25/09/13

2 historias intensas do Muro de Berlín

25/09/13

Coñecedes esa canción que se titula "Libre", de Nino Bravo?
Pois foi escrita por algo que sucedeu no Muro de Berlín, no Checkpoint Charlie.
Un mesmo lugar, dúas historias incribles.

O Checkpoint Charlie era un dos varios pasos fronteirizos no Muro de Berlín. Pero dous sucesos enormes, deses que fan Historia e nos impresionan, convertérono no máis coñecido e especial. Cando rematedes de ler esto, creo que para vós tamén pasará a selo. Toda a historia do Muro, que sempre nos parece afastada e allea, resultaravos un pouco máis sensible e humana. Unha cualidade que, por certo, nunca terá un muro.

Chamárono así porque era o punto de control C, e no alfabeto radiofónico dos aliados ésta pronunciábase Charlie. Situado ao pé da liña que dividía Berlín en dous: a parte Oeste (nese lugar baixo control dos Estados Unidos) e a parte Leste (baixo control soviético), consistía nunha caseta de control ocupada por soldados estadounidenses, mirando cara o Berlín soviético. Tal que así:



Historia 1. O día que puido estalar a 3ª Guerra Mundial
Tras a 2ª Guerra Mundial acordárase que todo o persoal oficial dos países aliados podería circular sen ser detido por calquera dos 4 sectores en que se dividira Berlín. Pero en outubro de 1961, tan só dous meses despois de erguer o muro, os soviéticos quixeron cambiar esta norma, e empezaron a perseguir, deter e atosigar aos que entraban na súa zona desde a parte Oeste. O xeneral Clay, dos EE.UU., decidiu que iso non podía ser, e mandou a un diplomático en coche cara a zona oriental, para ver como reaccionaban os soviéticos, mobilizando varios tanques por se acaso a cousa se poñía peliaguda.

En canto os soviéticos viron os tanques norteamericanos nas proximidades do Checkpoint Charlie, responderon enviando inmediatamente 10 dos seus tanques. E así, en só uns minutos, ambas artillerías situáronse a cada lado da liña, encañonándose mutuamente, armados ata os dentes e agardando o máis mínimo xesto para responder con toda a violencia posible. 

En primeiro plano, o Checkpoint Charlie e os tanques dos EE.UU. Ao fondo, os soviéticos.


Así estiveron desde ás 17.00 horas do 27 de outubro ata as 11.00 do día seguinte, cun nivel de tensión e alerta afogante, e cunha 3ª guerra mundial a punto de estalar. Ata que o presidente Kennedy ofreceu aos soviéticos negociar o asunto se accedían a retirar os seus carros de combate. Interpretando o xesto como unha vitoria política, un dos tanques rusos comezou a dar marcha atrás, retirándose apenas 4 ou 5 metros. Como resposta, outro carroa estadounidense fixo o mesmo. Ata que un a un, os tanques foron retrocedendo ata retirarse por completo.

Berlín, Alemaña, e o Mundo respiraron de novo para coller aire.


Historia 2. A morte que inspirou a canción "Libre"
O Checkpoint Charlie tamén foi escenario de fuxidas espectaculares. E de todas elas, a máis brutal e difícil de esquecer sempre será a de Peter Fechter, un obreiro da construción de 18 anos, que soñaba con poder pasarse ao lado Oeste. 


Planeou a fuxida cun compañeiro. Meteríanse nunha carpintaría preto do muro e cando os gardas se afastasen saltarían pola ventá e botarían a correr. Saltarían o primeiro muro (había dous en paralelo), e correrían polo espazo intermedio ata o noso Checkpoint Charlie. Así o fixeron. Saltaron pola ventá e correron. Correron como se a vida lles fose nelo, ata agarrarse ao muro. Pero cando estaban sobrepasándoo, varios soldados berraron dándolles o alto. O seu compañeiro logrou saltar e fuxir. Pero Fechter foi alcanzado por varios disparos. O seu corpo caeu cara o espazo intermedio, quedando á vista dos habitantes do Berlín Occidental. A pesar dos seus berros e lamentos, a ameaza e tensión era tan alta, que ninguén tivo o valor de atreverse a socorrelo. Alí, pegado ao muro, permaneceu absolutamente só, desangrándose lentamente á vista de todos durante case unha hora, ata que morreu.

Foto de Wolfang Bera

Esa mesma tarde miles de alemáns botáronse á rúa para protestar contra a brutalidade duns e a pasividade de outros, ao berro de "Asasinos! Asasinos!". Aquel día o xoven Peter perdeu a vida na súa desesperada carreira. Pero a memoria do que fixo e do que sufriu perviviu no lugar como un símbolo de liberdade durante 35 anos, ata 1990. Nese ano, recén caído o Muro de Berlín, os seus veciños construíron no mesmo punto no que morreu o monumento a Peter Fechter, onde unhas poucas palabras expresan perfectamente a senrazón da súa morte:
...El tan só quería a liberdade




Lembrades a canción do que falei ao principio?
Agora entendo que non era só unha canción. Non era só poesía.
Era protesta. Era Historia.
Clic para escoitar

Tiene casi 20 años y ya está cansado de soñar,
pero tras la frontera está su hogar, su mundo y su ciudad.
Piensa que la alambrada sólo es un trozo de metal, 
algo que nunca puede detener sus ansias de volar.

Libre, como el sol cuando amanece yo soy libre, como el mar.
Libre, como el ave que escapó de su prisión y puede al fin volar.
Como el viento que recoge mi lamento y mi pesar, 
camino sin cesar detrás de la verdad
y sabré lo que es al fin la libertad.

Con su amor por su bandera se marchó cantando una canción,
marchaba tan feliz que no escuchó la voz que le llamó
y tendido en el suelo se quedó, sonriendo y sin hablar
sobre su pecho flores carmesí brotaban sin cesar...

Recibe os contidos no teu correo

3 comentarios

  1. Sandra27/9/13

    Non tiña nin idea de que a canción de Libre estivera dedicada a Peter Fechter, nin coñecía a súa historia, desde logo moi triste, pero cunhas bonitas homenaxes, desde a canción á gran frase no seu monumento, que o dicen todo: " Libre " e " Él tan só quería a liberdade " .

    ResponderEliminar
  2. E eu tampouco! Atopeino lendo aquí e alá. Foi como encaixar esa peza que ás veces sobra, nun puzle ao que non esperabas que puidera pertencer. Neste caso, no puzle da Historia.

    Paréceme unha moi bonita homenaxe.

    ResponderEliminar
  3. marisa29/9/13

    ¡Que bonita historia! Sempre me gustou moito esta canción pero ahora despois de saber esto que tí contas aínda me gusta mais, moi emocionante, sempre me imaxinei cando a escoitaba que era alguén que escapaba de unha cárcere.

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK