28/12/14

Sanfins de Fiestras, o sitio máxico

28/12/14

Hai lugares que che rouban o alento e as palabras. Lugares nos que o único que podes facer é percorrelos en silencio mentres pensas como é posible. Como é posible que non os coñeceras antes, como é posible que sigan aguantando heroicos o paso do tempo, e como é posible que despois de tantos séculos conteñan aínda a carga simbólica que só posúen os lugares míticos. As ruínas do mosteiro de Sanfins de Fiestras é un destes lugares. Un deses sitios máxicos, que parecen erguidos na paisaxe para a celebración dos solsticios. Sanfins non se pode explicar, hai que ir a velo, en silencio e coa mirada ben atenta aos detalles.

O primeiro detalle xorde agochado sobre un outeiro, no camiño que conduce ao mosteiro pero fóra dos seus muros. Non queda outra que subir para saber que se oculta tras un velo de granito mudo, sen letras nin símbolos que nos digan o que imos atopar... Ata que chegamos á fermosa cancela e descubrimos en toda a súa grandeza a beleza do sinxelo. Aquí sobran as grandes lousas, as letras, a parafernalia, a mentira das flores de plástico... Ata na morte sobran cousas.





Ao lonxe albíscase un tellado, coma un epicentro en torno ao cal se ergueron os muros que pechan todo o complexo do mosteiro. Camiñar pola fraga, atravesar o monumental arco da entrada, e descubrir de súpeto a sorpresa dun impresionante templo románico chantado entre olivos, sobreiras, carballos e coas ruínas das celas dos monxes ao pé, é algo que empeza a dar idea de onde estamos.





Fixádevos no tímpano que hai sobre a porta. Por ese furado, disque sae a luz do sol cando amence durante o Solsticio de Inverno (mágoa, soubémolo tarde!). E despois está esa pedra decoradada con zigzags e liñas serpenteantes, que non é románica, senón moi propia da arte castrexa ou mesmo megalítica. Estará a igrexa construída sobre un lugar de culto anterior? Os arcos, a decoración de axedrezados, e os sempre curiosos canzorros nos que rematan os muros, cheos de figuras animais ou humanas en irreverentes posicións, fan imposible non rodear o edificio cunha expresión de asombro e un sorriso. Imaxinade entón como é empuxar a porta... e atopala aberta.



Ao saír, tras probar a impresionante acústica, son as ruínas dos edificios monásticos as que che envolven, obrigándoche a percorrer os corredores, a entrar nas celas ou a descubrir (unha vez máis) que tamén as pedras falan e son quen de encher os silencios, especialmente cando hai formas labradas nelas. Como a do boi (a pedra di "Bove", en latín) ao lado dun lobo, ou tal vez un león.



Os pés piden seguir o rastro das canles de auga que percorrían todo o recinto, facendo fontes, movendo un muíño (a auga chega por un impresionante acueduto) ou regando socalcos nos que aínda perviven algúns postes de viña... A auga é, xunto a un estreito camiño ascendente, o fío que moi de vagar conduce os pasos cara outro outeiro, no que agardan novas sorpresas.


Ao pé dos restos dun longuísimo hórreo atópase unha eira perfectamente lousada e delimitada, case preparada (aínda) para mallar nela o cereal antes de gardalo. Ata os eucaliptos se deteñen alí, coma se soubesen que aquel espazo non foi feito para eles. Desde un recuncho da eira, e mirando as copas que dan sombra ao lugar, aparece no alto un novo reclamo. Como? Máis? Unha pequena edificación empoleirada no pico dunhas penas, entre árbores, atrae sobre si os últimos raios de sol da tarde.




Velaquí todo un tesouro descoñecido na outra beira do Miño, nunha freguesía montañosa de Valença, tras o Monte Faro. Un tesouro do que temos as primeiras noticias escritas no ano 604 (hai máis de mil catrocentos anos!), cando un documento menciona a existencia dunha edificación aquí. Despois, no século XII é cando se ergue a alta e fermosa igrexa románica, baixo a protección do primeiro rei portugués. E no XVI, tras unha mala xestión dun mosteiro que acumulara enormes rendas e riquezas, este é adxudicado polo rei Joao III aos xesuítas, como axuda para o Colexio que estes instalaran en Coimbra. Eles foron os que ergueron todas as edificacións que hoxe se ven arredor da igrexa. Ata que en 1759, e tras ter acaparado un enorme poder, os xesuítas son expulsados de Portugal (e pouco despois de España), pasando o mosteiro e todo seu couto ás mans da Universidade de Coimbra. Aí comeza o abandono e as ruínas de hoxe. Aí comeza a historia que podedes ler con ollos curiosos nas pedras, e tamén o encanto no que vos veredes envoltos se decidedes achegarvos ata alí.



Cando o pisedes, sentirédelo, estou seguro, coma un regalo. 
Felices reis magos. 


Fotos: Miguel Abraira

Recibe os contidos no teu correo

8 comentarios

  1. Ander Puga28/12/14

    A verdade que Galicia é un sitio máxico, non sei coma hai tantos lugares tan bonitos e especiais e a xente non vai visitalos, eu incluído.

    Felices festas

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola Ander! Galicia, Galicia non é! Fíxate no mapa, e verás que está en Valença do Minho. Non obstante, a historia deste lugar nace sen que as actuais fronteiras existisen. Era todo o mesmo, ese territorio indómito que os romanos chamaran Gallaecia. Incluso, cando as fronteiras comezan a aparecer, o mosteiro queda baixo o control do bispado de Tui. Por outra parte, non hai nada máis artificioso e antinatural que unha fronteira política, especialmente nas raias, nas zonas de contacto, coma o Miño. Que non é división, senón bisagra entre as dúas beiras. Anímate a ir! Vaiche encantar.

      Eliminar
    2. Galicia Galicia non é!! Depende de a quen llo preguntes, preguntalle a Milucho a ver que di? jajajajajajaj ;-)

      Eliminar
    3. Malvado! Milucho acertaría con precisión matematica.

      Eliminar
  2. "Cando o pisedes, sentirédelo, estou seguro, coma un regalo."
    :)

    ResponderEliminar
  3. Fixemos a visita con Miguel aquel domingo de solsticio de inverno. Un pracer descobrir, percorrer, indagar, supoñer e aventurar resposta a tanto sinal e memoria do pasado. Os catro gozamos explorando o terreno, as orixes, o significado, a beleza e harmonía de todo o que aquel outeiro lle garda ao visitante, así, por acaso, sen aviso previo. Mais, como a boa mesa, non só chega con sentar a comer, imprescindible é facelo en boa compañía, como así foi.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Un pracer enorme. Tanto, que voltaremos. Con solsticio ou sen el. Para honrar o lugar e a compaña. E porque hai sitios feitos para compartir con caras amigas, que nos devolvan o reflexo de tanta ledicia.

      Eliminar
  4. Tes razón Miguel! A min tamén me pasa cando descubro un sitio especial, bonito coma o é o desta entrada... "Como é posible que non o coñecese antes?! E tan preto que o temos!! Cantos sitios máis así me estou perdendo?!! ". Desde logo Sanfins foi todo un señor descubrimento! Un sitio especial onde os haxa e deses que voltarìas visitar unha e outra vez, percorrèndoo en silencio, desfrutando cada detalle, admirando a súa beleza e compartìndoo en boa compaña, como tiven a sorte de facelo eu! Con merendola de bocatas de queixo incluidos! E non sabedes que pracer comer naquel sitio, baixos os alcornoques, con semellante paisaxe de pedra e natureza! Eu voltarei seguro! ;-) e con bocata de queixo! :-)

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK