volver. 3. Ir de novo ao lugar do que se partiu ou onde se estivo antes.
Volver sempre é estraño. Pensádeo ben. A palabra parece levar implícito que todo vai estar ou seguir igual ao noso regreso, pero non é verdade. Entre outras cousas, porque, como di un vello amigo, "el tiempo no se para con nadie"; e o tempo non só engade días ou anos, senón tamén trazos novos, que antes non estaban. Quizais por isto algúns defenden que é mellor non volver aos sitios ou persoas coas que un xa foi feliz no pasado... Pero volver nunca é mellor ou peor, senón só diferente. Nunca vexades os regresos como un problema, senón coma un reto.
Os primeiros días de volta á clase son raros para todos. Tamén para min, como profesor. Non é unha cuestión de ganas ou ilusión (creo que ambas cousas se me notan moito dentro dunha aula), senón de todo o que un sente de golpe. Está, por exemplo, a alegría inevitable cando reatopas caras amigas; a mirada curiosa dos alumnos novos, ou a inigualable presión de sentir a trinta persoas escaneándote a fondo no primeiro e determinante minuto de curso. Pero é a partir do segundo minuto, xusto cando a clase se volve interacción e o profe cede protagonismo, cando non podes evitar preguntarte onde estarán as outras caras e voces: aquelas ás que tamén te habituaras no curso anterior...
O creades ou non, hai alumnos que un desexaría poder ter sempre ao lado, poder darlles clase sempre... Bueno sempre, non. Só ata que teñan que marchar para seguir medrando. Pola súa curiosidade, polo seu afecto, polo esforzo, pola intelixencia, pola amizade... alumnos que botas de menos por como son. Alumnos que doe non ter. Ocórrenseme moitos nomes, pero non é lugar para dicilos. De todos modos, sabede que, esteamos xuntos ou non este curso, bótovos de menos. E que sempre que prepare unha clase este ano, ou que publique unha historia en Caronte, estarei tamén pensando en vós. Porque así me sucede, curso tras curso, desde o meu primeiro ano en Meira.
Vedes? Tampouco para min é unha volta a clase sen máis; ao revés, cada curso é un reto. E este, prometo volver con moita forza. Tanta coma sempre. Ou máis!
Preparádevos, alumnos novos, vellos e amigos meus.
Volvemos á carga. Estades no meu punto de mira.
Preparádevos! Comeza o bombardeo de Historias e moedas. |
Había xa tres meses que non volvía a Caronte. Tiña tantas ganas de volver, que non sabía como facelo. Espero que este regreso vos motive tanto como a min. Grazas por esperar. Grazas por unirte. Grazas por comentar ou compartir... Grazas a todos, por estar aí.
Benvido!! Xa botábamos de menos as moedas de Caronte! ;-)
ResponderEliminarGrazas polos ánimos S.! Xa o botaba de menos eu tamén!
EliminarEstou dacordo, creo que todos desexábamos xa compartir as túas "historias" en Caronte. Benvido de novo.
ResponderEliminar"Ai, que historias!", dicía miña abuela cando rescataba algunha da súa memoria... Grazas MLP, quedan moitos tesouros por atopar!
Eliminar