel... entendendes agora a elección do nome?), que por certo era de Lugo. Unha vez alí, Pujol faise con guías de viaxe a Reino Unido, mapas das illas británicas, diccionarios de inglés e revistas varias con anuncios de fábricas inglesas. E coa única axuda de todo ese material, sen poñer un pé na Gran Bretaña, comeza a inventarse axentes secretos, cada un cunha historia persoal coma se foran personaxes dun libro, que el vai situando en diferentes puntos do mapa. A delirante mentira ten un fin moi concreto: facerlle ver aos alemáns que Pujol ten montada unha enorme e fiable rede de espionaxe ao servizo dos nazis... E estes, tragan.



Tinta secreta. Así enviaba Pujol a súa "información" aos nazis. Escribía unha carta intrascendente en español e, a continuación, enchía as entreliñas coa información que realmente quería transmitir. Para poder envialas desde Lisboa sen que estrañe aos alemáns, invéntase un colaborador alí, ao que enviará todas as súas cartas para que non sexan interceptadas polo inimigo. E os nazis, volven a tragar.

É a contraespionaxe británica a que detecta que Alemaña ten un espía en Lisboa enviandos informes cheos de datos estraños, que non son máis que unha farsa. Pero atan cabos e danse conta de que se cadra ese é o español que se ofreceu na embaixada de Lisboa para axudar a Reino Unido, afirmando estar contratado polos nazis. Así que en abril de 1942, Pujol viaxa por fin a Londres para ser interrogado pola Intelixencia Secreta británica, onde deixa claro quen é e de que lado está realmente. Os británicos contrátano inmediatamente e, nun recoñecemento ás súas dotes interpretativas, póñenlle Garbo (pola actriz Greta Garbo) como nome en clave. Toda a familia se traslada entón a Reino Unido.


Tras a entrada de EEUU na guerra, Alemaña teme unha invasión desde Reino Unido, así que comeza a fortificar centos de quilómetros de costa francesa con campos de minas, trincheiras, muros de formigón, búnkeres, canóns... ata 15.000 edificacións para defender a costa atlántica! Pero este muro non era suficiente. Alemaña necesitaba saber con máis precisión en que lugar da costa tería lugar o desembarco aliado, e encargou a Pujol recopilar toda a información posible. 




E aquí é onde se tece o maior engaño da historia das guerras: a Operación Fortaleza. Barcos, tropas e enormes exércitos inexistentes en realidade son situados de maneira insistente polos axentes ficticios que Pujol di ter no Paso de Calais, no punto máis estreito da Canle da Mancha. Para os nazis non había dúbida de que o ataque aliado viría por aí. Pero por se acaso, os aliados acompañaron a mentira de Garbo bombardeando as costas da zona nos días previos ao Desembarco. 


O 6 de xuño de 1944, día D, prodúcese o Desembarco en Normandía. Contrariados por unha situación que para nada agardaban, os nazis ordenan a 40.000 soldados avanzar cos tanques desde Calais cara Normandía. Os aliados saben que como cheguen eses reforzos, xa poden darse por derrotados. A mentira de Joan Pujol parece facer augas diante dos nazis, pero aínda cabía a posibilidade de darlle unha volta máis... Así que o 9 de xuño, Garbo envía unha información urxente e diríxea ao máis alto mando do exército alemán. A comunicación chega directamente a Hitler: é unha manobra de distracción! É un engano aliado para atraer sobre Normandía todas as forzas alemanas e atacar sobre Calais!!!! 


Hitler debeu botar espuma pola boca. En só unhas horas os tanques nazis recibiron ordes de deterse e regresar a Calais. E durante días, Garbo continuou sostendo a mentira dunha inminente segunda invasión alí, cos aliados apoiando a súa versión con avións de cartón, tanques inflables, maquetas de lanchas e enormes avións pregables, que simulaban que todo un exército se preparaba na outra beira... 300.000 soldados alemáns quedaron cravados alí, á espera dunha invasión que nunca chegaría. A mediados de setembro, Francia estaba liberada por completo dos nazis.


Na incrible vida de Pujol, condecorado tanto polo exército alemán como polo británico, non houbo tempo para celebracións. Tras esta última mentira, Reino Unido aconsella o seu traslado inmediato, e por razóns de seguridade tanto el como a súa familia son trasladados en hidroavión ata España. Tras pasar por Lugo, a terra da Araceli (esposa de Pujol), viaxan a Venezuela, onde se instalan dispostos a empezar unha nova vida. Pero Araceli non se habitúa, a parella comeza a ter discrepancias e ela remata volvendo a España. 

O penúltimo que se sabe de Garbo é que morre en Angola en 1959, vítima de paludismo. E digo ben, penúltimo, porque un escritor británico atopa esta noticia mentres investiga sobre os espías británicos na segunda guerra mundial, e conclúe que todo é moi raro. Que igual só é unha pantalla. Que quizais Garbo intentaba así borrarse do mapa para vivir tranquilo. E tirando do fío, descubre, efectivamente, que o noso espía segue vivo. E, como faría o propio Pujol, nin curto nin perezoso, decide ir a buscalo. 


Atópao en Lagunillas, Venezuela, anos 80. Garbo volvérase casar e tiña outros fillos. Ninguén sabía que seguía vivo, nin sequera Araceli e os fillos que tiveran. É máis, a súa nova familia non sabía tampouco quen fora el no pasado. Ás veces, relatou el, cóntolles que fun espía: pero entón rinse e búrlanse de min. Non teño nin idea de como o conseguiu, pero o escritor logrou levalo con el a Reino Unido. Alí recibírono coas honras e o respecto que merecía, e ata recibiu do goberno británico a medalla que un día se lle dera pero quedara pendente de entregar. A cálida acollida foi tamén retratado polos medios. 


Conta o escritor que, cando se achegou con el ás praias de Normandía e visitaron un dos enormes cemiterios construídos para as vítimas do Desembarco, Garbo afirmou que sentía mágoa por non ter sido capaz de facer máis para evitar todo aquilo. Ata aí chegaba a humildade de Joan Pujol García. O home que, ao lado da lucense Araceli González Carballo, empeñou a súa vida por loitar de verdade por aquelo no que cría: o valor da liberdade. 


Garbo pasou por Barcelona para, coa axuda de Araceli, poder reecontrarse cos seus fillos. Despois, coa relación con eles recuperada, volveu a Venezuela, onde morreu en 1988. Tiña 74 anos, unha vida vivida con responsabilidade e plenitude, e o respeto maiúsculo de todos os que coñeceron a súa Historia... E agora, estou seguro, tamén o teu.

Se quedastes con ganas de máis, 
AQUÍ vos deixo o mellor documental que vin sobre Joan Pujol.
Se tedes unha horiña morta, non o deixedes pasar! É mellor cá ficción!

Recibe os contidos no teu correo

2 comentarios

  1. Paréceme unha moi boa historia para levar ó cine! Eu non a coñecía e sí que me gustaría vela en película, sería unha boa homenaxe para o seu protagonista real.

    ResponderEliminar
  2. E tanto que o sería!
    Si que é certo que hai algún bo documental. No final da entrada, podedes ver que deixei unha ligazón se queredes ver o mellor dos que coñezo. Outro do que só logrei ver o tráiler ("Garbo, el espía") sería este:
    http://www.rtve.es/alacarta/videos/dias-de-cine/dias-cine-garbo-espia/642687/
    E ata en Galicia se fixo recentemente unha especie de peli-documental sobre Pujol e a súa esposa de Lugo: "Hitler, Garbo... e Araceli"... que teño enormes ganas de ver, pero que aínda non conseguín. Aquí está o tráiler:
    https://www.youtube.com/watch?v=uURzU3qEI94
    Como se diría, a súa foi unha vida de película.

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK