O avión, potente, empeza a subir. Ruído. Expectación. Nervios. Miradas inquietas. Oídos taponados. E no asento do lado, Ana vaticinando a morte inminente de todo o grupo... Galicia quedaba debuxada aló abaixo, e nós voamos xa por fin cara Barcelona. Nese momento, chámame a atención unha bolsa de papel asomando no repaldo do asento. E ao tirar dela, comezan a saír despacio, coma se estiveran agardándonos, unhas letras ben coñecidas para os de Historia: Keep Calm... di no papel. Sorriso.
A bolsa de papel do avión, sobre o noso plano de Barcelona |
Ás veces o bonito de viaxar está neste tipo de momentos. Na complicidade que produce o saber ubicar as cousas que atopas polo camiño. Curiosamente, había pouco que neste blog caera unha entrada explicando de onde viña (II Guerra Mundial, lembrades?) o agora famoso lema. Quen nos ía dicir cando falamos delo na clase, que esta frase nos agardaría nos asentos do avión da nosa viaxe de fin de curso?
Volvendo á nosa bolsa de papel, o seu propósito era axudar a respirar a quen o precisase durante o voo. De aí a mensaxe: Mantén a calma e respira. Afortunadamente, non foi necesario recurrir a ela. Pero coa viaxe xa rematada, e probándoa agora antes de facer a foto, pregúntome se esta bolsa e o seu histórico lema non terían sido moito máis útiles e necesarios neste outro lugar, AQUÍ (clic)... Respirade. :)
Comentarios
Publicar un comentario
Grazas por comentar!