Saltar ao contido principal

Egoístas

Hai que ser moi bruto para roubar un grafiti enteiro. Dunha parede!




"Traballo escravo" era un grafiti presuntamente feito por Banksy (clic para ver máis) en Londres. Nel víase a un neno asiático cosendo bandeiras británicas. Unha mensaxe do máis crítica. Pero o realmente provocativo era onde aparecera pintado: no muro dun comercio sinalado por importar produtos fabricados na India en condicións de explotación infantil. Ademais, daquela (maio de 2012) Londres andaba en pleno fervor patriótico, cheo de bandeirolos e outros estandartes, para conmemorar o 50 aniversario da raíña no trono. Así que, se poñan como se poñan (que se é un grafiti, que se é vandalismo...), isto era unha obra de arte. Removía conciencias e melloraba o entorno. 

As malas linguas din que foi a propia tenda a que arrincou a obra para especular con ela (Banksy cotízase!) e vendela por máis dun millón de euros! Segundo a policía británica non habería nada ilegal nisto... así que xa o podedes dar por perdido. No seu lugar, agora pódese ler outra inscrición: "Perigo, ladróns".

Que? Difícil de superar...? Pois non, home, non! Aínda se podía mellorar! Ou a ver por que non se vai a poder roubar dun xacemento un cacho de rocha no que os científicos estudan un fósil de dinosaurio que leva alí 70 millóns de anos?

Fotografía que aparecía na noticia, en EL PAÍS.
Era o fósil dunha cría de dinosaurio no seu niño. Na imaxe recoñécense cinco ou seis vértebras. Toda a información nova que se agardaba, todo o valor que tería para a comarca na que se atopou, todo se foi co miserable de turno, que tivo que tirar a rocha a rolos por unha ladeira para levala. Como no grafiti, tamén isto era un tesouro de todos. E tamén axudaba a facernos mellores.

De todos os defectos humanos,
o egoísmo é sen dúbida o que nos fai máis miserables.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Petos de ánimas: o medo como arma

  “ Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás ” . Eso pon nalgúns coma este. Glups. Coñeces os petos de ánimas?... De noite e, coa única luz dunha vela, a imaxe impresiona. E xuro que non a puxen eu. Este está nun cruce de camiños, sobre unha pilastra. As figuras representan tres almas (unha delas con mitra, polo tanto un bispo) ardendo terrorificamente entre enormes lapas de lume no Purgatorio, cunha pomba (o espírito santo) sobre as súas cabezas. Se un se achega ben, aínda é posible descubrir restos da pintura vermella nas lapas, engadindo unha dose extra e moi truculenta de realismo. Qué demo é esto? E por que hai unha vela aí? Explícoche: Un PETO é unha hucha. Non a ves, pero detrás do cirio da foto hai un oco para depositar moedas nunha caixa baixo chave. Chave que por certo tería o párroco. As ÁNIMAS son as almas. Almas de persoas mortas que, por algún motivo, non poden acceder aínda ao ceo. E aí están, pasándoo mal, penando. E dando pena. O PURGATORIO sería ese espaz...

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Don Carnal e Dona Coresma: 2019 vs 2021

É curioso. Quería explicar o Carnaval ou Entroido : ese período de excesos permitido pola Igrexa católica para facer máis soportable o que vén despois, a Coresma, un período de corenta e seis días de pouco alimento e moita penintencia, para lembrar o tempo que pasou Xesús no deserto soportando todo tipo de trasnadas de Belcebú.  E quería usar para esa explicación este cadro do sempre espectacular pintor flamengo Brueghel o vello . Un auténtico animal . Tanto, que cinco séculos despois, as súas pinturas seguen tendo algo que atrapa, que cautiva. Neste caso, unha táboa que leva por título O combate entre Don Carnal e Dona Coresma . Unha obra moi do estilo El Bosco, con moito detalle, moito caos, moitas persoas, moita actividade, moitos simbolismos deses que che fan abrir os ollos e darían para vinte programas de Cuarto Milenio... Estaba así, con moito zoom, embobado en descubrir cada recuncho da obra, cando de súpeto pensei... pero se isto somos nós. Si, si! Estes somos nós! A ver,...