Saltar ao contido principal

Franz, a torre Eiffel e o maldito paracaídas

Os comezos nunca son fáciles. Que llo digan a Franz Reichelt. Este xastre de renome no París de 1912, decidiu poñer toda a súa fe e enxeño ao servizo de crear un invento por descubrir: o paracaídas
Franz Reichelt, co seu atrevido invento, precursor de Batman. Vía
Leonardo da Vinci xa andara a voltas co tema no século XVI, deixando algún debuxo e asegurando que "calquera home cun pano de 12 brazos de cara por 12 de alto podería tirarse de calquera altura sen mancarse". E que mellor que un xastre para tal cometido! Así que Franz púxose mans á obra. E para probar o seu invento, botoulle o ollo á que daquela era a estrutura máis alta do mundo: a torre Eiffel. Máis preto, máis alto, máis trending topic... imposible.

Tirando de prudencia, que non todo era ir ao tolo, colleu un maniquí, vestiuno co traxe-paracaídas e lanzouno desde o pico da torre... Pero ao non obter éxito, empezou a pensar que o erro non estaba no seu traxe senón en que un boneco non podía abrir os brazos para despregalo por completo. Era preciso facer a proba cun humano. E nun xesto que o honra, decidiu probalo el mesmo.

Viñeta inspirada en Franz. Vía
Aí os da torre Eiffel achicáronse un pouco. Pero ti estás tolo! Como te vas tirar de aí, que aínda vas caer? Non ves que nos desgracias, condenado? Claro. Non era o mesmo saír nas páxinas de Sociedade ou Ciencia da prensa mundial, que na de Sucesos. Pero como o xastre se puxo pesado, obrigárono a asinar un documento no que os liberaba de toda responsabilidade. Con dios, pensaron. E o inventor, leal ao seu invento, asinou. 

Así que un xélido 4 de Febreiro de 1912, ante miles de curiosos, xendarmes e incluso dúas cámaras de filmar, Franz Reichelt vestiuse para a ocasión. Subiu á primeira planta da torre, a 60 metros de altura. Puxo un pé sobre unha cadeira e o outro na varanda exterior. Respirou fondo. E mirando abaixo durante uns longos segundos, pensouno, repensouno, dubidou, tragou saliva (glup), volveuno pensar e... finalmente fixo aquilo que creu que debía facer...

Clic na imaxe para velo... e crelo
A historia está sementada de soños, loitas e fracasos.
Pero algúns merecían ter rematado en éxito, e o de Franz Reichelt paréceme un deles.

Comentarios

  1. Falando de París…

    Agosto do ano 76. Claude Lelouch realiza unha curtametraxe colocando unha cámara na dianteira dun Mercedes e percorrendo con el, a toda velocidade, as rúas da cidade. Son oito minutos, e durante todo ese tempo, un só escoita o motor do coche ao que ve correr saltando semáforos en vermello e poñendo nerviosos aos poucos peatóns que hai a esa hora polas beirarrúas. Son as seis da mañá, está amencendo, e un, con ese espectáculo visual, non para de pensar que a onde pode dirixirse alguén a esa hora, por esas rúas, e con tanta presa. O sentido da viaxe atopámolo ao final, nos últimos segundos do vídeo. Ata ahí, todo ben, temos unha curtametraxe fermosa. O caso é que en 2007, un dos meus grupos de cabeceira, Snow Patrol, utiliza ese vídeo para unha das súas cancións. E non para calquera canción, senon para a miña canción favorita, “Open your eyes”. E entón, para min, a historia adquire de golpe moito máis sentido. Prométoche que me resulta imposible darlle ao play e que non se me poñan os pelos de punta cada vez que chego ao minuto 04.01. Nese minuto exacto, sempre me entran ganas de empezar a correr a min tamén, de perder o medo e ir a polo que un quere sen importar nada máis. Porque cando un quere algo, en realidade, o demáis importa pouco… pero ás veces fai falta un empuxonciño, un truco pra ser valente. E este é o meu.

    ¿Qué por que che conto isto? Porque cando lin a túa historia, puxen o vídeo e vin a Franz ahí arriba, sobre esa barandilla e a piques de saltar, pensei nese minuto 04.01. Ás veces, e coas decisións máis importantes, un dubida. Ben porque de repente, e ao ter tan cerca iso que quere, o asalta o medo, ou ben porque nunca se está seguro de nada nesta vida, pero sempre sempre sempre hai uns instantes nos que un ten que decidir se tirar pra diante e a por todas, ou botarse atrás. Non sei que foi o que fixo que Franz se decantase pola primeira das opcións, non sei se él tamén tiña algún truco, pero eu, no seu lugar, tamén tería saltado.

    Que vivan os momentos nos que un está a punto de facer algo, e que viva o intre exacto no que, ao fin, se lanza.

    (Grazas pola entrada de hoxe, Miguel. Grazas por reavivar os soños. E grazas por recordar que os valentes non son os que o conseguen… senon os que o intentan. E como ti dis, o intento de Franz merecía ter rematado en éxito. Sen dúbida.)

    :)

    PD. Por certo, que precisamente por isto que acabo de contar, o meu blog se chama así: http://cetaitunrendezvous.blogspot.com.es/search/label/%C2%BFPor%20qu%C3%A9%20este%20blog%20se%20llama%20as%C3%AD%3F

    ResponderEliminar
  2. Un aplauso para os dous, para a historia de Franz e para a desa curta polas rúas de París :)
    Un debe de atreverse a saltar sempre, aínda co risco de fracasar...

    ResponderEliminar
  3. Que gustazo dar ler cousas tan interesantes (as duas historias), e reflexións de altura...

    ResponderEliminar
  4. Altura a que temos nos comentarios! :)
    Moitas-moitas grazas por atrevervos a compartilos!

    Hai historias que o teñen todo. Sexan reais ou non, hai historias cos ingredientes e a química necesaria para permanecer na memoria e facerse eternas. Aínda estou embobado coa desa curtametraxe rodada polas rúas de París en 1976. Coa curta, coa intención, co minuto 04.01 e coa amalgama perfecta que as imaxes e a música logran no videoclip de Snow Patrol.
    Non podo deixar de velo!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Petos de ánimas: o medo como arma

  “ Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás ” . Eso pon nalgúns coma este. Glups. Coñeces os petos de ánimas?... De noite e, coa única luz dunha vela, a imaxe impresiona. E xuro que non a puxen eu. Este está nun cruce de camiños, sobre unha pilastra. As figuras representan tres almas (unha delas con mitra, polo tanto un bispo) ardendo terrorificamente entre enormes lapas de lume no Purgatorio, cunha pomba (o espírito santo) sobre as súas cabezas. Se un se achega ben, aínda é posible descubrir restos da pintura vermella nas lapas, engadindo unha dose extra e moi truculenta de realismo. Qué demo é esto? E por que hai unha vela aí? Explícoche: Un PETO é unha hucha. Non a ves, pero detrás do cirio da foto hai un oco para depositar moedas nunha caixa baixo chave. Chave que por certo tería o párroco. As ÁNIMAS son as almas. Almas de persoas mortas que, por algún motivo, non poden acceder aínda ao ceo. E aí están, pasándoo mal, penando. E dando pena. O PURGATORIO sería ese espaz...

Don Carnal e Dona Coresma: 2019 vs 2021

É curioso. Quería explicar o Carnaval ou Entroido : ese período de excesos permitido pola Igrexa católica para facer máis soportable o que vén despois, a Coresma, un período de corenta e seis días de pouco alimento e moita penintencia, para lembrar o tempo que pasou Xesús no deserto soportando todo tipo de trasnadas de Belcebú.  E quería usar para esa explicación este cadro do sempre espectacular pintor flamengo Brueghel o vello . Un auténtico animal . Tanto, que cinco séculos despois, as súas pinturas seguen tendo algo que atrapa, que cautiva. Neste caso, unha táboa que leva por título O combate entre Don Carnal e Dona Coresma . Unha obra moi do estilo El Bosco, con moito detalle, moito caos, moitas persoas, moita actividade, moitos simbolismos deses que che fan abrir os ollos e darían para vinte programas de Cuarto Milenio... Estaba así, con moito zoom, embobado en descubrir cada recuncho da obra, cando de súpeto pensei... pero se isto somos nós. Si, si! Estes somos nós! A ver,...