12/03/14

Sentirse un Refuxiado

12/03/14

Refuxiado. Imaxinas ser un deles? Imaxínao de verdade... Se podes.

Fotografía: UNICEF, Romenzi.

Imaxina o fácil que é converterse nun. Como esa rapaza do vídeo do outro día. Imaxina que te vises, como ela, sorprendido por un conflito inesperado, unha situación de perigo, un goberno autoritario e represivo, ou unha guerra. Imaxina o medo que se sente cando non existe seguridade nin na túa propia casa (lembrades aquel grupo de nenos sirios correndo entre disparos?). Imaxina ter que abandonar a túa clase, o teu grupo, a familia, o teu lugar e as túas cousas. Ter que fuxir co que levas posto e cagado de medo porque sabes o que pode pasar se alguén te colle. Imaxina estar malvivindo nun país alleo porque ao teu xa non podes regresar... Igual que se foses un rapaz sirio de hoxe. 


Non sempre están lonxe. Durante a guerra civil en España, os refuxiados do mundo eran españois. Tampouco eles esperaban verse así, ata que pasou, máis ou menos cando os teus avós eran uns rapaces. Quen sabe, se lles preguntas igual aínda lembran historias coma estas. Historias de nenos arrastrando unha maleta, ou de familias enteiras deixándoo todo, incluso a saúde, no camiño ata outro país... como lle pasou ao poeta Antonio Machado. Todas as fotografías que seguen son de refuxiados españois.

Os chamados "Nenos de Morelia" eran todos fillos de republicanos españois.
En 1937 foron enviados ao goberno de Mexico, para intentar salvalos da guerra.
En 1939 máis de 400.000 refuxiados españois cruzaron a fronteira cara Francia
Refuxiados españois en Francia
Que rápido nos olvidamos da nosa propia historia. Verdade? Por iso é tan necesario aprender a poñernos no lugar dos demais. Porque todo se entende mellor cando o vemos desde diferentes ángulos. Así que vouche propoñer algúns xogos que, sen moverte do sitio, vanche axudar a verte na pel dun refuxiado. Só por uns minutos.

Que? Aceptas o reto? Pois empecemos por poñernos nos seus zapatos.
Fai Clic na imaxe, e escolle!


A onde cres que vas? Pensas que basta con saír do país? Que todo acaba aí? Que imaxinas que che agarda se logras pasar a fronteira? Un asilo? Unha residencia? Un xuíz que che devolva o que che quitaron? Non sexas iluso. A mellor maneira de sabelo é visitar un campo de refuxiados. Este é o Zaatari Camp, en Xordania. Nel viven e son atendidos uns 150.000 refuxiados sirios. E iso é máis que toda a poboación de cidades como Lugo, Ourense ou Santiago. Se imaxinabas catro tendas de campaña, imaxinabas mal.

Fíxate ben... Cada puntiño é unha construción.
Clic na imaxe para meterte nel!


Non sei... Quizais todo isto que estamos vendo che quede moi lonxe. Quizais para entendelo necesites vivilo. Vivir nun país autoritario, con forte represión e ao borde da guerra. Pasar un agresivo interrogatorio policial simplemente por pensar diferente. Ter que recoller catro cousas para fuxir da túa casa antes de que vaian a por ti. Intentar escapar aos controis. Correr ata a fronteira sen fiarte de ninguén. Buscar desesperado un refuxio ou alguén que che axude a moverte no novo país. Pasar noites sen durmir, chorando ti só e pensando se os que queres estarán ben. Loitar cada día contra vento e marea para poder empezar de cero... porque iso é o que che queda cando es un refuxiado. Cero

 Por iso convídote a xogar a Contra vento e marea.

Agora o Refuxiado... ERES TI
Clic na imaxe para xogar!
Isto é un xogo. Un magnífico xogo feito pola ONG ACNUR.
Pero non esquezamos que esas situacións existen... e son infinitamente máis crueis.

Recibe os contidos no teu correo

4 comentarios

  1. Anónimo13/3/14

    nosotros pensamos que al no pasarnos nada de los que le pasa a otros aqui nunca pasara pero no es verdad

    ResponderEliminar
  2. Pois si. É exactamente iso! Vivimos nunha burbulla, illados do que realmente é o mundo e convencidos de que a nós nunca nos tocará. Acordarémonos cando toque.

    ResponderEliminar
  3. Anónimo14/3/14

    "Primero vinieron a buscar a los comunistas,
    y yo no hablé porque no era comunista.

    Después vinieron por los socialistas y los sindicalistas,
    y yo no hablé porque no era lo uno ni lo otro.

    Después vinieron por los judíos, y yo no hablé porque no era judío.

    Después vinieron por mí, y para ese momento ya no quedaba nadie que pudiera hablar por mí"

    Atribuído a Bertolt Brecht

    ResponderEliminar
  4. Todos somos culpables, e o silencio non é máis que unha forma de colaboración pasiva cos que cometen inxustizas. Silencio cómplice, se di.

    Moitas grazas por achegarnos esa cita de Bertolt Brecht, que aquí vén moi ao caso. Porque Brecht foi outro Refuxiado, simplemente por pensar diferente. A el tocoulle marchar da súa Alemaña natal para salvar a vida, cando viu que Hitler non só chegara ao poder senón que empezaba a desmontar as institucións democráticas. El marchou ao día seguinte do famoso Incendio do Reichstag. Aí comezou para el a etapa máis dura da súa vida. Vida de Refuxiado. Fuxitivo por nada, e coa pasividade cómplice do mundo.

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK