Saltar ao contido principal

Bombardeo de caramelos

Ceo santo, que malleira me deu a gripe. Doce días levo febril na cama sen poder botar un pé fóra. Non sei se darei andado mañá cando teña que ir a clase. Pero o que si podo facer xa é darlle á tecla. E tiña unha historia pendente para compartir aquí con vós, despois de contala nunha clase de 1º de Bacharelato e de observar algúns sorrisos de "que historia máis chula". Porque o é. Así que aí vai. Unha historia moi doce, para empezar con bo ánimo o ano. A historia de cando Berlín foi bombardeada con caramelos, chocolates e chuches de toda clase, día si e día tamén.

Tras caer os nazis, Alemaña dividiuse en catro sectores controlados polos vencedores da 2ª Guerra Mundial. Un sector oriental, para a URSS; e un sector occidental para EEUU, Reino Unido e Francia. Coa capital, Berlín, fíxose o mesmo, a pesar de atoparse esta en pleno corazón do sector oriental. Pero o 23 de xuño de 1948, Stalin, ambicionando facerse con ela, ordena bloquear todos os accesos terrestres a Berlín Occidental. O obxectivo é asfixiar á súa poboación, deixándoa sen alimentos nin combustible, ata lograr que, desesperados, se unan á Alemaña Oriental.


A resposta foron os avións. Os tres aliados acordaron establecer unha ponte aérea diaria e masiva para levar comida e carbón aos 2,2 millóns de habitantes (case como Galicia hoxe!) que quedaran bloqueados no Berlín Oeste. Tan diaria e tan masiva que, cada día, unha media de 900 avións aterraban no Berlín occidental. Un avión cada 3 minutos. E así todos os días, durante os 322 que durou o bloqueo. Supoño que Stalin nunca pensou que fosen ser capaces de manter tantos voos durante tanto tempo, no que foi a maior acción humanitaria coñecida.


Pero a historia ía ir aínda moito máis aló. Aquí empeza o bo!


Un día, tras un deses voos, un xoven piloto observa desde a pista uns trinta rapaces que vían aterrar os avións desde o valo exterior do aeródromo. O piloto achegouse a eles, sacou dous chicles que levaba nun peto, partiu cada un en catro trozos e ofrecéullelos aos rapaces. Eles comezaron a partir eses cachos noutros cada vez máis pequenos, para que todos tiveran un. O piloto comprobou que preferían olelos e gardalos, antes que comelos, e que o propio envoltorio era para eles algo de valor. Para aqueles nenos, o tesouro era tan grande, que éralles suficiente co pracer de poder cheiralo. Impresionado, prometeulles que ao día seguinte traería chocolates para todos e que llos lanzaría desde o seu avión, antes de aterrar, movendo levemente as ás ao aproximarse para que souberan que era el.



Aquela tarde, o xoven piloto comprou todos os doces que puido reunir, e pasou a noite atando pequenos paquetes a tres paracaídas feitos con panos. Ao día seguinte, xa preto do aeródromo e tras mover suavemente as ás do avión, o seu copiloto deixounos caer sobre os nenos que o agardaban. Tres paquetes, cada un co seu pano-paracaídas, foron lanzados desde aquel avión todos os días durante tres semanas. E a cada vez, alí había un maior número de cativos agardando por el.




Ata que un alto mando chamou ao piloto ao seu despacho para pedirlle explicacións. Ao presentarse, o mando púxolle diante un xornal berlinés que recollía unha noticia do asunto co seu avión nunha fotografía. A cousa apuntaba a bronca. Pero lonxe diso, o Xeneral felicitouno pola súa idea e, entusiasmado, comprometeuse a convertela en proxecto de Estado. Chamárona Operación Little Vittles. A partir daquel momento xa non sería un avión, senón moitos, os que botarían doces para os nenos do Berlín bloqueado. Se había que facer a puñeta a Stalin, aquela era unha forma tan boa coma outra calquera: bombardeando Berlín con paquetes de doces.



A noticia entusiasmou tanto en EEUU que comezaron a chegar centos de contribucións en forma de caixas de caramelos, chicles, chocolate e todo tipo de doces, moitas veces incluso xa preparados co seu paracaídas, listos para lanzar desde o avión. O xesto do piloto calara fondo en todo o país.

Chamábase Gail Halvorsen. Non ía de heroe, nin de patriota. Ninguén o recorda por iso. Se o lembramos é precisamente por ter unha cualidade simple, que todos deberíamos ter. Foi humano. Comprometeuse cos máis pequenos, para, cun pequeno xesto, axudarlles a sorrir e sobrelevar mellor aquela vida. Pero Gail, ademais, deulle a volta ao resultado que podería ter o bloqueo. Lonxe de desmotivarse, a poboación do Berlín Oeste puido manter ou incluso mellorar o seu nivel de vida, e sentiuse máis proclive aínda á causa occidental. Apenas un ano despois, e tras o constante bombardeo de provisións e doces, o 12 de maio de 1949 Stalin dase por vencido e retira o seu bloqueo sobre o sector occidental da capital.

Gail Halvorsen volveu a Alemaña anos despois, e incluso tivo ocasión de atoparse con algúns daqueles cativos, xa adultos. El adoita dicir que aquel encontro cos rapaces no aeródromo o marcou para sempre. Pero agora sabe que tamén el os marcou para sempre a eles. Porque como un deles lle dixo nunha ocasión:

"Non era só chocolate; tamén era esperanza"

Comentarios

  1. Sandra13/1/14

    Benvido Miguel!! Xa se botaban de menos as "moedas de Caronte"! Que historia chula! Xa me imaxino a ledicia dos rapaces, e os non tan rapaces, e do propio soldado ó repartir ese cargamento tan valioso e con tanto significado para todos eles.

    ResponderEliminar
  2. Eu creo que se hoxe alguén nos dixera que mañá pasará baixiño co seu avión, moverá as ás para que o recoñezamos, e deixará caer sobre nós centos de paquetiños de chocolates, doces e chuches de toda clase... Se iso pasara... a noite faríasenos eterna, as pernas non abondarían para correr, peinaríamos agónicos o horizonte en busca dun reflexo plateado, tremería o corpo ao descubrilo achegándose cara nós, sorriríamos ao velo abaneando suave as ás, e dificilmente a nosa memoria podería olvidar nunca o incrible espectáculo (visual, sonoro) de ver caer sobre as nosas cabezas unha nevarada de "paracas" rebosantes de... chocolates.

    Se para nos sería unha das experiencias máis nobres e grandes da nosa vida... non imaxino o que puido ser para os nenos daquel lugar, naquel tempo...

    ResponderEliminar
  3. Paula Alonso C.14/1/14

    Certo... Sería hoxe unha desas inolvidables noites de insomnio e ilusións que, cando un é un cativo, soña con non perder nunca. Logo ese cativo faise maior e sustitúe unhas ilusións por outras máis pequeniñas, e acaba botando de menos esas noites en vela... Pero, con sorte, seguirá notando de cando en vez esas "mariposiñas" no estómago. Porque ao final, todos levamos ese cativo dentro, para recordarnos o xeito máis bonito de VIVIR, con maiúsculas. Como decía unha escritora francesa que eu adoitaba ler: "A xente pensa que os nenos non saben nada, e unha pregúntase se os maiores foron nenos algunha vez".

    Oxalá mañá pasase ese avión, Miguel.
    Ou calquera outro.
    De xeito literal.
    E tamén metafórico.

    ResponderEliminar
  4. Acórdaste de "Amelie" e aquela caixiña oxidada?... Cada pequena cousa que contiña, significaba unha gran emoción na vida do neno que alí as gardara... Por iso, cando a reatopa, redescubre de golpe o sentido da vida que a propia vida lle fora arrebatando. "É curiosa a vida. Cando eres neno o tempo non remata de pasar, e de pronto, un día, sen darte conta, tes 50 anos, e da infancia o único que che queda cabe nunha caixiña oxidada".

    ResponderEliminar
  5. Paula Alonso C.14/1/14

    "Amelie" é unha desas películas que todo o mundo debería ver de vez en cando. Sempre digo que é aos filmes o que "O principiño" aos libros. E claro... como olvidar esa caixiña! E ese momento no que o seu dono a abre! Grazas por traer ese recordo á miña mente xusto antes de ir durmir. Así, soñar é moito máis fácil.

    Unha aperta grande, Miguel!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Petos de ánimas: o medo como arma

  “ Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás ” . Eso pon nalgúns coma este. Glups. Coñeces os petos de ánimas?... De noite e, coa única luz dunha vela, a imaxe impresiona. E xuro que non a puxen eu. Este está nun cruce de camiños, sobre unha pilastra. As figuras representan tres almas (unha delas con mitra, polo tanto un bispo) ardendo terrorificamente entre enormes lapas de lume no Purgatorio, cunha pomba (o espírito santo) sobre as súas cabezas. Se un se achega ben, aínda é posible descubrir restos da pintura vermella nas lapas, engadindo unha dose extra e moi truculenta de realismo. Qué demo é esto? E por que hai unha vela aí? Explícoche: Un PETO é unha hucha. Non a ves, pero detrás do cirio da foto hai un oco para depositar moedas nunha caixa baixo chave. Chave que por certo tería o párroco. As ÁNIMAS son as almas. Almas de persoas mortas que, por algún motivo, non poden acceder aínda ao ceo. E aí están, pasándoo mal, penando. E dando pena. O PURGATORIO sería ese espaz...

Don Carnal e Dona Coresma: 2019 vs 2021

É curioso. Quería explicar o Carnaval ou Entroido : ese período de excesos permitido pola Igrexa católica para facer máis soportable o que vén despois, a Coresma, un período de corenta e seis días de pouco alimento e moita penintencia, para lembrar o tempo que pasou Xesús no deserto soportando todo tipo de trasnadas de Belcebú.  E quería usar para esa explicación este cadro do sempre espectacular pintor flamengo Brueghel o vello . Un auténtico animal . Tanto, que cinco séculos despois, as súas pinturas seguen tendo algo que atrapa, que cautiva. Neste caso, unha táboa que leva por título O combate entre Don Carnal e Dona Coresma . Unha obra moi do estilo El Bosco, con moito detalle, moito caos, moitas persoas, moita actividade, moitos simbolismos deses que che fan abrir os ollos e darían para vinte programas de Cuarto Milenio... Estaba así, con moito zoom, embobado en descubrir cada recuncho da obra, cando de súpeto pensei... pero se isto somos nós. Si, si! Estes somos nós! A ver,...