23/05/14

Capitán Phillips

23/05/14

"Mírame. Agora eu son o capitán".


En 2009 todas as alertas mariñas se dispararon cando un buque mercante estadounidense foi abordado e secuestrado por piratas fronte ás costas de Somalia. Había 200 anos que non pasaba algo así. Capitán Phillips é a narración dese real, dramático e espectacular episodio. Tan potente e realista que dicir que parece que vas nese barco e que veñen a por ti é quedarse curto. A tensión pálpase desde o minuto catro, e alcanza extremos que non podedes sospeitar cada vez que os secuestradores aparecen en escea. Un puñado de homes desesperados, famélicos e terriblemente violentos, capaces de tomar un mastodóntico cargueiro con apenas unha lancha e algo de arsenal militar. Homes que nada teñen que perder, porque nada teñen alí onde viven. E que resultan aquí brutalmente naturais e cribles, quizais precisamente porque nunca antes traballaran en película algunha. Que? Inquietante? Pois esperade a velos achegarse...

Clic na imaxe para ver o tráiler

Recibe os contidos no teu correo

3 comentarios

  1. Acabo de descargala!

    ResponderEliminar
  2. A por ela!
    E logo cóntasnos!

    ResponderEliminar
  3. Sentir MEDO, con maiúsculas. Non ter nin idea de que vai pasar e, pese a buscar unha solución á situación na que de repente se ven todos metidos, darse conta de que ningunha vai ser boa pra todos. Uns, temendo perdelo todo, e os outros, como ti dis, con nada que perder e moitísimo por gañar. Un Capitán Phillips que só intenta defender o seu barco e a súa tripulación, e un Muse que non está disposto a marchar con menos do que cre merecer baixo ningunha circunstancia. O primeiro, negociando coa palabra; o segundo, negociando con armas. Imposible atopar un equilibrio entre dúas partes tan diferentes…

    A tensión méteselle a un dentro, como ti dis, dende case o minuto un. Cando o radar detecta que dous esquifes os seguen, un sente medo. Cando se ve na pantalla que se van achegando pouco a pouco, un sente medo. Cando lles fan crer coa radio que se achegan avións e os piratas marchan, un volve sentir medo, pero esta vez, moito maior… porque como di un dos oficiais do mercante, “van volver”. Non saben nin cando nin como, pero saben que van volver. ¿Cómo segue un intentando traballar e vivir no barco con normalidade, sabendo iso, sabendo a ameaza que teñen enriba, sabendo que tipo de ameaza é, sabendo que é unha ameaza real? Efectivamente, volven os piratas, e volven tamén a tensión e o medo. Cando unha das mangueiras se solta, cando empezan os disparos, cando a escaleira está a punto de engancharse no barco, cando sube o primeiro dos piratas…
    E todo isto como espectador. Non podo nin quero imaxinar todo o que pasou polas cabezas de todos e cada un dos ocupantes do Maersk Alabama cando ao fin o barco é asaltado, porque me parece un exercicio durísimo.

    Quizáis por todos estes motivos, por facer que o espectador sexa un tripulante máis, por facela tan real, por ter ganas de chorar con Phillips durante o recoñecemento médico tras o rescate… quizáis por iso a película é tan boa. Quizáis polo conxunto de actores, un a SENTE así. Fan un traballo realmente brillante.

    (E para non perder obxectividade, non vou dicir nada ao respecto de Tom Hanks, aínda que sabes, Miguel, que me gustaría… ;) )

    Unha aperta, e grazas (como sempre) pola recomendación. :)

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK