Saltar ao contido principal

Samaín, Defuntos e Thriller

O Samaín era a festa coa que os celtas celebraban o final do verán, e marcaban a entrada no longo e escuro inverno. Pero tamén era unha noite na que os vivos sentían que a liña que os separaba do mundo dos mortos estreitábase. Por ese motivo, durante esta noite convidábase de distintas maneiras aos ancestros xa defuntos, e ao mesmo tempo tratábase de evitar aos espíritos malignos. Pero a diferenza do que se adoita pensar, non había horror, senón só unha fonda necesidade de honrar a memoria dos que se foron, e tamén de sentilos máis preto. Por iso, ata hai uns anos, nas aldeas aínda se lles deixaba castañas asadas e un pequeno lume aos amigos e familiares mortos para que, xa a soas, tamén puideran celebrar a festa. Dalgún xeito, así tamén seguían con nós.

O lume ardendo baixo a prancha da cociña de ferro


Eu tamén honrarei aos meus mortos. Asarei unhas castañas na casa dos meus abuelos, para comelas en torno ao lume da súa cociña. E cando nos deitemos deixaremos algunhas para eles sobre a prancha de ferro da cociña. E aínda que sexa un incrédulo, gústame imaxinar que tamén eles irán a sentarse alí, como cando eran novos, para comelas, sorrir, e celebrar (espero) o moito que os lembramos.

Teño moitos recordos de cando era pequeno naquela casa. Un deles vaille ao pelo a esta Noite de Defuntos que, para moitos, é máis motivo de diversión que de lembranza (e non teñen por que estar reñidos). Eu debía ter só seis anos, e daquela botaban na tele uns espazos que se chamaban "Minutos Musicales". Á noite, non sei por que motivo, os minutos musicais escollidos eran sempre os 14 terroríficos minutos (14!) do videoclip "Thriller", de Michael Jackson. En canto o vía empezar, automaticamente, Miguel baixaba a cabeza, apoiábaa na mesa, tapábase cos brazos, e pedíalle a quen queira que estivese ao lado que o avisara cando a canción rematara. E claro, aínda que non vise a pantalla, mentres escoitaba a música, con ese festival de ruídos de pasos, portas que chirrían, oubeos de lobo, berros de pánico, e demais que é Thriller... xa podedes imaxinar o meu canguele!


Non sabía que o videoclip era tan bo e tan adiantado ao seu tempo. Nin que estaba marcando un fito na historia da música (pop). Nin que sería o disco máis vendido da historia, con máis de cen millóns de copias en todo o mundo. E moito menos sabía eu que, anos depois, o compartiría con vós aquí. Disfrutade o videoclip. Paga a pena. Clic na foto!

Feliz Thriller!
Feliz Noite de Defuntos!

Comentarios

  1. jajajjaaaaaa....non te imaxino , co curioso que ti eres, baixando a cabeza pra non ver algo!! eu non recordo este vídeo, por acordarme....poucas cousas me veñen a cabeza e menos con seis anos!! Eso sí, o ulido das castañas cocidas cas ramas de fiuncho é algo que non se me esquece, debo ter masi memoria de olfato que de cachola!


    En fin, una chea de cousas por amañar e aquí ando fedellando no que non teño tempo a ler!!

    ResponderEliminar
  2. Claro! Precisamente porque era curioso tapaba os ollos pero deixaba libres as orellas e, entre iso e algunha mirada furtiva de vez en cando, ao final enterábame de todo! Así me costaba despois irme para a cama e non mirar se había alguén debaixo!! Como di o refrán: "a curiosidade matou ao gato!"...

    A memoria do olfato é a máis potente de todas. Non sei que ten, que moitas veces recuperamos un recordo precisamente cun simple olor.

    Pois alégrome de que fedelles un rato! Polo menos serviu para botar unha risa!
    Un bico, C.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Petos de ánimas: o medo como arma

  “ Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás ” . Eso pon nalgúns coma este. Glups. Coñeces os petos de ánimas?... De noite e, coa única luz dunha vela, a imaxe impresiona. E xuro que non a puxen eu. Este está nun cruce de camiños, sobre unha pilastra. As figuras representan tres almas (unha delas con mitra, polo tanto un bispo) ardendo terrorificamente entre enormes lapas de lume no Purgatorio, cunha pomba (o espírito santo) sobre as súas cabezas. Se un se achega ben, aínda é posible descubrir restos da pintura vermella nas lapas, engadindo unha dose extra e moi truculenta de realismo. Qué demo é esto? E por que hai unha vela aí? Explícoche: Un PETO é unha hucha. Non a ves, pero detrás do cirio da foto hai un oco para depositar moedas nunha caixa baixo chave. Chave que por certo tería o párroco. As ÁNIMAS son as almas. Almas de persoas mortas que, por algún motivo, non poden acceder aínda ao ceo. E aí están, pasándoo mal, penando. E dando pena. O PURGATORIO sería ese espaz...

Don Carnal e Dona Coresma: 2019 vs 2021

É curioso. Quería explicar o Carnaval ou Entroido : ese período de excesos permitido pola Igrexa católica para facer máis soportable o que vén despois, a Coresma, un período de corenta e seis días de pouco alimento e moita penintencia, para lembrar o tempo que pasou Xesús no deserto soportando todo tipo de trasnadas de Belcebú.  E quería usar para esa explicación este cadro do sempre espectacular pintor flamengo Brueghel o vello . Un auténtico animal . Tanto, que cinco séculos despois, as súas pinturas seguen tendo algo que atrapa, que cautiva. Neste caso, unha táboa que leva por título O combate entre Don Carnal e Dona Coresma . Unha obra moi do estilo El Bosco, con moito detalle, moito caos, moitas persoas, moita actividade, moitos simbolismos deses que che fan abrir os ollos e darían para vinte programas de Cuarto Milenio... Estaba así, con moito zoom, embobado en descubrir cada recuncho da obra, cando de súpeto pensei... pero se isto somos nós. Si, si! Estes somos nós! A ver,...