Saltar ao contido principal

O exemplo de Guardiola

O seu nome saiu na clase a semana pasada. Falando de política, empecei a tratar a figura do líder: alguén coa capacidade de lograr que a xente o siga. Descartados os políticos, ¿ocórresevos alguén que poida ter a virtude de ser visto como un bo líder por unha gran maioría de españois? Tres clases preguntadas, tres mesmas respostas: Guardiola. ¿Cales son os motivos?

Persoalmente, admiro a Guardiola. Gústame o seu fútbol, a paixón sana coa que o vive, as ideas e a súa forma de comunicar. Nun mundo de odiosos fanatismos como o deste deporte, nel vexo a alguén cheo de cualidades. Racional pero emotivo, silencioso, intelixente, motivador, coherente, sereno, moi hábil na comunicación, sinxelo pero elegante, perseverante ata a tozudez nas cousas importantes, Guardiola é un exemplo a todos os niveis. Un exemplo estudado xa en universidades de todo o mundo. O último libro que lin analiza polo miúdo os porqués do seu incontestable éxito profesional, sen caer no erro de mitificalo.


O talento de Guardiola como líder dun grupo, resumindo, podería basearse nos seguintes puntos:
  • Coherencia: o que di, faino. Un exemplo: desde que é adestrador do Barça anunciou que non concedería  entrevistas. Calculou que lle quitarían unhas catro horas diarias, e decidiu que non podía permitilo. A prensa criticouno; non se achantou, e os resultados danlle a razón.
  • Claridade: gústalle deixar moi claro o que pensa. Comunica sincero e directo, e coa serenidade de quen ten ideas propias e moi claras.
  • Confianza: cando a realidade apreta, é valente e da contínuas mostras de que confía no seu equipo. Resultado: o equipo devólvelle esa confianza e el sae reforzado.
  • Serenidade: en momentos de ansiedade e presión, Guardiola nin tira a toalla, nin perde a cabeza: amosa fe nas súas ideas, nos seus xogadores e ten perspectiva para dar tranquilidade.
  • Actitude: de facer ben as cousas. O mérito non está en gañar, senón en facer ben o traballo.
  • Respecto e aprecio polo rival: como deportista intelixente, Guardiola sabe que son precisamente os rivais os que permiten mellorar competitivamente. Contra o Madrid, o Inter ou a Leonesa, sempre mostra respecto e recoñece as cualidades dos equipos aos que se enfrenta. É algo que o honra.
  • Concentración: sempre hai que intentar facelo mellor, porque é así como se gaña o respecto dos demáis. O traballo en equipo, o esforzo colectivo e solidario, é a clave de todo.
  • Humildade: Sempre cos pes na terra. "Yo con otros jugadores no sería campeón de liga; ellos con otro entrenador, podrían serlo". Agradecido. 
  • Motivador: emite con claridade, marca a pauta, sabe ilusionar ao comunicar... É famoso o vídeo que Guardiola fixo para os xogadores antes de xogar a final da Liga de Campións en Roma no 2009. Gañaron (clic para ver).
Moitas destas cualidades aprécianse nun momento de máxima tensión como foron os minutos previos á prórroga da Supercopa de Europa de 2009, cos xogadores exhaustos e completamente frustrados... Gañaron.



Hai outros vídeos e reportaxes fantásticos na rede que permiten entender mellor o modo de pensar e actuar de Guardiola, e o por qué desa admiración xeral que provoca máis aló dos propios seguidores do equipo que adestra. Deles, os que máis me gustaron (clic para ver) foron: Palabra de Pep (reportaxe de TV3), En torno a Guardiola (reportaxe emitido por La 2), ou o sincero discurso que deu cando recibiu a Medalla de Honra do Parlamento catalán e no que explica o valor de poñer paixón nas cousas que facemos.

A formidable páxina Paradigma Guardiola analiza metodicamente o seu sistema de xogo e a súa cautivadora idea de fútbol (xadrez con música, dixo un día). Finalmente, paga a pena ler o que o escritor David Trueba, aprendeu escoitándoo e vendo partidos ao seu lado e a ras de campo, no peor ano da súa carreira. Bo proveito!

Comentarios

  1. Boas Noites Miguel, estamos Jose e eu na miña casa (maña marchamos para Londres) e acabamos de leer a entrada... diferencia de opinións... Jose di que se Guardiola non gañara os titulos que gaña non sería tan admirado, seguiría sendo un señor pero non sería admirado mundialmente... eu penso que solo por poñerlle ''Gladiator'' ós xogadores antes de un partido importante xa se merece todo o meu respeto.
    ''Road To London!!''

    ResponderEliminar
  2. Seguramente ten razón Jose.
    Pero eu penso que o digno de admiración de Guardiola non son os seus títulos, senón o modo de chegar a eles: actitude exemplar, valores que honran ao club e un fútbol admirable. Como Duarte, penso que foi unha idea moi boa e creativa a do vídeo de Gladiator.
    Gústame tamén o que lles dixo antes de saír a xogar a final do Mundialiño de Clubes: "Si perdemos seguiremos siendo el mejor equipo del mundo; pero si ganamos, seremos eternos"... E gañaron.

    Sentidiño en London! E pasádeo moi ben.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Petos de ánimas: o medo como arma

  “ Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás ” . Eso pon nalgúns coma este. Glups. Coñeces os petos de ánimas?... De noite e, coa única luz dunha vela, a imaxe impresiona. E xuro que non a puxen eu. Este está nun cruce de camiños, sobre unha pilastra. As figuras representan tres almas (unha delas con mitra, polo tanto un bispo) ardendo terrorificamente entre enormes lapas de lume no Purgatorio, cunha pomba (o espírito santo) sobre as súas cabezas. Se un se achega ben, aínda é posible descubrir restos da pintura vermella nas lapas, engadindo unha dose extra e moi truculenta de realismo. Qué demo é esto? E por que hai unha vela aí? Explícoche: Un PETO é unha hucha. Non a ves, pero detrás do cirio da foto hai un oco para depositar moedas nunha caixa baixo chave. Chave que por certo tería o párroco. As ÁNIMAS son as almas. Almas de persoas mortas que, por algún motivo, non poden acceder aínda ao ceo. E aí están, pasándoo mal, penando. E dando pena. O PURGATORIO sería ese espaz...

Don Carnal e Dona Coresma: 2019 vs 2021

É curioso. Quería explicar o Carnaval ou Entroido : ese período de excesos permitido pola Igrexa católica para facer máis soportable o que vén despois, a Coresma, un período de corenta e seis días de pouco alimento e moita penintencia, para lembrar o tempo que pasou Xesús no deserto soportando todo tipo de trasnadas de Belcebú.  E quería usar para esa explicación este cadro do sempre espectacular pintor flamengo Brueghel o vello . Un auténtico animal . Tanto, que cinco séculos despois, as súas pinturas seguen tendo algo que atrapa, que cautiva. Neste caso, unha táboa que leva por título O combate entre Don Carnal e Dona Coresma . Unha obra moi do estilo El Bosco, con moito detalle, moito caos, moitas persoas, moita actividade, moitos simbolismos deses que che fan abrir os ollos e darían para vinte programas de Cuarto Milenio... Estaba así, con moito zoom, embobado en descubrir cada recuncho da obra, cando de súpeto pensei... pero se isto somos nós. Si, si! Estes somos nós! A ver,...