VÍA |
Por que "Moedas para Caronte"? Na
mitoloxía grega, Caronte era o barqueiro encargado de levar aos defuntos dunha
beira a outra do río Aqueronte, sempre e cando tiveran unha moeda coa que
pagarlle a viaxe. É por iso que os antigos gregos deixábanlle unha aos seus mortos baixo a lingua, ou dúas pousadas sobre os ollos, antes de despedirse deles. Para que
Caronte accedese a levalos na súa barca, e chegasen así a onde debían.
Se
o pensades ben, o barqueiro asusta menos se durante a vida nos traballamos esa
moeda para o inevitable Caronte. Como? Aprendendo a vivila. Agarrándonos á Historia, ao cine, aos libros, ás viaxes, ás persoas e aventuras polas que paga a pena loitar... e tamén ás cousas boas que se poden vivir nunha clase de Historia. Porque son estas “moedas” as que ensinan a levar a vida, e as que nos axudarán a chegar
lúcidos e tranquilos ao momento do barqueiro...
Coa certeza de ter vivido.