24/06/12

Aire negro

24/06/12

Había moito que non recomendaba unha lectura, e máis en galego. Pero a última deparoume moi bos momentos. É posible que algúns xa a coñezades, porque Agustín Fernández Paz é un escritor moi lido, e especialmente nos institutos (el mesmo foi profesor). Pero por se non é así, agora que teredes máis tempo, asegúrovos que este libro, mestura de amor, misterio e suspense, será un acerto. Non vos defraudará.


Laura Novo é unha muller nova e fermosa, pero algún suceso terrible que descoñecemos borroulle a memoria. Por iso Laura pasa o día enteiro encerrada nunha cela, sen dicir unha palabra a ninguén, tan só escribindo compulsivamente o seu nome, coma se fose ese o único resto que lle queda dalgún ignorado naufraxio. De feito, ela é a paciente máis complicada da prestixiosa clínica psiquiátrica Beira Verde, unha clínica excepcional, situada nun pazo do século XVIII que se asoma coma un balcón ao Miño, ás súas pequenas illas e ás terras veciñas de Portugal. 

Alí chega o xoven doutor Moldes, quen, obsesionado polo caso, idea un método novo para derrubar aquela fortaleza que Laura fora construíndo ao seu redor. Así é como empezará a descubrir a escura cadea de feitos vividos pola moza nunha casa rural da Terra Cha, onde Laura se reatopara cunha persoa do máis especial; con alguén que, moitos anos atrás, cando cursaba o instituto, fora unha verdadeira revolución para ela... Pero despois de aberta esa porta, nada volverá a ser o mesmo para ninguén.

Recibe os contidos no teu correo

5 comentarios

  1. Samantha25/6/12

    Eu lin o libro este curso. A min non me soen gustar moito os libros en galego, pero este, a verdade, é que me encantou. Engancha bastante! jeje

    ResponderEliminar
  2. Tes razón Samantha, engancha.
    É un libro coma eses que tanto lle gustaban a Laura, cheo de vida:

    "Laura facía unha apaixonada profesión de fe na literatura, no poder que os libros podían ter para cambiarnos a vida e axudarnos a termar dela nos momentos difíciles... a literatura como fonte de vida. Esa reiteración fíxome concibir a idea de asediar con palabras a fortaleza que Laura construíra ao redor de si".

    (Páxina 30, na 15ª edición, de outubro de 2010)

    ResponderEliminar
  3. Sandra26/6/12

    Teño algún diante, pero apúntoo nas próximas lecturas! encántame que "enganchen", ó mellor son as dúas da mañá e segues pasando páxinas...outro capítulo e outro... e dá unha pena cando o acabas!!

    ResponderEliminar
  4. Marcela13/11/12

    Casualidades da vida que hoxe só teña unha clase na facultade, casualidades da vida que o que esteamos estudando esta semana non me chame moito a atención, casualidades da vida que se me veña a cabeza moedasparacaronte , casualidades que chegue ata este título tratando de pasar un pouco o tempo, un título co que teño unha lembranza. Tras a primeira lectura de 1ºESO de Lingua Galega, Cartas de inverno , a miña profesora prestoume este libro, un libro que nunca chegaría a ler, un libro que nunca lembraría devolver á biblioteca...pero María José faleceu hai un par de anos, ese mesmo día lin o libro, e agora volve pertencer á biblioteca, onde centos mans terán a oportunidad de suxeitar as súas tapas.

    ResponderEliminar
  5. Ás veces, os libros (ese obxecto pequeno, de tapas suaves, intenso olor a papel e mesmo marcas de lector a modo de cicatrices de uso), desenvolven unha historia e unha vida propia, máis aló da que contan as súas páxinas. Grazas Marcela, por compartir aquí esta historia, que acompañará para sempre a ese fermoso e único exemplar de Aire Negro.
    Un abrazo.

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK