Saltar ao contido principal

O faro de Ons e a señora Áurea

Chámanse Faros porque así se chamaba a illa na que se ergueu o primeiro: o de Alexandría, no delta do Nilo. A costa era moi recta alí e non había nin unha forma de relevo recoñecible que servise de guía aos mariños. Así que decidiuse erguer unha torre ben alta, a modo de orientación e referencia para os barcos que navegasen esas costas. No alto, un gran espello metálico reflectía a luz do sol polo día e a dunha fogueira durante a noite. Era o século III a. C. E aí permaneceu, sólido, desafiante e leal, resistindo os embates do mar e do tempo, ata que no XIV, 1.600 anos despois da súa construción, dous enormes terremotos asolaron a illa e derrubaron para sempre o seu impoñente faro, ese que quizais vistes recreado na película Ágora.

Todos temos debilidades. Por diversos motivos, os faros son unha das miñas. Sempre no límite extremo da terra, solitarios, útiles, leais, os faros son esa luz que nos guía xusto cando máis o precisamos, ante violentos temporais, tebras imprevistas ou fronte a un litoral perigoso e descoñecido. Non importa como estean as cousas, o tempo ou o mar: un faro, sempre está aí, listo para guiarnos e acompañarnos coa súa cálida e potente luz. Agora xa non, pois os tempos cambiaron e os faros están automatizados, pero antes, en cada gran faro, sempre había unha persoa ao cargo e vivindo alí: os torreiros. Visitámolos?



Cando a néboa era moi densa, os faros acendían unha sirena para ser escoitados mar adentro. Como aqueloutras sirenas que chamaban por Odiseo... Tampouco todos os faros son iguais. Pola luz, a cor e os intervalos, os mariños poden saber que faro concreto é o que está fronte a eles, aínda na distancia e na escuridade da noite. O faro da illa de Ons, por exemplo, fronte á ría de Pontevedra, ten luz branca e distínguese porque lanza catro destellos relámpago cada vintecatro segundos. Nin un máis nin un menos. E aí leva 200 anos, alumando e protexendo sen descanso 25 millas de mar ao seu arredor.

Faro da illa de Ons. Fotografía, Wikipedia.


E sabedes unha cousa? Este, precisamente este que temos tan preto, é un dos derradeiros faros habitados que quedan en España. Nel vive aínda a viúva do que ata hai poucos anos fora o torreiro. Algunha vez imaxinastes que a vosa casa fose un faro? Imaxinades como sería vivir nun lugar así? A señora Áurea, que si o viviu, teno claro: Romántico. E a min, encántame que llo pareza. É máis, gústame a señora Áurea. E sen telo coñecido, gústame tamén a imaxe que ela debuxa no aire ao falar do seu torreiro... Escoitándoa, comprendo que tamén el viviu querendo ser un faro para ela.

Comentarios

  1. marisa19/8/12

    ¡que bonito o faro da illa de Ons! a verdade e que a min tamén me gustan ainda que me dan un pouco de medo, non me gustaría vivir nel pero sí poder velo por dentro.

    ResponderEliminar
  2. Supoño que dan un pouco de medo, Marisa, porque non os coñecemos moito: é difícil ter a sorte de ver un faro por dentro... Ou se cadra é polo vento, que seguramente zoa duro contra o edificio nas noites de inverno... Ou, non sei, quizais é polo sós que se ven fronte a un mar enorme, profundo e, ás veces, terrible.

    A min en cambio gústame esa soidade, que imaxino luminosa e tranquila... Gústame a súa privilexiada posición, colgado no mar, coma se estiveras a navegalo subido ao castelo dun barco... E gústame, sobre todo, a súa función: esa luz xenerosa, nobre e leal que, invariablemente, tende o seu brazo aos valentes que se atreven a saír da baía...

    ResponderEliminar
  3. Sandra22/8/12

    A min tamén me encantan os faros!!! Non sei se é polas súas formas, as súas cores, os sitios preciosos onde están, o mar que os rodea ou as incribles e emocionantes historias que verían... Transmiten beleza e algo especial, incluso nas fotos ou debuxos nas que aparecen.
    Tamén lle dou a razón a Marisa, ás veces dan sensación de medo, pero supoño que é por imaxinarnos sós neles pola noite no medio dunha tormenta... como naquelas fotos tan famosas dun torreiro na porta do seu faro (o de Jument na Bretaña francesa) mentres un mar bravío o envolve nunha enorme onda. Aaaiii que medooo!!!

    ResponderEliminar
  4. Boa memoria, Sandra!

    Aquí o tedes: o torreiro, o faro e a terrible onda que case os leva arrastro aquela noite de decembro de 1989.
    http://moedasparacaronte.blogspot.com.es/2011/06/impresionante-secuencia-do-faro-de-la.html

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

6º Concurso CineHistoria

Despois de 5 edicións, non pensaríades que deixaríamos acabar o curso sen o noso concurso favorito, non...? Pois benvidos a CineHistoria! , o certame de minicríticas de cine máis famoso da comarca!  Velaquí as 40 críticas (en formato orixinal) desta edición,. Podedes lelas todiñas nos comentarios! As normas e o sentido do concurso xa o sabedes , pero por se acaso...: Para quen? Participan os meus alumnos de Historia de 1º de Bacharelato . Este ano, 40. Que teñen que facer? Eu reparto unha listaxe dunhas 50 pelis .  Cada un deles ten que elixir unha para ver antes dunha data límite. Condición obrigada: que non a viran nunca!  Onde e cando? Cando acabou o tempo para ver as pelis, un día, sen previo aviso reparto en clase un papel.  Cada participante ten 8 liñas e uns 20 minutos para escribir . Como facelo? A crítica debe ser algo máis que un resumo. Debe ter opinión, análise, orixinalidade e, sobre todo, espertar unha emoción no que le. Prohibido deix

V Concurso CineHistoria

Os bos costumes non se poden perder. Por iso, había que volver coa quinta edición do Concurso máis lonxevo (creo) do noso instituto.  Como cada ano, convoco aos meus alumnos de Historia do Mundo Contemporáneo (1º Bacharelato) a un certame, que non é máis que unha escusa para ver cine... e, a través dese cine, para tecer lazos invisibles coa Historia, ou sinxelamente coa vida .  Que como o facemos? Doado. Entrego unha lista ampla de películas coas que un se pode achegar á Historia (ou ao bo cine); concedemos un prazo de tempo para que cada alumno poida ver polo menos unha delas; e cando todos teñen visto xa a súa peli, chego un día por sorpresa a clase e exclamo: " Aquí comeza o Concurso de Críticas CineHistoria! ";  ese día, nun silencio de 20 minutos e baixo pseudónimo, cada alumno esfórzase por escribir a crítica da peli que viu, sabendo que debe facelo da forma máis persoal, orixinal e efectiva posible...   Con que premio? Con cal vai ser! Aquí comeza o V CONCURS

III Concurso CineHistoria

Como cada curso, e xa van tres, en 1º de Bacharelato empregamos a Historia como unha escusa para ver cine... Ou será que usamos o cine como escusa para ver a Historia? O funcionamento é sinxelo. Entrego unha lista de películas por época histórica, concedo un prazo amplo para ver unha delas e despois realizamos un concurso de críticas onde cada un busca unha forma orixinal e breve de falar da peli que elixiu... Con que premio? Con cal vai ser! Aquí comeza o  III CONCURSO CINE HISTORIA  de 1º Bacharelato! 49 películas na lista. 41 candidatos que escribiron a súa minicrítica (8 liñas). 3 pelis de premio (as da imaxe) para as 3 mellores! A partir desta tarde podedes lelas todas, nos Comentarios  desta entrada. Este Xoves 4 , na clase e no blog:  Gañadores, Premio e Foto! Sorte a todos!