12/04/14

O tesouro de Rebordáns

12/04/14

"Cóntanos algunha historia", dixo Lara. Durante esta semana moitos alumnos estiveron fóra de excursión, e os que nos quedamos tivemos ocasión de falar de mil cousas. Intuín que se refería a que lles falase dalgún lugar, dalgún descubrimento, dalgunha lenda curiosa. Desde que lles describín a pequena aldea de Os Vaos, ou o cemiterio de Pereiró, ou os túneles baixo os canóns de Cabo Silleiro, a súa curiosidade por descubrir este tipo de lugares medrou. E se algo teño claro é que alimentar a curiosidade é moito máis importante na vida que memorizar. Así que hoxe convídovos a descubrir.

Vía


Ás veces non sabemos a donde mirar, ou como mirar. E buscamos os tesouros moi lonxe da casa, porque pensamos que aquí non existen... ou que se os houbo nada queda deles. Pero non é certo. Os tesouros, aquilo que atrapa a nosa curiosidade, están en todas partes. Mesmo aí, a carón de onde ti vives, agardando a ser descubertos. E atopalos non depende de ter un mapa que os sinale, senón tan só de querer saír a descubrilos. De coller unha mochila e botarse a andar, ou de querer aprender a mirar. Por exemplo... Diríades acaso que isto está a 15 minutos a pé do voso instituto?

Fotografía tomada en torno a 1960. Vía
O mesmo lugar, na miña última visita
Pois está! Pero estas tumbas con restos óseos á vista non se atopan en ningunha catedral, non, senón nunha pequena igrexa. Nun sitio no que poucos crerían poder atopalas. E isto é algo que case sempre se repite, pois case todos os tesouros adoitan ocultarse baixo un disfraz ordinario e convencional. Mirade senón o tradicional cascarón no que se esconde este cemiterio romano-suevo do século V!

Igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns (Tui),  vista desde Google Maps.

Aí mesmo, baixo o solo desta igrexa, segue unha necrópole romana e, sobre ela, os restos do patio dunha posible vivenda. Xusto polo lado pasaba a chamada Vía XIX, construída polos romanos para comunicar as cidades de Braga e Astorga. A mesma que despois se convertiu en Camiño de Santiago portugués. Aí abaixo perviven os restos do antigo Tude ou Tui romano

Tumbas, estelas e muros, no subsolo da igrexa. Vía

Despois de caído todo o imperio, no século VIII alguén puxo alí as bases dun primeiro templo, e baixo o adro, ese espazo amplo que se estende diante da fachada, ergueuse nada menos que un mosteiro de monxes beneditinos, que funcionou ata 1225. Desa época (na que chegou a ser sede do bispo, debido ao saqueo viquingo da catedral) son tamén as partes románicas e máis fermosas da igrexa, como as 3 naves, as ábsidas e os magníficos capiteis historiados. Xa sabedes, esa peza que separa a columna do arco que sostén, e que aquí se converteu en lenzo de pedra para contar historias.

Vía
Mirar arriba e velos alí é tamén outra historia. Nun deles tres personaxes tocan as trompas cunha especie de estrela como testigo, mentres un dragón con alas aparece por un estremo, coma se fose unha apocalipse. Noutro capitel, tres persoas aparecen atrapadas nunha rede, ao igual que dous leóns que semellan empezar a devoralos, mentres un par de animais maman nos peitos da muller, situada no centro. A fin da humanidade?


Nun terceiro capitel vese a varios comensais ante unha mesa chea de comida, nunha representación tan plana e sinxela que fai sorrir... ata que te das conta de que nun dos laterais representáse unha decapitación: a de San Juan Bautista.


Xa vedes. Entras aquí e hai tantos reclamos que un non sabe ben a onde mirar primeiro. Pódese empezar mirando ás tumbas e os restos óseos que se ven baixo o chan. Logo, erguer un pouco a vista na procura das historias contidas nos capiteis labrados. E sempre podes rematar sentándote nun banco, en silencio, para perderte na bóveda celeste que algún soñador pintou sobre o teito da ábsida central hai máis de trescentos anos, no século XVII, mentres te preguntas como é posible que nun sitio tan pequeno puideran pasar tantas cousas.


En fin, xa o dicíamos antes... Ás veces un non saben a onde mirar.
Pero por ser curiosos que non quede.

Feliz visita! E boa finde!

Recibe os contidos no teu correo

6 comentarios

  1. Inés12/4/14

    GENIAL; Miguel...cuando una de "mis joyas" dice cuéntanos una historia sé que sus ojos, sus oídos...su cuerpo entero está preparado para que la curiosidad les lleve a mirar, a preguntar, a buscar...si les enseñamos a mirar al norte, al sur , al este y al oeste...crecemos juntos!!!! chachi piruli, gracias por "despertarnos2.

    ResponderEliminar
  2. El pasado jueves leí en prensa un texto firmado por Pablo Doberti, en el que explicaba perfectamente la necesidad que la escuela tiene del "Había una vez". Entre otras cosas porque -decía él- "estamos hechos de historias". Y reaccionamos a ellas como tú dices, Inés, que reaccionan tus chicos: con entusiasmo y curiosidad.
    Aquí os lo dejo!
    http://www.huffingtonpost.es/pablo-doberti/no-hay-una-vez_b_5104383.html

    ResponderEliminar
  3. Canto descubrimento! Xenial! Miguel, levo un rato maravilloso lendo as entradas do teu blog..Moitas Gracias por compartir as ideas, descubrimentos, etc... non só na clase!!
    A ver se nos miramos algún día e, tomando un café, cóntasme estas maravillas..

    Unha aperta
    Ana

    ResponderEliminar
  4. Ana! Alégrame infinito que che guste! Non sabes canto! Aínda que sempre escribo pensando nos alumnos (os que son, e os que foron) o certo é que os contidos e temas son tan abertos que creo que poderían interesar a calquera. E cando interesan e gustan, e mo facedes chegar, sempre é un motivo para sorrir... e un reforzo para seguir. Así que aproveito a oportunidade para darvos mil gracias.

    O café, por suposto, cando queiras! Será pracer enorme compartir estas e outras marabillas.
    Unha aperta, Ana!

    ResponderEliminar
  5. Yaiza4/12/14

    Hola!
    Hoxe estiven botándolle un ollo o teu blog para poder atopar o que nos comentaches sobre o cadro "Ronda de Noite" e atopei unha entrada que dicía "O tesouro de Rebordáns" e como eu vivo en Rebordáns...Entrei e atopeime con fotos que nunca vira sobre a parte inferior da igrexa de San Bartolomé. Eu ata fixen alí a comunión e nunca me fixara neses fermosos capiteis e sobre todo unha cousa que me chamou moito a atención foi que eu cando era pequena sempre quería saber o que había alí abaixo (xa que dende alí se podían apreciar unhas escaleiras) e o que me dixeron meus pais e os meus avós era que alí abaixo encontrábanse soterrados uns antigos cregos, pero dicíanme que non se podía baixar, e por iso alegreime moito ao ver esas fotos xa que así puiden observar o que alí se atopaba realmente.
    Saúdos Yaiza.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola Yaiza! Que contento me pon todo isto que me dis! É certo que moitas veces non valoramos o que temos preto, e case sempre é porque non o coñecemos como deberiamos. É moi curioso que incluso diante dos nosos ollos, hai cousas que nos pasan desapercibidas ata que alguén nos ensina a miralas. É como iso que hoxe falábamos na clase: o importante non son o número de horas dunha materia, senón que as materias nos ensinen a mirar ben o que nos rodea.

      Imaxino que despois de ler a entrada terás moitas ganas de volver á igrexa de Rebordáns, non? Non deixes de facelo. Leva aos teus pais contigo. Busca os capiteis, ensínalles as figuras, fálalles do que se ve neles... E leva unha lanterna para velos mellor. Logo pasade pola ábsida (detrás do altar) para contar as estrelas pintadas no teito (eu non fun capaz!). E finalmente, por suposto, non deixedes de baixar ao subsolo ou mirar a través do cristal (hai unha luz) os ósos que quedan daquelas persoas que un día, hai moitos séculos, elixiron quedar a descansar para sempre á beira do Miño, baixo as nobres e antigas pedras dese sitio pequeno pero cheo de Historia (para quen saiba mirala), chamado Rebordáns. Tamén teu.

      Millóns de grazas Yaiza!

      Eliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK