Saltar ao contido principal

A memoria da choiva

Ollo...


Esquecédevos da riquiña Os fillos do mar. A nova novela de Pedro Feijoo entra polos ollos de maneira despiadada e con auténtica ira. A ira de Rosalía, que emerxe vingadora nunha serie de brutais crimes. Todo iso que nos contaron dunha Rosalía de Castro feble, depresiva e nostálxica quizais non era máis cá un monte de merda arroxado sobre a súa verdadeira personalidade. É que non o vedes? A moitos lobos interesáballe vendela así, manipulada e desdebuxada ata o extremo. Pero sen que eles puideran sabelo, todo ese conto, todas esas mentiras foron inxectando nalguén que permanecía oculto "un sangue negro, duro coma o ferro, un río mesto e pegañento de cólera e desesperación". E agora, cando menos o agardaban, chegou a hora. Alguén está a tomarse, con violencia e brutalidade extremas, a xustiza pola man.

Santiago de Compostela, ese impresionante escenario. Un coñecido colaborador televisivo aparece asasinado na súa casa cun ferro de vinte e dous centímetros e medio chantado no corazón. O lector revólvese inquieto. A escena é particularmente dura, pero hai algo nela que nos sona, algo estrañamente coñecido. Mentres aínda lle damos voltas, Pedro Feijoo quítanos os freos e lánzanos costa abaixo nunha cadea de arrepiantes mortes, todas conectadas entre si por durísimos versos extraídos de Follas Novas e anunciadas por unha misteriosa mensaxe previa no correo electrónico. Todo concentrado nos dez días previos ao Día das Letras adicado a Rosalía. 

A memoria da choiva é aventura e novela negra en estado puro. Proposta en seis actos, de lectura velocísima, moito diálogo, cambios de narrador e xiros inesperados. Cunha trama inquietante e medida ao milímetro, que desemboca nun final apoteósico. De infarto. Que paraliza. Creo que case tanto como unha sobredose de bromuro de rocuronio. E ata aquí podo falar. Para o demais, quedades en mans do intrépido Aquiles Vega e a intelixente profesora Sofía Deneb. Non vos arrepentiredes. Palabra.

Por certo. Se recibides unha mensaxe no correo e é un tal Adriano... 
Non o abredes. Correde!

Comentarios

  1. Sandra10/2/14

    Que ben descrito Miguel!! A miña letura tamén foi velocísima e é que esta novela engancha, sorprende e déixate coa boca aberta co seu gran final!!

    ResponderEliminar
  2. Xa hai un mes que rematei esta lectura. E sorpréndeme o feito de que a historia que narra non deixe de rondarme a cabeza. Non sei se é polo ben armada que está a trama, ou polo pouco que falta para o "Día de Rosalía" (24 de Febreiro), ou se acaso é por ese magnético ollo da portada (magnífica elección), que fai as veces dese "Gran Ollo" de Sauron que sae en "O Señor dos Aneis".

    O caso é que, repensando na trama e os personaxes, pregúntome se Pedro Feijoo quixo con esta novela ser tamén unha sorte de Adriano. Pregúntome se quixo poñer as cousas no seu sitio, se quixo denunciar unha manipulación real, se pretendía contar unha ficción que cambie a realidade da imaxe que temos de Rosalía. Pregúntome estes días, coa lectura aínda fresca, se quixo él tamén, en fin, ser un vingador. Se non será el tamén unha sorte de Adriano, e "A Memoria da Choiva" unha versión alternativa de "A xustiza pola man", que agora releo con novos ollos. Ollos de xenreira?

    "Aqués que ten fama de honrados na vila
    roubáronme tanta brancura que eu tiña,
    botáronme estrume nas galas dun día,
    a roupa decote puñéronma en tiras.

    Nin pedra deixaron, en donde eu vivira;
    sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas,
    ó raso cas lebres dormín nas campías;
    meus fillos… ¡meus anxos!… que tanto eu quería,
    ¡morreron, morreron, ca fame que tiñan!
    Quedei deshonrada, murcháronme a vida,
    fixéronme un leito de toxos e silvas;
    i en tanto, os raposos de sangue maldita,
    tranquilos nun leito de rosas dormían.

    -Salvádeme, ¡ouh, xueces!, berrei… ¡Tolería!
    De min se mofaron, vendeume a xusticia.
    -Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda…
    Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra.

    Entonces cal loba doente ou ferida,
    dun salto con rabia pillei a fouciña,
    rondei paseniño… ¡Ne-as herbas sentían!
    I a lúa escondíase, i a fera dormía
    cos seus compañeiros en cama mullida.

    Mireinos con calma, i as mans estendidas,
    dun golpe, ¡dun soio!, deixeinos sen vida.
    I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
    tranquila, esperando pola alba do día.

    I estonces… estonces, cumpreuse a xusticia:
    eu, neles; i as leises, na man que os ferira."

    Rosalía de Castro, "Follas Novas".

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

6º Concurso CineHistoria

Despois de 5 edicións, non pensaríades que deixaríamos acabar o curso sen o noso concurso favorito, non...? Pois benvidos a CineHistoria! , o certame de minicríticas de cine máis famoso da comarca!  Velaquí as 40 críticas (en formato orixinal) desta edición,. Podedes lelas todiñas nos comentarios! As normas e o sentido do concurso xa o sabedes , pero por se acaso...: Para quen? Participan os meus alumnos de Historia de 1º de Bacharelato . Este ano, 40. Que teñen que facer? Eu reparto unha listaxe dunhas 50 pelis .  Cada un deles ten que elixir unha para ver antes dunha data límite. Condición obrigada: que non a viran nunca!  Onde e cando? Cando acabou o tempo para ver as pelis, un día, sen previo aviso reparto en clase un papel.  Cada participante ten 8 liñas e uns 20 minutos para escribir . Como facelo? A crítica debe ser algo máis que un resumo. Debe ter opinión, análise, orixinalidade e, sobre todo, espertar unha emoción no que le. Prohibido deix

V Concurso CineHistoria

Os bos costumes non se poden perder. Por iso, había que volver coa quinta edición do Concurso máis lonxevo (creo) do noso instituto.  Como cada ano, convoco aos meus alumnos de Historia do Mundo Contemporáneo (1º Bacharelato) a un certame, que non é máis que unha escusa para ver cine... e, a través dese cine, para tecer lazos invisibles coa Historia, ou sinxelamente coa vida .  Que como o facemos? Doado. Entrego unha lista ampla de películas coas que un se pode achegar á Historia (ou ao bo cine); concedemos un prazo de tempo para que cada alumno poida ver polo menos unha delas; e cando todos teñen visto xa a súa peli, chego un día por sorpresa a clase e exclamo: " Aquí comeza o Concurso de Críticas CineHistoria! ";  ese día, nun silencio de 20 minutos e baixo pseudónimo, cada alumno esfórzase por escribir a crítica da peli que viu, sabendo que debe facelo da forma máis persoal, orixinal e efectiva posible...   Con que premio? Con cal vai ser! Aquí comeza o V CONCURS

Concurso Galicia en Foto (II)

Aquí volve o noso concurso! E unha vez máis, non penso dicir onde está isto ... Porque queda da vosa man! Iso si, desta vez cambiamos o método de resposta: en vez de escribir a solución publicamente nun comentario, enviarédesma a min directamente facendo clic na parte superior do blog, onde di "INFO", e dentro diso en "CONTACTO". Unha vez aí, non tedes máis que poñer nome, email e a vosa resposta! Deste xeito chegará a min sen que outros poidan vela.  Gaña quen acerte o nome concreto e a función do lugar no que botei esta foto .  Tal e como prometera, desta vez agarda un premio de cine! O PRAZO PARA CONCURSAR  REMATA ÁS 23.00 HORAS DO SÁBADO 9 PUBLICAREI TODAS AS RESPOSTAS E O GAÑADOR AQUÍ AO LONGO DO DOMINGO 10 BRAVO CENTURIÓNS! O lugar da foto é o fermoso campamento romano de Aquis Querquennis,  en Bande (Ourense). Os vellos coñecían o sitio como A Cidá, pois vían muros e obras de edificacións antigas.  En 1947, ao construírse o Encoro d