30/08/12

Viquingos contra Galaicos

30/08/12

Podería ser un fotograma de películas gloriosas como Braveheart, Rob Roy ou O Señor dos Aneis...


Pero é unha foto dos restos da Torre defensiva de San Sadurniño, fronte ao Cambados máis vello. Diredes que pouco queda dela, pero é que xa leva aí máis de mil anos, resistindo inimigos, ventos, o paso do tempo e mesmo algún terremoto... Ergueuse no século X. E a súa función estaba moi clara: protexer dos ataques dos viquingos a ría de Arousa, e sobre todo a desembocadura do río Ulla, polo que poderían chegar navegando ás terras de Compostela.

Os viquingos, de orixe escandinava, saquearon e tiveron amezadas as costas de media Europa durante a Idade Media, entre os séculos IX e XI. E non é de extrañar que os temeran. Movíanse con extrema rapidez, grazas aos drakkar: unha embarcación longuísima pero estreita, de pouco calado, repleta de remos de proa a popa e axudada dunha gran vela rectangular. No mascarón de proa, moitas veces, figuraba a temible cabeza dun dragón (de aí o nome). Unha vez chegados, a violencia coa que se empregaban era de libro.

A ría de Arousa era tan grande e o inimigo tan temido, que unha soa defensa era pouca. Así que foise minando a costa cun impoñente sistema defensivo de torres vixía, que funcionaban case como faros. Cando os navíos inimigos se vían ao lonxe, os gardas das torres, unha tras outra, prendían unha fogueira na súa parte superior, logrando así transmitir a noticia terra adentro e de forma moi rápida. Algo que debía ser tan impresionante como se ve nesta secuencia de O Señor dos Aneis, que agora quizais poderedes trasladar á nosa xeografía e facer máis vosa.



Imaxinades a ría de Arousa sementada de fogueiras de alarma ante naves ateigadas de viquingos? Facédesvos unha idea do importantes que eran esas torres daquela para a poboación? Pois rebuscando tan só un pouco, aínda podedes atopalas, tocalas coas mans e sentarvos un rato a carón delas, mirando ao mar, e xogando a imaxinar a Historia. Estou seguro de que algunhas xa as coñecedes... Son cinco, de sur a norte, as torres de: A Lanzada (Sanxenxo), San Sadurniño (Cambados), Calogo (Vilanova de Arousa), Meadelo (Vilagarcía de Arousa) e Torres do Oeste (Catoira).



E aí quedan. Gardando a costa de quen sabe que inimigos... E agora tamén, agardando por vós.

Recibe os contidos no teu correo

4 comentarios

  1. Sandra30/8/12

    Preciosa foto Miguel! é unha pena que quede tan pouquiño desta torre. Son impresionantes e máis o é imaxinar coma na secuencia do "Señor dos aneis" (que lembro esa parte gustarame e impresionarame moito), como se ían encendendo unha a unha esas fogueiras na presenza ao lonxe dos temibles vikingos...de libro!!

    ResponderEliminar
  2. Queda pouco, tes razón... Pero queda! E aínda que na película non eran viquingos exactamente, para o caso, válenos! Ás veces, a ficción axuda a entender, situar e querer mellor a realidade histórica.

    E se Mordor fose Escandinavia?
    E se os Orcos fosen os viquingos?
    E se a Terra Media fose Arousa?
    ...

    ResponderEliminar
  3. Xurxo30/8/12

    Outra (curta pero intensa) lección de historia mais que me/nos das Miguel, e outra vez presa que me dou en compartila tamén cos meus mellores amigos.
    Unha entrada moi boa, como as que nos tes xa acostumados.
    Moitas grazas.

    ResponderEliminar
  4. Grazas a ti, Xurxo.
    Por suposto, é un pracer que compartas isto con quen ti queiras.
    Anímovos moito a achegarvos a calquera delas. Só polos lugares nos que están, xa pagan a pena. Daríanche para unhas señoras fotos!
    Unha aperta.

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK