27/11/14

Amigo é nome de can

27/11/14

Ecuador, Novembro de 2014. Campionato do Mundo de Aventura Estrema. O evento reúne en Quito a 70 equipos procedentes de 30 países do mundo, para unha competición que non é moco de pavo: 8 días e máis de 700 quilómetros competindo en diferentes disciplinas: bicicleta de montaña, carreira, cordas (rapel, ascenso, tirolina) e kayak. Desde o Amazonas ata a costa, e atravesando a cordilleira dos Andes. Que se di pronto! Dunha proba así só pode saír un campión. E sabedes quen gañou? Ben, pois... A ver, o que se di chegar, chegaron primeiro os neocelandeses; pero os que realmente gañaron non foron eles. E agora veredes por que. Porque hai derrotas que valen máis que mil vitorias.


Segundo día de competición. Un can de aspecto vagabundo achégase aos suecos. Mikael, que capitanea o equipo, ofrécelle unha pequena bola de carne, que o cadelo recoñece e zampa con ollos ávidos. O grupo segue adiante, pero xa non vai só. O animal comeza a seguilos. O equipo, sabendo o que teñen por diante, intenta disuadilo, pero Arthur (que así o chaman) non está polo labor e empéñase en acompañalos. Ao cabo dunhas horas, o can está destrozado de avanzar pola selva sen nada que comer. Abren dúas latas de comida para el e, tras un pequeno descanso, retoman o camiño, con el trotando de novo entre os seus pés.


Ata que, xa de noite, chegan ao río polo que deben descender durante 50 quilómetros. Agora si, a opción de seguir coa leal e cálida compaña que o cadelo lles ofrece resulta imposible. Senten mágoa, pero "é lei de vida: viñemos ao que viñemos e non podemos quedar aquí", pensan. Así que suben ao kayak, acomodan as mochilas e empezan a remar, negándose a mirar atrás. Seguen eternos segundos de silencio, coa pequena embarcación xa deslizándose río abaixo. Nin un ladrido. Nin un ruído. Ata que apenas un xesto claro e preciso sona lonxano detrás deles: Plof!



O cadelo acaba de botarse ao río e nada desesperado, tratando de alcanzalos. Sobrecollido ante a escena, Mikael detén a embarcación e, sabendo poñerse no lugar do can, os suecos recólleno da auga e fanlle un sitio como poden dentro do kayak, ante os aplausos espontáneos dalgunhas persoas que asisten impresionadas ao que pasa.

Seguiron seis días de carreira pola selva, atravesando pantanos e lameiras pouco aptas para un can, e nas que Arthur, como os demais, precisou de toda a axuda e as poucas forzas que ían quedando no equipo. Seis durísimos días camiñando sen apenas descansos.

 E así seguiron ata lograr cruzar a meta, no posto 12. Rebentados. Pero xuntos.


A incrible amizade desta historia non foi mérito exclusivo de Arthur. Desde o primeiro momento, as decisións de Mikael fixeron que o can vise nel alguén a quen pagaba a pena seguir. O trozo de carne, as dúas latas de comida, o rescate no río, a compaña no kayak, a axuda para superar as zonas máis pantanosas... E desde logo, todo o que veu despois. 

A visita ao veterinario, no que descubriron que Arthur sufría importantes feridas desde había seis meses, incluso parasitadas. 

Os trámites para poder adoptalo e levalo con el á súa casa en Suecia. As duras normas do traslado (nunca pensado para comodidade dos animais) en avión, ou os corenta días que o cadelo tivo que pasar illado nun centro para descartar que o animal portase enfermidade algunha, e que os mantiveron separados despois de ter establecido un vínculo tan grande. 






Oxalá soubéramos os humanos ser así de xenerosos con máis frecuencia, como saben facelo sempre os cans. Porque así é como se forxa unha amizade: a base de lealdade, de compromiso e de cariño. Son eles os que nos ensinan. Por iso nunca entenderei (nin quererei ver diante) aos cretinos capaces de maltratar ou abandonar a un animal así. E por iso os que gañaron foron os suecos. Porque o que fixeron e viviron alí os acompañará toda a vida. Ao igual que o fará ese noble animal de pelo branco, ollos intelixentes e trufa húmida, capaz de dalo todo por quen o merece. Que teñades sorte, valentes. E que vos teñades sempre.



"Vin a Ecuador para gañar un campionato, pero gañei algo moito mellor: gañei un amigo".
 (Imaxes de Team Peak Performance, vía)

Recibe os contidos no teu correo

3 comentarios

  1. Que grandes!! O cadelo, Mikael e os seus compañeros e esta historia tan fermosa! E ti tamén Miguel, porque nos traes estas moedas tan emocionantes e cheas de valores. Claro que son os gañadores, sen dúbida algunha! Sorte para todos e a miña noraboa.

    ResponderEliminar
  2. Poiss si; gañaron os suecos e Arthur!!!! Eu tampouco entendo por que hai xente capaz de abandoar un animal; a min escapouseme o meu can durante 2 dias e case morro do desgusto, cando o encontrei ata chorei por que non queria que estivese solo e perdido por ahí.

    Felicidades aos suecos e a Arthur por atopar unha gran familia!!! ;)

    ResponderEliminar
  3. Ola S. e Paula! Teñen moita sorte os animais que vos teñen.
    Haberá dúas semanas vin un can. Estaba nun cruce de estradas con moito tráfico, preto da autovía. Chovía a cántaros, tiña coches pegados e non puiden baixar para achegarme a el. Parecía un can novo, coidado, tipo Golden Retriever. Non estaba moi asustado pero si se vía nervioso, movéndose inquedo baixo a choiva. Arrepentinme moito de non ter baixado. Cando un can se perde, o mellor é tratar de collelo e ver se leva colar ou algún teléfono nel. Levalo a unha clínica veterinaria non falla nunca: alí sempre saben o que teñen que facer (poden ver se ten chip, poden curalo, poden solucionar o problema). Case sempre é máis fácil do que parece axudar: chamei á protectora de animais local, onde precisamente falaran había horas cunha persoa que buscaba un can así. Falamos con ela e dixémoslle onde o vimos. E á mañá seguinte o can apareceu precisamente nunha clínica veterinaria. Esgotado, pero sano. E hoxe en día xa recuperado. Afortunadamente, algúen fixera o que eu non: collelo e levalo a un veterinario. Creo que ese día, can e dona foron felices de reatoparse como se non houbera unha primeira vez..

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK