Saltar ao contido principal

Os Vaos: tan incrible, que semella arte

Pode que algún día vos apeteza coñecer unha aldea próxima e sorprendente. Prometo que esta non vos vai deixar indiferentes. Os Vaos, no concello da Ribeira de Piquín, non é un sitio de paso. Ou vas adrede, ou non vas. Eu cheguei alí hai uns anos, grazas a un mapa no que andaba buscando lugares raros, e este pareceume do máis peculiar: un pequeno outeiro circular, rodeado totalmente por un río e moi afundido entre as montañas do arredor; naquel fondo outeiro (unha contradición en si mesma), agrupábanse as casas todas, coa igrexa ocupando o alto en plan fortaleza. A foto non fai xustiza ao tremendo do lugar, pero falo de algo así:


O que me fixo querer coñecelo foi a súa situación. Pero o que me fai querer ensinalo son os dous tesouros raros que atopei na súa igrexa. Un, útil e fermoso; outro, tétrico e moi estraño. Imos ata ela? Aguantade o vídeo ata o final: ides quedar COA BOCA ABERTA.



Hai un tempo, cheguei a falar co cura para preguntarlle por isto. Nada me contou acerca do por que, do cando ou do quen. Pero dixo que había unha cousa curiosa que podía ensinarme. Pensei: outra máis? Levoume á sacristía, abriu un fermoso armario, e sacou del un cranio humano cuberto da pátina que so dá o paso do tempo. Exactamente, este:


Sosténdoo entre as mans contoume que era costume alí, no día de defuntos, poñer esa calavera sobre unha mesa, no centro do corredor que leva ao altar, co fin de motivar máis á xente á hora de pensar nos mortos, á hora de poñerse no seu lugar, á hora de recordar que un día (un día, que chegará para todos) seremos precisamente iso. En tempos coma estes, no que a morte se nos oculta ridiculamente, coma se fose un accidente fortuíto que só de vez en cando ocorre, non está de máis un hixiénico cara a cara cos vellos cranios dos Vaos. Non vos parece?

Para os que queiran saber máis
AQUÍ podedes ler unha publicación sobre os nosos cranios dos Vaos.

Comentarios

  1. Denís contábanos en "Malena", hai pouco, que vira a película "El club de los poetas muertos".

    Hai unha escena grandiosa, ao principio da peli, na que o profesor saca aos seus alumnos a un corredor cheo de fotos antigas de outros estudantes que moitos anos antes tamén pasaran por alí; e entón pídelles que se fixen ben nos rostros daqueles antigos alumnos; que reparen ben en que eles tamén viviron, tamén sorriron, choraron, leron, namoráronse, xogaron ao fútbol ou se sentiron tristes algunha vez... Con todos embobados, dándose de conta do que normalmente nunca pensamos, o mestre dá a súa primeira lección: "carpe diem", "vivide o momento". Porque un día tamén vós seredes un rostro descolorido nunha foto coma esa.

    Lembraste da escena, Denís? Unha peli recomendable, sobre todo para aqueles que ides para profes.

    ResponderEliminar
  2. Nerea2/7/11

    Un lugar moi bonito pola súa paisaxe, pero tamén abraiante polo reloxo, que parece sorprendente que despois de 300 anos siga estando intacto, e polos cráneos. Cando falaches co cura preguntácheslle algo sobre os cráneos que había na parede do pórtico?

    ResponderEliminar
  3. Claro, por iso fun falar con el. Díxome que nada sabía, salvo que antes había máis cranios empotrados nesa parede. Debe ser moi antigo, porque os habitantes tampouco saben de cando é iso. Fun a dous arquivos en Lugo, e atopei cousas interesantes pero nin unha soa mención ás calaveras. O que si atopei foi dúas igrexas (en parroquias de Riotorto e A Pontenova) que teñen un só cranio colocado enriba da pía da auga bendita, xa no interior.
    É unha sensación indescriptible chegar alí, e atoparte con estas cousas.

    ResponderEliminar
  4. Sandra2/7/11

    Se sabe deste sitio Iker Jímenez, dedícalle un programa enteiro!!!Teño moitas ganas de visitalo, é unha pena que non se saiba o porqué,a historia das calaveras.E o do reloxo paréceme incrible,impresionante.Haberá que ir pronto por aló!!

    ResponderEliminar
  5. Artai3/7/11

    Eu non sei como te amañas que andas metido en todo! Eres un artista! jeje. Acavo de enterarme da direccion do blog, e de darlle unha visual asi rápida e... verdade que che dou a mais sincera noraboa, que é unha páxina increibel.Espero que siga a diante durante moito tempo.
    Respecto ao video dos Vaos decir que xa estibera por eses lares un par de veces. A primeira, que era bastante cativo, dérame algo de medo o tinglao este das calaberas, a segunda foi cando descubrin o reloxo que me encantara, e o tema dos craneos xa o tiña superado...
    PD: a maneira de expresarte no video recordoume a Felix Rodriguez de la Fuente. jeje
    Un saudoo

    ResponderEliminar
  6. ARTAI! Alégrame moito verte por aquí. Mil grazas polo cumprido. Espero que de vez en cando te deixes caer, así axudarasme, ti tamén, a que este blog siga adiante durante moito tempo.

    Sabedes que hai uns meses entereime de que unha compañía eléctrica quere facer un encoro alí? A temblar! Temos encoros para dar e tomar, pero sitios como Os Vaos... poucos.

    PD: Tomo a comparación con Félix como un halago!

    SANDRA: se vén Iker Jiménez, dalle para un programa especial!

    ResponderEliminar
  7. elvira4/7/11

    Se este era o misterio o que te referías non teño resposta máis alá da que ti das. Vou parecer Bisbal pero digo outra vez IMPRESIONANTE.

    ResponderEliminar
  8. Iria García12/7/11

    Que precioso documentaxe Miguel, encántoume o lugar, as "sorpresas"...sobretodo ver eso de "Lombardero"! A ver se nos podemos achegar algún día por aí! Moi bo traballo!

    ResponderEliminar
  9. Iria! Grazas polas túas palabras.
    Non me extraña que che gustase o de Lombardero: cáeche moi preto! Sabes? Acórdome que estando en 4º, nos primeiros días de clase, dixen que ese apelido procedía de ferreiros que viñeran da Lombardía, en Italia... Abriche moito os ollos e puxeche cara de "Ein?"... Sorpresa lóxica. Pero, ao final, xa ves que levas un apelido importante!
    Facemos logo outra excursión de 18?!

    ResponderEliminar
  10. Iria García12/7/11

    Sí, certo.. acórdome dese día e de poñer seguro que esa cara! O ver Lombardero alí escrito, alegreime un montón! Sí, levo un bo apelido! jeje
    Pois por min, facémola encantada :D

    ResponderEliminar
  11. Martinha31/12/13

    Ola Miguel!

    Qué tal todo? Fai moito que non veño por aquí! Está pasando estes días conmigo unha amiga, e xusto onte lembreime de ensinarlle o teu blog!
    Non adiviñas onde estivemos hoxe mesmo á noite!! ... Queríamos ir dar unha volta a préto e decidimos ir visitar Os Baos (eu xa estivera por alí, pero só na zona do Chao e en Soutelo...).
    Coméntoche a nósa experiencia! ;). Foi todo unha aventura... pois pretendíamos sair da casa de día, pero entre unhas cousas e ouuuutraaas... a noite se nos botou encima!
    Chegamos ben, gracias ao GPS; o primeiro inconveniente co que nos atopamos foi o sitio onde aparcar... notábamos a presencia de ollos (moitos ollos) que nos vixiaban (por outra parte entendible; dada a visita inesperada de dúas extrañas a aquelas horas). Finalmente atopamos sitio (tras sair unha señora e parar a nósa discusión sobre se dábamos pasado co coche por aquel camiño!!!). E aló fomos! Non sen antes coller o teléfono para grabar un vídeo que... no no no! nunca verá a luz ;). Con dous focos en plan expedición fomos achegándonos ao lugar; e alí démos varias voltas observando as curiosidades da zona.
    A parte das cousas que ti mencionas, chamounos a atención un par de escaleiras que non dan a ningures (xusto en fronte da entrada principal ao recinto); tamén o feito de que as escaleiras do campanario están fóra (non sei se é moi habitual... nós nunca as víramos así); ademais que había moitísimas portas para entrar á Igrexa (sendo a mesma bastante pequena).
    Preguntamos ao volver para o coche a un señor que nos saíu a unha porta sobre o tema das calaveras, pero non sabían nada!... Nós tamén intentamos formular algunha hipótese, sen chegar a ningunha conclusión clara! Chámanos moito a atención o da ventana (pois non había outra simétrica no outro lado), é como se esa fiestra e as calaveras formaran unha composición); tamén pensamos no da simboloxía do número cinco (aunque ao ler agora que antes había máis calaveras quizáis non teña importancia).
    Por certo! Estivemos xusto onte en Riotorto (foi pena que non víramos o comentario de que alí tamén había unha calavera dentro... jaja).
    Quédanos pendente ás dúas outra visita! E desta vez de día, evidentemente :)
    Nada máis... un bico de cada unha! E gracias por seguir ofrecendo moedas! Intentarei recollelas máis a miúdo :)

    Marta e Tamara.

    ResponderEliminar
  12. Ola Marta (e Tamara)!!

    Quen me dera ver ese vídeo! Pero vós sodes unhas valentes! Hai que botarlle valor para ir de noite aos Vaos (houbo discusión en torno a V ou B, pero o topónimo oficial finalmente vai con V). A min ténseme feito de noite estando alí, pero o recomendable é chegar de día, porque unha das cousas precisamente máis potentes é a localización tan incrible que ten.
    Intúo que chegasteis pola pista de enriba, a que, tras pasar por Muxén, vai dar mesmo entre as casas; é unha mágoa, o outro traxecto é moito mellor. Anota: desde Os Cangos, tes que coller a outra pista, a que vai por Vilarpescozo. Desta maneira, xa polo camiño vas entendendo en que tipo de lugar están os Vaos. E cando chegas, accedes pola ponte que se ve aló embaixo, a que cruza o río Rodil. É dicir, xusto o contrario de por onde viñais vós. Precisamente a un lado da ponte hai un bo sitio para deixar o coche, sen meterse entre as casas.
    Iso si, con coche ou sen el, e a pesar dos poucos veciños, esa sensación de ollos que te observan, sempre está aí.
    E dos misterios que vos vou contar... A min gústame iso de que non o saibamos todo. E sorpréndeme, como a vós, que os propios veciños non saiban explicar o asunto dos cranios. Marabíllame o lugar , o reloxo, os retablos que hai dentro, e esa escena feita adrede da ventana no pórtico... Os Vaos son un tesouro!

    A de Riotorto é na Órrea, e quédavos moito máis preto de Meira. Iso si, está no interior, e de aí si contan algunha historia... Así que xa me contaredes!

    Alégrome moitísimo de que vos gustara o lugar (volveredes... seguro!), e mándovos un bico enorme ás dúas. Hai tempo xa que non fago este tipo de vídeo-visitas, pero o voso comentario acábame de cargar as pilas para retomalo. :)

    Un bico ás dúas, e non deixedes de contarme!

    ResponderEliminar
  13. Deixo aquí unha entrevista que me fixeron sobre o tema dos cranios dos Vaos, na Radio Galega, no programa "Coñecer Galicia". A entrevista empeza no minuto 7, aproximadamente. Que vos guste!

    http://www.crtvg.es/rg/podcast/conecer-galicia-conecer-galicia-do-dia-28-02-2015-1028156

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

6º Concurso CineHistoria

Despois de 5 edicións, non pensaríades que deixaríamos acabar o curso sen o noso concurso favorito, non...? Pois benvidos a CineHistoria! , o certame de minicríticas de cine máis famoso da comarca!  Velaquí as 40 críticas (en formato orixinal) desta edición,. Podedes lelas todiñas nos comentarios! As normas e o sentido do concurso xa o sabedes , pero por se acaso...: Para quen? Participan os meus alumnos de Historia de 1º de Bacharelato . Este ano, 40. Que teñen que facer? Eu reparto unha listaxe dunhas 50 pelis .  Cada un deles ten que elixir unha para ver antes dunha data límite. Condición obrigada: que non a viran nunca!  Onde e cando? Cando acabou o tempo para ver as pelis, un día, sen previo aviso reparto en clase un papel.  Cada participante ten 8 liñas e uns 20 minutos para escribir . Como facelo? A crítica debe ser algo máis que un resumo. Debe ter opinión, análise, orixinalidade e, sobre todo, espertar unha emoción no que le. Prohibido deix

V Concurso CineHistoria

Os bos costumes non se poden perder. Por iso, había que volver coa quinta edición do Concurso máis lonxevo (creo) do noso instituto.  Como cada ano, convoco aos meus alumnos de Historia do Mundo Contemporáneo (1º Bacharelato) a un certame, que non é máis que unha escusa para ver cine... e, a través dese cine, para tecer lazos invisibles coa Historia, ou sinxelamente coa vida .  Que como o facemos? Doado. Entrego unha lista ampla de películas coas que un se pode achegar á Historia (ou ao bo cine); concedemos un prazo de tempo para que cada alumno poida ver polo menos unha delas; e cando todos teñen visto xa a súa peli, chego un día por sorpresa a clase e exclamo: " Aquí comeza o Concurso de Críticas CineHistoria! ";  ese día, nun silencio de 20 minutos e baixo pseudónimo, cada alumno esfórzase por escribir a crítica da peli que viu, sabendo que debe facelo da forma máis persoal, orixinal e efectiva posible...   Con que premio? Con cal vai ser! Aquí comeza o V CONCURS

Concurso Galicia en Foto (II)

Aquí volve o noso concurso! E unha vez máis, non penso dicir onde está isto ... Porque queda da vosa man! Iso si, desta vez cambiamos o método de resposta: en vez de escribir a solución publicamente nun comentario, enviarédesma a min directamente facendo clic na parte superior do blog, onde di "INFO", e dentro diso en "CONTACTO". Unha vez aí, non tedes máis que poñer nome, email e a vosa resposta! Deste xeito chegará a min sen que outros poidan vela.  Gaña quen acerte o nome concreto e a función do lugar no que botei esta foto .  Tal e como prometera, desta vez agarda un premio de cine! O PRAZO PARA CONCURSAR  REMATA ÁS 23.00 HORAS DO SÁBADO 9 PUBLICAREI TODAS AS RESPOSTAS E O GAÑADOR AQUÍ AO LONGO DO DOMINGO 10 BRAVO CENTURIÓNS! O lugar da foto é o fermoso campamento romano de Aquis Querquennis,  en Bande (Ourense). Os vellos coñecían o sitio como A Cidá, pois vían muros e obras de edificacións antigas.  En 1947, ao construírse o Encoro d