Saltar ao contido principal

Feliz Viagem para Lisboa, meninos!

Teríame encantado ir con vós. Pero ides ben acompañados e non teño nin a máis mínima dúbida de que será algo inesquecible. Como o é a propia Lisboa. Porque... Imaxinade unha cidade xurdida en plena desembocadura do río máis grande da península Ibérica, desde onde partían os grandes exploradores oceánicos de Portugal, como Vasco de Gama ou Fernando de Magalhanes. 



Imaxinade os enormes navíos de madeira entrando a vela, remontando o río desde o océano, e pasando lentos e pesados moi preto da Torre de Belem, defensa da cidade desde 1515. Desde esta torre podíase cañonear a calquera fragata inimiga, aínda que co tempo serviu tamén de faro, cárcere e sobre todo de alfándega (ou aduana). 


Cando a pisedes, lembrade que por ela pasaban as exóticas mercadorías que os mellores navegantes do mundo traían no retorno das súas viaxes a África e Asia. Como o primeiro rinoceronte vivo que, procedente da India, pisou Portugal en 1513. Xusto dous anos antes de que os canteiros o deixasen impreso para sempre na magnífica decoración do exterior da torre. 


Sabede que precisamente para celebrar un regreso da India, o de Vasco de Gama, a escasa distancia de alí ergueuse no XVI o impresionante Mosteiro dos Jerónimos. Xusto sobre unha pequena ermida na que el e a súa tripulación rezaran antes de partir cara a India. Cando esteades alí, sentiredes que non tedes ollos para algo tan grande. Non importa se sodes relixiosos ou non. É imposible entrar no claustro ou na súa igrexa de altísimas columnas e non sentirse sobrecollido pola grandiosidade dun lugar así. Aproveitade, detédevos, sentádevos un rato. Mirádea ben. Ningunha foto lle fará xustiza ao que poidades gardar na vosa memoria.



Ao camiñar cara o centro, pola beira do Texo (medio río medio mar), iredes a parar a unha enorme praza, a máis importante de todas as da cidade: a Praza do Comercio. Acaso podía ter outro nome, estando como está completamente aberta ao mar?




Veredes cedo que Lisboa ten un encanto especial. Un algo que a fai diferente. Hai nela a luz e a cor das cidades abertas ao mar. Por mérito propio, o que en calquera cidade de Europa nos parecería ordinario e cutre, alí é pura autenticidade. Marca da casa.


Lisboa componse de diferentes barrios a distintas alturas, e as subidas ás veces non son fáciles. Iso si, ademais de escaleiras interminables, atoparedes axudas que poden resultar moi divertidas.





Ou incriblemente sorprendentes e elegantes, como o Elevador de Santa Justa, construído por un seguidor de Eiffel e inaugurado en 1902 para unir La Baixa co Barrio Alto. Hai que subir e probalo! 


Pola experiencia, polas vistas, e para ver as curiosas ruínas que resisten no Barrio Alto.



Así, tal e como vós a veredes, quedou a maior igrexa gótica da cidade, a do Convento do Carmo, tras o brutal terremoto de Lisboa de 1755. Eran as 9.30 do 1 de Novembro, día de defuntos, e o tremor colleu na igrexa a moitos crentes. Durante case seis minutos, Lisboa tremeu e raxouse en enormes fendas. A xente correu á zona aberta no entorno dos muelles, pero só corenta minutos despois todos viron como o mar retrocedía deixando o leito do Texo completamente baleiro. Minutos despois, tres maremotos de ata vinte metros de altura enguliron gran parte da cidade; o resto, ardeu durante cinco días seguidos. 90.000 persoas morreron. E os lisboetas xa nunca máis quixeron restaurar esta igrexa. Para eles estas ruínas son unha forma de non esquecer o que sucedeu... de ter moi presente o que un día pode volver pasar. Historia pura e dura.



Xusto en fronte, no alto dun outeiro, vixía a cidade o Castelo de Sao Jorge. Non sei como subiredes ata alí. Podedes subir a patas (e poñervos cachas) ou ben cariñosamente amontonados no interior do carismático tranvía 28. Un tranvía de madeira que gabea lixeiro polas estreitas rúas, coa campana funcionando a todo trapo (pasooo!), e que transita polos puntos máis potentes da cidade. Como a Sé, Catedral de Lisboa.


Pos suposto, non todas as cousas saen nos planos ou nas guías. Moitas veces, as imaxes máis orixinais e perdurables dunha cidade, non están precisamente nela; senón na forma que vós teñades de mirala. Mirade ben, e veredes algo diferente.

O mellor retrato que obtiven en Lisboa
Feliz viaxe, amigos. Que Lisboa vos trate ben, e vós a ela.
E, de paso... non esquezades a postal para os que nos quedamos! 

Comentarios

  1. Vitoria7/4/14

    Con galgo, ademáis!
    Non podo evitar saludala cos versos de sempre:
    "Otra vez vuelvo a verte, Lisboa, Tajo y todo".
    LISBON REVISITED,Fernando Pessoa.
    Un poema, outra mirada:http://www.enfocarte.com/poesiasemanal/pessoa.html

    ResponderEliminar
  2. Señor galgo!

    De Pessoa a Saramago, e tiro poque me toca:

    "Bien podría ser que Lisboa, contrario de lo que parecía, no fuera ciudad, sino mujer, y la perdición solo amorosa, si el restrictivo adverbio tiene cabida aquí, si no es ésa la única y feliz perdición."

    en "Historia del cerco de Lisboa".

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

6º Concurso CineHistoria

Despois de 5 edicións, non pensaríades que deixaríamos acabar o curso sen o noso concurso favorito, non...? Pois benvidos a CineHistoria! , o certame de minicríticas de cine máis famoso da comarca!  Velaquí as 40 críticas (en formato orixinal) desta edición,. Podedes lelas todiñas nos comentarios! As normas e o sentido do concurso xa o sabedes , pero por se acaso...: Para quen? Participan os meus alumnos de Historia de 1º de Bacharelato . Este ano, 40. Que teñen que facer? Eu reparto unha listaxe dunhas 50 pelis .  Cada un deles ten que elixir unha para ver antes dunha data límite. Condición obrigada: que non a viran nunca!  Onde e cando? Cando acabou o tempo para ver as pelis, un día, sen previo aviso reparto en clase un papel.  Cada participante ten 8 liñas e uns 20 minutos para escribir . Como facelo? A crítica debe ser algo máis que un resumo. Debe ter opinión, análise, orixinalidade e, sobre todo, espertar unha emoción no que le. Prohibido deix

V Concurso CineHistoria

Os bos costumes non se poden perder. Por iso, había que volver coa quinta edición do Concurso máis lonxevo (creo) do noso instituto.  Como cada ano, convoco aos meus alumnos de Historia do Mundo Contemporáneo (1º Bacharelato) a un certame, que non é máis que unha escusa para ver cine... e, a través dese cine, para tecer lazos invisibles coa Historia, ou sinxelamente coa vida .  Que como o facemos? Doado. Entrego unha lista ampla de películas coas que un se pode achegar á Historia (ou ao bo cine); concedemos un prazo de tempo para que cada alumno poida ver polo menos unha delas; e cando todos teñen visto xa a súa peli, chego un día por sorpresa a clase e exclamo: " Aquí comeza o Concurso de Críticas CineHistoria! ";  ese día, nun silencio de 20 minutos e baixo pseudónimo, cada alumno esfórzase por escribir a crítica da peli que viu, sabendo que debe facelo da forma máis persoal, orixinal e efectiva posible...   Con que premio? Con cal vai ser! Aquí comeza o V CONCURS

III Concurso CineHistoria

Como cada curso, e xa van tres, en 1º de Bacharelato empregamos a Historia como unha escusa para ver cine... Ou será que usamos o cine como escusa para ver a Historia? O funcionamento é sinxelo. Entrego unha lista de películas por época histórica, concedo un prazo amplo para ver unha delas e despois realizamos un concurso de críticas onde cada un busca unha forma orixinal e breve de falar da peli que elixiu... Con que premio? Con cal vai ser! Aquí comeza o  III CONCURSO CINE HISTORIA  de 1º Bacharelato! 49 películas na lista. 41 candidatos que escribiron a súa minicrítica (8 liñas). 3 pelis de premio (as da imaxe) para as 3 mellores! A partir desta tarde podedes lelas todas, nos Comentarios  desta entrada. Este Xoves 4 , na clase e no blog:  Gañadores, Premio e Foto! Sorte a todos!