05/11/14

Ghaleghos e galegos orgullosos

05/11/14

Hai un vídeo circulando co título "Ghalegho", que me gustou moito cando o descubrín. Nel vese a catro mozos explicando, desde as súas propias paisaxes, o orgullosos que se senten da súa forma de falar o galego, con gheada e seseo. O vídeo está moi ben coidado e editado, e a mensaxe nel é clara e contundente: non somos menos por falar así; ao revés, é unha riqueza da que nos sentimos ben orgullosos. Vémolo?


Pareceume valente, orixinal, comprometido, e sentinme orgulloso de velos defendendo así a súa lingua, que é a miña. Pero, por outro lado, houbo algo que me deixou cun pouquechiño de amargor. E foi que parte do discurso se nutrise de certo resentimento cara outros galegos polos que, nalgunha ocasión, se sentiron desprezados. Porque, aínda comprendéndoos ben, estou seguro de que o problema non son os galegos deste ou outro sitio, senón tan só os catetos e ignorantes que irremediablemente hai en todas partes. Esas persoas que, non tendo miras para ver máis aló dos seus fuciños, non poden entender que o encanto reside precisamente nas particularidades.

Ese pouso negativo desapareceu de vez cando descubrín este outro vídeo, titulado "Eu digo...", no que uns mozos do IES de Ribadeo, sentíndose aludidos polo anterior, toman con moita intelixencia e elegancia o testigo, para facer un vídeo que logra ser unha reacción exemplar. Que puntualiza, pero que sobre todo consegue ser solidaria e cómplice co bo traballo feito polos autores de "Ghalegho". Así se fai! Sumando. Vémolo?


E sabedes que? Que eu tamén me sinto orgulloso
Do galego, dos que o falamos e da xente nova que mira por el. 
Como estades facendo vós.

Recibe os contidos no teu correo

2 comentarios

  1. Anónimo5/11/14

    Precioso blog e emotiva entrada. Graciñas. Permíteme que che pegue o enlace ó meu. Así intercambiamos lecturas: http://eltoupoquefuza.blogspot.com.es/

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas! Polo comentario, e pola iniciativa de "Eu digo...". De verdade, parabéns. Será un pracer intercambiar lecturas e seguir sabendo de vós.

      Eliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK