14/04/13

Project Xtupids

14/04/13

Project X é unha película, e Xtupids os que a viron e non entenderon nin papa. Falo dos protagonistas da "proeza" que foi penosa noticia desta semana en Galicia. A dun grupo de adolescentes que, a conta dos cartos e a confianza doutros, destrozaron por completo unha casa de turismo rural que unha nai alugara para que a súa filla celebrara entre amigos o seu 17 cumpreanos. O album de fotos publicado por La Voz de Galicia é gráfico dabondo.





Chegar a isto é máis fácil do que parece. Basta cunha casa baleira (sexa alugada ou a de teus pais) e con que alguén comparta a bombo e prato nas redes sociais un evento que debera ser privado e só para amigos de verdade. Como é obvio, isto fará que na festa aparezan moitas máis persoas das agardadas, e non todas coñecidas, nin con regalo, nin tampouco con honrosas intencións. A partir de aí,  e coa multitude como oportunidade para o anonimato, é moi doado imaxinar como se pode chegar ao que se chegou: 30.000 euros en danos materiais, denuncia ante a Garda Civil, expulsións do colexio, ficha policial, antecedentes penais, un xuízo por enfrontar e... a decepción de ter sido parte dalgo así. 

Non vexo ningunha valentía en crerse con dereito a destruír a vida dos demais, nin en ampararse nunha minoría de idade para eludir responsabilidades, nin en mofarse de arrasar a casa e a saúde de persoas inocentes. Non hai nada virtuoso en non dar a cara inmediatamente para reparar os danos e asumir as consecuencias, e moito menos en saír correndo como hienas a gardarse baixo o protector paraugas de mamá, á cal, se respectaran de verdade non lle farían isto. Grazas a xoias coma estas, ninguén en Galicia vos alugará nunca unha casa nin tampouco confiará en vós, por moi boas e responsables que parezan as vosas intencións.

Este é un caso gravísimo de delincuencia e vandalismo xuvenil, e un bo exemplo da impunidade absoluta coa que moitos rapaces poden chegar a actuar cando os seus actos non teñen consecuencias e todo lles está permitido. Contra isto só podemos facer unha cousa: EDUCAR. E educar consiste precisamente en dicir Non, en ensinar a gañarse as cousas, en aprender a vivir respectando aos demais, e, sobre todo, en facer vivir na pel as consecuencias do que se fai mal. A casa pódese amañar. Os erros e a confianza non.

Recibe os contidos no teu correo

2 comentarios

  1. Sí, e o peor de todo é que aínda onte lendo o xornal poiden ver que se farán cargo os pais de arranxar o que os seus fillos destrozaron, creo que tiñan que ser eles mesmos os que ó fixeran a ver se así se daban conta do que realmente costan ás cousas e ademais por suposto non sólo arranxando senón correndo cós gastos tamén.

    ResponderEliminar
  2. Como saber o valor das cousas cando a ti non che costan nada? Como aprender cando nin sequera che deixan vivir as consecuencias do que fas? A sobreprotección non ensina a vivir.

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK